A cuarta edición de CinVigo. Ciencia na rúa despediuse este domingo tras unha intensa fin de semana na Avenida da Beiramar, onde milleiros de persoas gozaron dun festival que volveu converter Vigo nun escaparate de ciencia, innovación e talento xuvenil.
O festival, que foi organizado polo CINBIO, (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina), reuniu 68 proxectos científicos presentados por preto de 250 estudantes de secundaria e bacharelato de 34 centros educativos das catro provincias galegas e procedentes de concellos como Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Folgoso do Courel, As Neves, Tomiño, Ponteareas, Nigrán, Soutomaior, Redondela, Mos e Cangas do Morrazo entre outros.
Actividades para todas as idades
Ademais CinVigo ofreceu unha ampla programación paralela para todos os públicos como os monólogos científicos de humor de Ciencia Calidade e o espectáculo Cienceando, que ademais contaron coa asistencia dunha intérprete de lingua de signos. Entre as actividades máis destacadas, os obradoiros infantís do espazo “Corresponsables” reuniron máis de 800 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos; os novos obradoiros sénior superaron as 120 persoas maiores de 65 anos; e a xincana científica inclusiva contou con arredor de 150 participantes, algúns deles procedentes da Asociación DisCamino.
A entrega de premios contou coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; o director xeral de Intervención Sociosanitaria e de Maiores, Antón Acevedo; a quinta tenente de alcalde de Vigo, Ana Mejías; e o director do CINBIO, Miguel Correa. Durante a fin de semana tamén visitaron o festival o alcalde Abel Caballero, Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta, e Diana Valverde, subdirectora do CINBIO.

A conclusión do evento: Galicia ten talento
Román Rodríguez destacou que “Galicia ten canteira científica para seguir innovando e buscando novas formas de traballar para o futuro”, e subliñou ademais que “CinVigo é un evento consolidado tanto en Vigo, como en Galicia, que saca á rúa o traballo que fan os centros educativos no eido da ciencia”.
Pola súa banda, Miguel Correa agradeceu ao persoal do centro de investigación CINBIO: “participa de xeito voluntario cada ano para tratar de transmitir o amor pola ciencia facendo posible a celebración deste festival”.
Tras meses de traballo, a canteira científica do CinVigo acadou o recoñecemento do público cos máis de 14.000 votos rexistrados nunha aplicación coa que se decidiu o premio popular que foi para o proxecto Sabor e enerxía: enclaves da ría do CPR Montesol (Vigo).
Galardóns e plans de futuro
Na categoría Early researchers o primeiro premio foi para o proxecto RecuerdaMed do CPR Compañía de María (Vigo). Pola súa banda, na categoría Young researchers, para alumnado 3º e 4º da ESO, o proxecto gañador foi Ergocadeira de Aulas Tecnópole (Ourense). O acto rematou coa entrega do primeiro galardón da categoría Teen researchers para o alumnado de IES Xesús Taboada Chivite, de Verín, polo seu proxecto Os incendios forestais: antes, durante e despois.
Nesta edición, CinVigo contou, como xa é habitual, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), así como co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea. Tamén recibiu o apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, do Concello de Vigo, da Autoridade Portuaria de Vigo e doutras entidades colaboradoras como Büchi, Jasco, Frutas Nieves, Galifresh ou Portomédica. Ademais, CinVigo contou igualmente co respaldo da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
Con esta cuarta edición, CinVigo reafirma o seu crecemento e consolídase como unha cita imprescindible para achegar a ciencia á sociedade, fomentar vocacións científicas e visibilizar o talento da mocidade galega. Ademais, este impulso terá continuidade, xa que CinVigo conta xa coa financiación concedida pola FECYT para a súa V edición, que xa é unha realidade e se celebrará no ano 2027.























