Os 10 termos que debes evitar ao falar do VIH

A científica Eva Poveda presenta un "dicionario inclusivo" para desestigmatizar as persoas co virus da inmunodeficiencia humana

“As palabras importan”, di Eva Poveda, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). “Aínda hai moitos estereotipos e conceptos anticuados asociados ás persoas con VIH”, di a tamén coordinadora do grupo de Viroloxía e Patoxénese do mesmo instituto. Co cobxectivo de xerar máis conciencia social e facer fronte ao estigma, Poveda presentou este martes o VIH Dicionario, unha iniciativa enmarcada no proxecto VIH Ciencia aberta que ela mesma lidera. O glosario inclúe 10 termos que deberían evitarse ao falar do virus da inmunodeficiencia humana, o motivo polo que deben descartarse e as opcións correctas. A idea é que tanto os medios de comunicación como a sociedade utilicen unha linguaxe inclusiva e que non sexa discriminatoria coas persoas con VIH.

O primeiro termo a evitar é “virus da sida”, cuxo uso correcto é “VIH”. Segundo explicou Poveda, a sida é unha síndrome mentres que VIH son as siglas do virus da inmunodeficiencia humana. “Ter o virus non implica ter a sida”, dixo Poveda, quen lembraba que as persoas con VIH que toman o tratamento axeitado non transmiten o virus. “Indetectable é igual a instransmisible”, recalcou a directora científica do IISGS durante a presentación do dicionario, celebrada este martes no hospital Álvaro Cunqueiro.

Publicidade

O segundo termo a evitar é “virus do VIH”, dado que é unha redundancia. O correcto é facer referencia ao virus da inmunodeficiencia humana ou, directamente, aludir ás súas siglas: VIH.

Tamén se debe evitar falar de “paciente ou paciente infectado polo VIH/sida”. Nesta caso, o correcto é facer alusión a “persoa que vive co VIH ou persoa con VIH”. Poveda xustificou este uso pola necesidade de desestigmatizar a quen ten o virus e insistiu en que a palabra “paciente” debería reducirse única e exclusivamente a un contexto médico. “Unha persoa que contraeu a infección pode continuar vivindo ben e coa mesma esperanza de vida que as persoas que non viven con VIH”, sinálase no dicionario.

Publicidade

O cuarto termo a evitar é “proba da sida” fronte a “proba do VIH”. Segundo explicou Poveda, non existe unha proba para detectar a síndrome, senón o virus. “A sida é a sindrome de inmunodeficiencia adquirida, unha enfermidade provocada polo VIH”, dixo a directora científica do IISGS, facendo énfase na diferenza dos conceptos. A experta considerou que este termo é especialmente relevante, polo estigma que aínda subxace das persoas que teñen VIH. “Só o 5% o contan e o traballo é o único sitio onde non falan diso”, apuntou Poveda.

Segundo o dicionario, tampouco é conveniente usar o verbo “contaxiar”, dado que é máis correcto usar “transmitir, transmisión” ou, en caso de ter un diagnóstico, “adquirir o VIH”. Segundo a investigadora do IISGS, a palabra “contaxiar” ten unha carga negativa porque o virus da inmunodeficiencia humana non se transmite directamente por contacto, senón por vías concretas. “Dicimos que é unha infección transmisible”, indicou.

Tampouco se debería falar de “grupos de alto risco” pero si de “grupos de poboación clave” ou “grupos de poboación clave de xente nova”, de ser o caso. De novo, a primeira expresión “xera un estigma” e Poveda lembrou que “todos os grupos sociais” son susceptibles de ter VIH. “Pode provocar sensación de seguridade entre persoas que teñen comportamentos de risco pero non que non se identifican co grupo sinalado”, explicou a investigadora.

A directora científica do IISGS, Eva Poveda, durante a presentación do dicionario.

A sétima entrada do dicionario rexeita o uso de “loita contra o VIH/sida” e opta por termos como “resposta”, “xestión de medidas contra”, iniciativa”, “acción”, “esforzo”, “programas” e intervencións”. Rexéitanse, por tanto, os termos con connotación bélica para non confundir a loita contra o virus coa loita contra as persoas que viven co VIH.

“Risco de sida” tampouco se debería utilizar, e o uso correcto pasaría por empregar os termos “risco de infección ou risco de exposición ao VIH”.

Na novena entrada do dicionario rexéitase o uso de “enfermidades de transmisións sexual (ETS)” ou “enfermidades venéreas (EV)” por “infeccións de transmisión sexual (ITS)”. Poveda puxo o foco en que moitas destas infeccións non presentan síntomas, polo que non poden considerarse enfermidades. Ademais, dende os anos 80 “aumentou drasticamente” a complexidade das ITS e na actualidade hai baixo esta denominación infeccións relacionadas con máis de 30 microorganismos e síndromes.

Finalmente, a última entrada do dicionario recomenda non utilizar “poboacións obxectivo” e aconsella “poboacións prioritarias ou grupos de poboación clave”. “É mellor evitar este adxectivo e falar de grupos de poboación que son clave na epidemia e na resposta da mesma”, sinálase no dicionario.

Outras expresións

Malia que o dicionario está composto por 10 termos, tamén inclúe outras expresións que se deberían evitar á hora de falar do VIH. Un deles é o termo “promiscuidade” que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), fai referencia ás relacións sexuais que se manteñen con máis de dúas persoas diferentes nun período de seis meses. “É un termo cargado de connotacións negativas e estigmatizantes”, remarcou Poveda. Ante unha palabra cargada de subxectividade e dependente do contexto social e cultural, o IISGS recomenda a seguinte expresión: “Prácticas sexuais con probabilidades de transmisión”.

Dentro das outras expresións que recolle o dicionario tamén se debe evitar falar de “sexo seguro”, “relacións sexuais seguras” ou “prácticas sexuais seguras”. Poveda xustificou esta decisión aludindo a que nin existe risco cero e nin se debe inferir que hai unha seguridade completa. Por iso é máis axeitado empregar “relacións sexuais máis seguras” ou “prácticas sexuais máis seguras”.

Á presentación do dicionario tamén acudiu Cándida Álvarez, presidenta da Asociación Galega para Persoas Afectadas por VIH. “Recibín o diagnóstico de VIH positivo en 2005 e fixen un gran traballo de afrontamento. As palabras teñen moito poder”, di Álvarez, quen advirte que o mal uso terminolóxico pode causar dano nas persoas con VIH. “Hai catro décadas estigmatizouse e tratouse de maneira inadecuada. Faleceron millóns de persoas e esa é a nosa asignatura pendente: chamar as cousas polo seu nome”, conclúe a presidenta da asociación.


Podes consultar o VIH Dicionario nesta ligazón.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

Investigadores galegos identifican unha proteína clave para diagnósticos de saúde mental

Unha tese do IDIS e o IISGS analiza a hormona IGF-2 como posible biomarcador da esquizofrenia, a depresión e o trastorno bipolar

Unha firma galega mobiliza 1,84 millóns para investigar doenzas inflamatorias intestinais

A Axencia Estatal de Investigación selecciona a iniciativa dunha biotecnolóxica galega para buscar novas vías contra a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn

Unha nova tecnoloxía galega predí a resposta ao tratamento contra o cancro de pulmón avanzado

O proxecto do IISGS anticipa cunha análise de sangue se o paciente cun dos tumores máis frecuentes se beneficiará da inmunoterapia