O mapa da masa forestal mundial: Galicia perdeu o 34% de cobertura arbórea dende o ano 2000

A aplicación Global Forest Watch retrata en tempo real como están mudando as paisaxes naturais en todo o mundo

Os bosques, indispensables para a nosa supervivencia, están reducíndose a un ritmo nunca visto. A aplicación Global Forest Watch é unha ferramenta que ofrece, en tempo real, como están mudando as masas arbóreas en todo o mundo. A través dun mapa interactivo, o sitio web ofrece datos sobre as actividades que poderían levar á deforestación, a destrución de biodiversidade e da cobertura arbórea. Nesta última, que indica a perda de todas as árbores de máis de cinco metros de altura, os datos de Galicia son salientables. De 2001 a 2023, na comunidade desapareceron 547.000 hectáreas, o que equivale a unha diminución do 34% de cobertura arbórea dende o ano 2000.

Os datos sobre a cobertura arbórea inclúen árbores naturais, plantacións e cultivos. A súa desaparición pode ser froito do ser humano ou natural, e pode ser permanente ou temporal. Por iso, é diferente da deforestación, que é un feito permanente e provocado exclusivamente polo home. Segunda a aplicación, Galicia en 2023 perdeu 16.300 hectáreas de bosque natural: 6.500 da provincia da Coruña; 5.800 de Lugo; 1.800 de Ourense; e 2.000 de Pontevedra.

Publicidade

A Coruña é a provincia con maior diminución de cobertura arbórea, cunha perda do 43% dende o ano 2000. O mapa interactivo facilita a masa arbórea prexudicada polos incendios forestais, así como as alertas actualizadas. De 2001 a 2023, o territorio galego perdeu 96.000 hectáreas debido aos lumes de grandes dimensións. Segundo a plataforma web, o ano con maior perda de cobertura arbórea debido aos incendios foi 2022, con 19.700 hectáreas. E é que, por aquel entón, estiveron activos máis de 1.700 lumes, un dos peores balances da década neste senso.

Perda de cobertura arbórea en Galicia debido a incendios. Foto: Global Forest Watch

A comunidade galega tamén “recuperou” cobertura arbórea. De 2000 a 2020, o territorio aumentou a súa superficie equivalente ao 23% de todo o rescate de árbores en España. É a comunidade con máis hectáreas recuperadas: 86.800. Con todo, o eucalipto (Eucalyptus) é a especie que substituíu ás anteriores plantacións. A Coruña é a provincia con maior presenza desta árbore con 136.000 hectáreas.

Publicidade

A nivel mundial, en 2023 perdéronse 28 millóns de hectáreas de cobertura forestal. Dende 2002 ata 2023, houbo un total de 76,3 millóns de hectáreas de bosque primario húmido que se destruíu, o que representa o 16% da súa superficie.

Cobertura arbórea perdida na península nos últimos anos. Foto: Global Forest Watch

A plataforma GFW tamén proporciona información sobre o impacto da deforestación no clima e as emisións de CO2. A iniciativa é froito dunha alianza entre o Instituto de Recursos Mundiais (WRI, polas súas siglas en inglés) e o Instituto Jane Goodall, con socios como Google, a Axencia dos Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID), a Universidade de Maryland (UMD) e outras organizacións académicas. A través de datos por satélite e computación na nube, comparte a situación actual de deforestación, incendios e clima. Así, permite comparar países e zonas de interese, observando o cambio a longo prazo. Por exemplo, comparando ao mesmo tempo a deforestación e as emisións de carbono.

Global Forest Watch nace en 1997 a partir dun mapa publicado por Matt Hansen, xeógrafo da Universidade de Maryland, quen creara o primeiro mapa Landsat de deforestación global. O WRI e Google, con outros 40 socios, decidiron apostar por este proxecto. En 2013, a proposta empregou os datos do Centro para o Desenvolvemento Global do sensor MODIS da NASA. Despois de publicarse en 2024, sigue agregando nova información para rastrexar a deforestación, así como as queimas ilegais arredor do mundo.

1 comentario

  1. Contar el aprovechamiento de madera como pérdida de cobertura arbórea es un absurdo y una demagogia brutal. Hasta los autores del artículo saben y reconocen que esa pérdida es momentánea porque enseguida se repuebla o se regenera naturalmente la cobertura. El aprovechamiento de la madera es renovable y eso parece que molesta, parece que se prefiere que tiremos del petróleo, seguid así.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Oito actuacións para mellorar a xestión do risco de incendio e protexer a poboación

O acontecido en Los Gallardos demostra que se precisa un cambio profundo na forma en que se entende e se xestiona o risco de lume

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Un estudo pioneiro desvela como responden as aves ao primeiro megaincendio rexistrado en Galicia

A intensidade das lapas reduciu a diversidade, mentres que a presenza de áreas con distinto nivel de afectación favoreceu a recuperación ecolóxica

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga