O CITIC recibe o Premio Nacional de Enxeñería Informática polo seu programa ‘Talentos inclusivos’

A iniciativa busca solucións tecnolóxicas a necesidades como un sistema anticolisión para cadeiras de rodas ou xogos adaptados

Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC; Mª Carmen Barreiro Santos, presidenta de ASPACE Coruña; e Manuel F. González Penedo, director do CITIC.

Talentos Inclusivos, o programa colaborativo posto en marcha polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e Aspace Coruña, acaba de recibir o recoñecemento por parte do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería de Informática de España (CCII) que, nesta primeira edición, outorgoulle o premio nacional na categoría “Humanismo e Compromiso Social”.

O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, quen participou no acto de entrega este xoves na Real Academia de Enxeñería en Madrid, agradeceu este recoñecemento, que, segundo asegurou, “vén premiar a esencia do proxecto e tamén o labor dun centro, o noso, que traballa e evoluciona conectado coa sociedade e as súas necesidades”. “Talentos Inclusivos é un chamamento dobre. Por unha banda, ao talento e as vocacións científicas no ámbito das TIC de estudantes de ESO e Bacharelato e, pola outra, a darlle visibilidade á discapacidade, atendendo algunhas demandas en materia tecnolóxica, neste caso particular ás das persoas usuarias de Aspace Coruña”, engadiu o director do CITIC na súa intervención ao recoller o premio.

O proxecto

O programa Talentos Inclusivos é un proxecto posto en marcha polo CITIC da UDC e Aspace Coruña, que conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Innovación, a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. Como novidade durante este curso escolar, o proxecto, centralizado ata o de agora na provincia coruñesa, estendeuse a toda Galicia ao contar coa participación de alumnado de Ourense.

Manuel F. González Penedo, director do CITIC; Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG; Julio E. Abalde Alonso, reitor da UDC; Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC.

O estudantado (máis de 200 na edición 2022-2023) traballa xunto con persoas usuarias de Aspace Coruña para buscar solucións tecnolóxicas ás necesidades tales como a fabricación dun pulsador para abrir a porta principal, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas ou xogos tradicionais adaptados.

Os premios

Os Premios Nacionais de Enxeñería en Informática buscan fomentar o prestixio da profesión nun momento no que a tecnoloxía converteuse nun elemento fundamental nas nosas vidas e vai camiño de transformarse nunha infraestrutura básica na sociedade dixital. Coa súa creación, o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería en Informática de España (CCII) pretende recoñecer o traballo dun total de nove persoas, empresas ou institucións que achegan, a distintos ámbitos da sociedade, a enxeñería en informática.

Así, ademais do CITIC, tamén foi recoñecido o traballo de Asunción Gómez-Pérez, vicerreitora da Universidade Politécnica de Madrid, recentemente elixida como “silla q” da Real Academia Española. Entre os seus méritos, para lograr o premio profesional, atópase o seu gran labor na adaptación da lingua española á intelixencia artificial.

Tamén recibiu o galardón Mario Piattini, enxeñeiro informático, polo seu papel tan relevante na investigación da enxeñería de software e de sistemas. Pola súa banda, a app Mi #Cartafol Ciudadano, levada a cabo polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, fíxose co galardón a mellor proxecto público, mentres que o labor de ArcelorMittal foi merecedora do mellor proxecto persoal.

Na categoría de divulgación dixital, Karina Gibert conseguiu o premio, mentres que o despacho de peritos informáticos de Eugenio Picón foi o gañador do premio “Empresa ética”. Completa a lista de galardoados Conxi Pérez Andreu, que consegue o premio ‘Emprendemento, persoa emprendedora’, mentres que OK Ticket leva ese mesmo galardón na modalidade de empresa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.