Sábado 20 Abril 2024

Galicia era a segunda rexión con máis superficie construída do Estado en 1900

Un grupo de investigación analizou os datos do catastro para obter a evolución dos asentamentos humanos en España dos últimos 100 anos

En 1900, Galicia era a segunda rexión en superficie construída, ocupando o 15% do solo español, só por detrás de Castela e León (20,6 %). O doutor en Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Dominic Royé compartiu a través da súa conta de Twitter unha visualización elaborada a partir dos datos dunha investigación sobre a evolución dos asentamentos humanos en España, Historical Settlement Data Compilation for Spain (1900–2020). A animación non mide o nivel de poboación, mide a presenza ou ausencia de edificios —estes non teñen por que ser vivendas— en reixas de 100 x 100 metros (unha hectárea) e en períodos de 5 anos. Por tanto, o feito de que Galicia sexa a zona máis coloreada en 1900 obedece a diferentes factores, como a elevada taxa de superficie construída conxugada coa dispersión de poboación no territorio.

Este conxunto de datos (elaborado por Johannes H. Uhl, Dominic Royé, Keith Burghardt, José Antonio Aldrey Vázquez, Manuel Borobio Sanchiz e Stefan Leyk) fálanos sobre as tendencias de crecemento da poboación. “Ata o ano 50, na franxa litoral a poboación foi asentándose e crecendo dunha maneira determinada e dos anos 50 a esta data foise agregando nas contornas das áreas máis urbanas, producindo un efecto sumidoiro desas vilas, esas aldeas, que temos máis apartadas”, explica Borobio, arquitecto de formación, especializado en diversos ámbitos relacionados coa planificación territorial e dos recursos para a xestión dos asentamentos. Na actualidade, Galicia baixou á sexta posición en superficie construída (8,5%); á cabeza vai Andalucía, ocupando o 18% do territorio.

Publicidade

Para este produto de datos —xa dispoñible en aberto— tomaron as bases do catastro de España, ademais dos de País Vasco e Navarra, independentes ao estatal. “Existen poucos países que teñan unha base de datos tan grande e tan ben accesible”, apunta Royé sobre a dispoñibilidade. Empregaron como o ano de construción do edificio e outras como o tipo de edificación (agricultura, comercial ou residencial, entre outras) e, tras o tratamento dos datos, saíron outras, como a suma de toda a área que ocupa o edificio.

A visualización xerou confusión entre algúns dos usuarios que interactuaron co chío, que a interpretaron en primeira instancia como unha evolución baseada en índices poboacionais. Tampouco quedou claro o feito de que non tomasen unicamente datos de edificacións de uso residencial: “Pode ser de uso agrícola e non significa que alguén viva aí. Algúns preguntábanse: ‘Como pode ser que apareza pintado El Ejido se ninguén vive aí?'”, sinala Royé. Houbo quen comparou a animación cos datos da densidade de poboación rexistrada no censo de Floridablanca de 1787 —sorprendentemente similar—, cando Pontevedra era a provincia coa taxa máis alta.

A dispersión en clave de culturización do territorio

Galicia concentra case a metade das entidades singulares de poboación de España: 30.432 do total de 61.963 rexistrado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) ao comezo do 2022. Esta realidade é unha tendencia que se mantivo no tempo desde o pasado. Enténdese por entidade singular de población “calquera área habitable do termo municipal, habitada ou excepcionalmente deshabitada, claramente diferenciada dentro do mesmo, e que é coñecida por unha denominación específica que a identifica sen posibilidade de confusión”, segundo a definición do organismo estatal.

“Unha entidade de poboación é un asentamento, calquera núcleo rural, calquera cidade”, apunta Borobio. Cada unha desas entidades de poboación son as que “recoñece o INE cun agregado de poboación, que ten un número determinado de habitantes a efectos estatísticos. O resto da poboación está diseminado, que se chama”. Cada unha delas pode estar formada por un ou varios núcleos ou ninguén, se toda ela se atopa en diseminado. Considérase núcleo de población a “un conxunto de cando menos 10 edificacións, que están formando rúas, prazas e outras vías urbanas”, seguindo a definición do INE. O número de diseminados de Galicia (20.781) tamén supón a metade do total estatal.

Isto axuda a explicar por que historicamente en Galicia a distribución da poboación foi e é moi dispersa, a diferenza especialmente do sur de España, apunta Royé. En Andalucía a poboación concéntrase sobre todo en vilas máis grandes. "É un territorio que foi máis culturizado ou con maior número de asentamentos ao longo da súa historia. Podemos estar a falar dun conxunto de construcións maioritariamente igual agrarias, nas que había catro, cinco ou seis familias e entón iso fai que determinados ámbitos onde están eses núcleos rurais aparezan iluminados", afirma Manuel Borobio, que defende unha cultura de aldeas, de núcleos.... nas que sempre houbo recursos suficientes para garantir a subsistencia.

Este último prefire ler a dispersión en clave positiva e falar de culturización, da intelixencia humana dun territorio: "Se a intelixencia se manexa mal, facemos desfeitas. Se se manexa ben, temos un territorio moito máis cultivado, moito máis manexado, moito máis integrado, moito máis sostible. É un problema que noutros territorios existe; esa inaccesibilidade ao territorio porque non hai poboación. Aquí hai moi pouca poboación, pero hai habitantes, hai unha distribución ampla do territorio".  Por iso, é que a este arquitecto de formación e maño de nacemento abráialle a riqueza do territorio para acoller ese tipo de asentamentos agrarios ou gandeiros.


Referencia: HISDAC-ES: Historical Settlement Data Compilation for Spain (1900-2020) (Publicado en Earth System Science Data)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións