Venres 19 Abril 2024

Un paseo virtual polo poboado de San Cibrao de Lás: o multiverso galaico xa está aquí

Un proxecto galego recrea en 3D un dos asentamentos castrexos máis grandes de todo o noroeste, que estivo poboado durante catro séculos

San Cibrao de Lás ou “A Cidade” é un dos poboados galaicos máis grandes de todo o noroeste peninsular. Atópase en Ourense e comezou a estudarse en 1921 grazas ao interese de intelectuais como o escritor Vicente Risco e o historiador Florentino López Cuevillas. Os arqueólogos confirman que aínda non se chegou ao 20% do total das escavacións, o que quere dicir que queda moito por descubrir sobre a historia deste asentamento prerromano. A partir dos informes realizados ao longo de 100 anos e co asesoramento de historiadores e investigadores, un grupo de artistas visuais recreou a cidade nun vídeo 3D: un paseo virtual pola cidade galaica de Lanóbriga —o seu nome orixinal—. Neste metaverso non hai nada inventado, os deseños son fieis á realidade e o obxectivo primeiro e último do proxecto é a divulgación da historia do noso país enfocado ás novas plataformas dixitais.

En que soporte poderá desfrutarse deste mundo virtual? Existen múltiples posibilidades. O director do proxecto, Paco Boluda, conta que podería empregarse tanto en arte inmersiva, como en videoxogo ou nas escolas. “O que queremos é que a xente poda vivir nesa cidade de hai 2.000 anos“, explica. Tridia e Camalos son dúas personaxes hiperrealistas coas que se poderá interactuar neste mundo prerromano que coida ata o último detalle: as xoias, as saias, as cerámicas que se empregaban na cociña e as ferramentas para labrar a terra. Incluso a natureza está axustada á realidade da Idade de Ferro. Na actualidade os deseñadores traballan nos últimos retoques, incorporando as pirogas, os cabalos para percorrer a cidade e a contorna para chegar ao Miño dende o asentamento. Nos anos 80 puidéronse facer unha serie de fotos sobre os barrios e grazas a este material os deseñadores puideron recrear as antigas rúas de pedra.

Publicidade

Tridia, habitante de Lanóbriga.

“Temos unha imaxe nefasta das persoas que vivían nos poboados, como se fosen salvaxes, mais non era así. Ían limpos e vestidos con xoias, as mulleres vestían elegantes e os homes levaban saias. Porén, son elementos que non perduraron no tempo, como si ocorreu coa saia escocesa”, conta Boluda. O investigador explica que é necesario “cambiar a percepción” sobre a cultura castrexa sobre todo na mocidade e facela atraíbel. “Nas últimas escavacións do castro de Santa Trega apareceron restos de policromía, o que quere dicir que as casas eran de cores. É algo que sorprende. Temos cousas moi interesantes e vendibles para os ollos de fóra”, continúa Boluda. Un vídeo de case 10 minutos condensa tres anos de traballo e é a primeira presentación visual que se fixo do proxecto. Proximamente, ou iso esperan os investigadores, é probable que sexan os habitantes virtuais Tridia e Camalos os que fagan a presentación de Lanóbriga. Unha cidade galaica.

Porta Oeste de Lanóbriga.

No proxecto colaboraron os modeladores e expertos en 3D Carlos Paz, Anxo Miján, Alexandre González e Manuel García Ávila. Boluda conta que algúns son compañeiros de “toda a vida” e que nun primeiro momento estaba concebido como un traballo en 2D, mais a medida que avanzou e se foron incorporando membros ao equipo “convencérono” para facer algo máis ambicioso. O proxecto está a piques de chegar á terceira e última parte, que será a busca de colaboración público ou privada para, como explica Boluda, “pasar de nivel”: “Queremos ter medios técnicos para poder avanzar e poder presentalo en setembro. É un proxecto ambicioso e temos moito avanzado, o streetview non é o final, queremos introducilo nunha serie de programas que cheguen a todo o mundo. Queremos facer algo público para que estea a disposición de todos”.

A propia historia de San Cibrao de Lás é case única, xa que a elaboración desta cidade “dende cero” para o metaverso fíxolles comprender aos artistas que a cidade galaica foi construída cunha ardua planificación e a partir dunha orde exacta. Así pode verse na precisa distribución e construción dos fogares.

Imaxe en 3D dun patio interior de Lanóbriga.

Lugar estratéxico

No seu momento San Cibrao de Lás foi unha gran cidade prerromana de 10 hectáreas de extensión localizada entre os concellos actuais de San Amaro e Punxín. Está situada nun lugar estratéxico, no alto dun outeiro e cun amplo dominio visual sobre todo o territorio circundante. O castro está totalmente defendido con murallas, foxas e peitorís, e dividido en dous recintos: un superior, a croa, e un inferior, onde se establece a área habitacional. Unha soa rúa cruza todo o recinto de este a oeste. Lanóbriga estivo habitada entre o II a.C. e o II d.C. e calcúlase que puideron vivir alí máis de 3.000 persoas. As ocupacións estendéronse ata o século III e IV d.C. Descubríronse inscricións adicadas ao deus Xúpiter e moitos máis elementos distintivos da ocupación romana. Os habitantes vivían da gandaría, da agricultura, da caza e da explotación dos ríos Miño e Barbantiño.

A evolución das narrativas audiovisuais permite que xa non teñamos que imaxinar como sería por dentro unha cidade castrexa, poderémola ver cos nosos propios ollos. Parece o final, máis probablemente sexa o principio do multiverso galaico. As escavacións e investigacións nos castros continúan e nun futuro pode que aparezan máis.

Imaxe en 3D de Lanóbriga.
Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

4 COMENTÁRIOS

  1. Grazas polos comentarios e en canto ás plantas das casas, e erróneo falar de romanización e planta das vivendas cadradas ou cuadrangulares. Hay castros con estación anterior a chegada de Roma ou non romanizados con construccións cuadrangulares. Na cidade de San Cibrao de Las, os restos romanos son case imperceptibles, unha inscripción e un acobillo de moedas dis século IiI-IV cando o castro, despois de abandonado, volveuse a habitar, mais só no sector este e nunha pequena superficie. E a cerámica e practicamente na súa totalidade galaica. E de novo grazas polo interese neste proxecto.

  2. Impresionante Paco Boluda. Un gran trabajo, muy bien documentado, esperemos tenga una gran repercusión.

  3. Ao comezo do vídeo podemos ler unha nota, Século II A.C., e logo no vídeo vemos casas de planta cadrada e rectangular, tiña entendido que na cultura castrexa a edificacións eran de planta redonda e despois da chegada dos romanos comezouse a construir a imitación destes mesmos. O vÍdeo, imaxino, que será o plano actual da cidade, mezcla dos catro séculos que se fala no artigo de GCiencia. Por outra banda noraboa polo bo facer desta testemuña da vida nas cidades castrexas. Graciñas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un xigantesco mapa 3D dá a medida máis precisa da expansión do universo

O instrumento DESI cartografa galaxias e cuásares e mide a velocidade de crecemento do cosmos hai entre 8.000 e 11.000 millóns de anos

Máis alá dos videoxogos: o uso das imaxes creadas con IA

O investigador do CITIC José Antonio Iglesias Guitián analiza no oitavo episodio de O Descodificador as vantaxas e inconvenientes da xeración sintética de gráficos por ordenador

Realidade virtual para tratar o párkinson: “Nuns anos estará implantada na sanidade pública”

Un estudio pioneiro da Universidade de Vigo afonda no traballo cognitivo a través de terapias inmersivas

Achada unha ara romana adicada ao deus Xúpiter nunha casa en ruínas

É o segundo elemento votivo da cultura romana atopado en San Vicenzo de Fervenzas, un lugar que puido albergar un asentamento