Así é o metaverso da UVigo, o máis avanzado de todo o sistema universitario español

O proxecto inclúe espazos comúns virtuais que poden empregarse como salóns de actos ou como espazos de presentación e exhibición

Unha serie de espazos comúns virtuais, inspirados nas contornas dos tres campus da Universidade de Vigo (UVigo) e que poden empregarse como salóns de actos ou como espazos de presentación e exhibición, nos que a comunidade universitaria pode interactuar a través dun avatar. Pero tamén espazos para actividades específicas de diferentes ámbitos e titulacións, como a aplicación de realidade virtual para a simulación de procesos de creación audiovisual desenvolvida na Facultade de Comunicación. Todos estes elementos conxúganse en UNIverso UVigo, o proxecto de metaverso desenvolvido dende a institución e presentado este martes en Pontevedra.

Impulsado ao abeiro dunha liña de axudas da Xunta de Galicia para a virtualización de laboratorios, este proxecto busca “ofrecer unha infraestrutura para estudantes, docentes e investigadores que poida ir medrando a medida que se incorporan novos módulos”. Tratase do resultado de dous anos de traballo nunha iniciativa que, “no momento que se concibiu era totalmente innovadora”, sinalou Martín López Nores, vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, durante a presentación. Segundo explicou, trátase do proxecto de metaverso co “desenvolvemento máis avanzado” dentro do sistema universitario español.

Publicidade

Durante o acto presentáronse as funcionalidades actuais de UNIverso UVIgo, as que se implantarán nos próximos meses, así como os traballos realizados na Facultade de Comunicación para deseñar Simulacro. Inserida neste metaverso, trátase dunha aplicación que que permite desenvolver labores de realización, dirección de fotografía e manexo de cámaras nun plató virtual.

Concibido, coa idea de que non fose “un xemelgo dixital” da universidade, UNIverso UVigo naceu como unha “ferramenta que non vén para substituír nada, senón para complementar dun xeito moi efectivo e moi atractivo as tarefas docentes”, subliñou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa. “A tecnoloxía hai que empregala como complemento da actividade presencial, porque dános posibilidades enormes, como traballar en remoto ou compartir recursos”, sinalou o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro, que puxo en valor o grao de desenvolvemento da proposta deseñada pola Facultade de Comunicación. A súa decana, Emma Torres, incidiu nese senso en que se trata dunha ferramenta que busca dar resposta “ás necesidades da docencia”, pero tamén contribuír ao labor investigador que se desenvolve no centro e apuntou que será empregada o vindeiro curso en diferentes materias.

Publicidade

Un espazo para a docencia, a investigación e a interacción 

Ao abeiro desta liña de axudas para a virtualización de laboratorios, lembrou López Nores, a UVigo iniciou en 2022 o proceso de deseño dun “metaverso propio”, que o pasado curso levou a unha “convocatoria interna de proxectos de innovación docente”, xa que a idea era que UNIverso UVigo medrase a partir das necesidades e propostas do persoal docente e investigador. Esta convocatoria deu como resultado proxectos como Simulacro e outras iniciativas que se atopan en fase de desenvolvemento, explicou, como a proposta da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de deseñar “ferramentas para visualizar órbitas e percorridos dos drons cos que traballan”, ou o “emprego inmersivo de ferramentas de CAV en contornas 3D” proposto pola Escola de Enxeñería Industrial.

Ao mesmo tempo, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación probáronse as posibilidades deste espazo para unha “interacción inmersiva con fórmulas matemáticas complexas”. Neste punto, o vicerreitor definiu este metaverso como “unha contorna virtual compartida”, que irá “medrando de xeito orgánico a partir das percepcións de interese, utilidade e valor engadido” procedentes de diferentes áreas, tendo en conta ademais as posibilidades que outorga este espazo virtual para “superar algunhas limitacións” no referido aos “colos de botella” que con frecuencia implica a dispoñibilidade de equipamentos, laboratorios ou materiais para uso docente.

UNIverso UVigo, engadiu o vicerreitor, será tamén un metaverso “no que atoparse e gozar de interaccións aumentadas”, en espazos comúns nos que poden desenvolverse conferencias, presentacións de estudos, reunións ou titorías. Ao mesmo tempo, neste metaverso intégranse tamén “servizos propios da UVigo”, como Moodle ou Campus Remoto e conta cun “servizo de escritorio virtual de baixa latencia”, que permite empregar “software de uso académico cunhas condicións moi optimizadas”. 

Por outra banda, as posibilidades dun metaverso en materia de innovación docente constitúen “un campo de investigación aínda moi pouco transitado”, recoñeceu López Nores, quen ve nesta ferramenta unha oportunidade para avanzar na investigación neste eido, ao tempo que “resolven necesidades docentes”. Nese senso, o vicerreitor sinalou que o progresivo crecemento desta iniciativa permitiu a recente concesión á UVigo do “premio ao mellor espazo educativo audiovisual nun evento moi importante a nivel europeo” centrado nos servizos de información das universidades.

Unha simulación dos procesos que conflúen nun plató

O acto completouse coa demostración da aplicación de realidade virtual Simulacro, presentada polo vicedecano Oswaldo García. O seu obxectivo é “simular procesos de creación audiovisual para facilitar a aprendizaxe de rutinas de produción”, vinculadas con múltiples parámetros de iluminación ou co posicionamento de cámaras. Como explicou, trátase dunha “primeira versión operativa” dun proxecto que se prevé poida ir sumando novos desenvolvementos nos próximos anos e no que contaron tamén co financiamento da Fundación Vietsch. 

García realizou unha demostración do funcionamento de ‘Simulacro’.

Cuhas lentes de realidade virtual, as e os estudantes poden “modificar a posición e configuración de diferentes fontes de iluminación”, así como mover e empregar diferentes cámaras nun plató virtual, que conta ademais con diferentes sets. Partindo da idea de que na aprendizaxe “dos fundamentos da linguaxe audiovisual”, ademais dunha “base teórica”, a práctica é fundamental para “interiorizar o funcionamento e potencial da narrativa audivisual”, esta aplicación permite realizar “dun xeito moito máis rápido, máis seguro e accesible” modificacións como cambios de iluminación.

Ao mesmo tempo, un menú que se desprega no brazo do avatar permitiralles observar “en tempo real o efecto” das modificacións que realicen de diferentes parámetros en cada unha das cámaras, como explica García. Ideado para un “fluxo de traballo” de cinco persoas, nas que unha asume os labores de dirección de fotografía, outra a de realización e outras tres o manexo das cámaras, esta aplicación permite tanto que o alumnado se achegue ás diferentes facetas dun proceso de produción, como probar e gravar escenas ou levar a cabo, de xeito virtual, “proxectos audiovisuais complexos”.

Así mesmo, a aplicación permite a participación, sen lentes de realidade virtual, dun segundo tipo de usuarios, que poden “monitorizar as decisións dos seus compañeiros”, nos diferentes roles dun proceso de produción. Nese senso, García incidiu en que aínda que existen “limitacións” e ámbitos de mellora, o obxectivo é que o próximo curso poidan levarse a cabo diferentes “experiencias” con esta aplicación en varias materias.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A UVigo emprega plantas trampa para loitar contra unha praga nas patacas

A 'Solanum sisymbriifolium' é capaz de enganar ao nematodo que ataca ao tubérculo causando a súa morte

A UVigo amplía a oferta académica co primeiro grao con mención dual de Galicia

O mércores 19 ábrese a preinscrición para as titulacións, que inclúen cinco Programas Académicos con Percorridos Sucesivos

O ciclo do sal nos océanos e o seu impacto no colapso da AMOC

Se o bucle de circulación Atlántico daría lugar a un arrefriado brusco do clima europeo