Podcast | Tecnoloxía adolescente ao servizo das persoas con parálise cerebral

O programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa do CITIC en colaboración con ASPACE, protagoniza o segundo episodio de O Descodificador

En Galicia hai 5.000 persoas con parálise cerebral. O 80% ten necesidades de apoio para participar activamente na sociedade, e as novas tecnoloxías son as grandes aliadas para conseguilo. Isto é o obxectivo que persegue o programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración con ASPACE. O proxecto, no que participan centros educativos de diferentes partes de Galicia, pretende mellorar a vida das persoas con parálise cerebral a través de retos científicos que resolven estudantes de secundaria e bacharelato. O novo episodio de O Descodificador, o podcast de Gciencia en colaboración co CITIC, fai balance das catro edicións do programa.

No segundo capítulo da nova tempada participan a investigadora Paula Castro, profesora da Facultade de Informática da UDC e integrante do equipo de traballo de Talentos Inclusivos dende o primeiro ano, dende onde asesora e ofrece apoio técnico aos grupos colaborativos. Tamén están as voces do usuario de ASPACE Joan López e da coordinadora do proxecto, Iria Robles, educadora social na sección coruñesa da asociación. Acompáñaos a profesora Julia Vázquez, do departamento de Tecnoloxía do IES de Breamo, en Pontedeume, e participante xunto ao seu grupo de 1º de Bacharelato na cuarta edición de Talentos Inclusivos.

Publicidade

“Este programa xurdiu co obxectivo de espertar vocacións STEM entre a xente máis nova e dar a coñecer a realidade da discapacidade. En concreto, da parálise cerebral”, explica Castro. Dende o CITIC o balance destas catro edicións é “tremendamente positivo” porque o alumnado de secundaria e bacharelato aprende mentres ofrece un servizo á sociedade, ao mesmo tempo que beneficia as persoas con parálise cerebral e lles dá visibilidade. “Como aspecto negativo salientaría a escaseza de recursos económicos e temporais. Pódese mellorar en atopar espazos e escenarios de encontro para poñer en común os avances, os retrocesos, e tamén para compartir esta experiencia”, continúa a investigadora do CITIC.

Dende ASPACE, Joan López, usuario e participante en Talentos Inclusivos dende a terceira edición, asegura sentirse “orgulloso” das ganas que ten o alumnado de traballar e de axudar. Iria Robles, a coordinadora do proxecto e educadora social en ASPACE Coruña tamén fai un balance positivo e salienta que o programa saíu adiante pese ás dificultades do principio: “Nas dúas primeiras edicións foi todo en liña porque Talentos Inclusivos comezou en plena pandemia”. Con todo, a idea saíu adiante e conseguiu abrirse ao ámbito autonómico, dado que ao principio era local, e agora xa participan centros de Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais da Coruña.

Publicidade

A profesora Julia Vázquez súmase ás palabras do seus compañeiros ao asegurar que Talentos Inclusivos é unha “experiencia totalmente enriquecedora”. “Estou tremendamente orgullosa dos meus alumnos. Están traballando moitísimo e nótoos moi involucrados. Non vin isto en 15 anos que levo como docente”, sostén, facendo fincapé no importante que é concienciar sobre a parálise cerebral nas xeracións máis novas. Na materia de Tecnoloxía que imparte Vázquez están a crear unha plataforma para adaptar a piscina de ASPACE, un andador para avanzar polas barras paralelas e un adaptador para o pulso que lles permita andar en bicicleta.

“É fundamental que este tipo de proxectos se estendan a todos os niveis, a toda a comunidade autónoma e a outros colectivos con diversidade funcional”, sostén Castro. Unhas palabras que tamén apoian Iria Robles, Joan López e Julia Vázquez. Todos salientan a importancia de Talentos Inclusivos á hora de darlle visibilidade á diversidade funcional en xeral e á parálise cerebral en concreto; a como favorece a integración e a inclusión social e, en resumidas contas, como todos os participantes saen beneficiados a través da aprendizaxe-servizo, da solidariedade e tamén da empatía.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente