A organización e dinámica das sociedades da Galicia castrexa é un tema que suscita numerosos interrogantes. Algúns destes debates xiran arredor da estratificación social, é dicir, como era a xerarquización destas sociedades antigas. Para intentar dar unha resposta a estas preguntas, Martín Fernández Calo, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), realizou a súa investigación: Callaici principes. Os soberanos da Galiza castrexa. Este traballo, galardoado co Premio Manuel Murguía de Ensaio en 2019, vén de ser publicado de balde pola Deputación da Coruña.
Baixo esta premisa, a investigación de Fernández Calo revela o que, baixo o seu punto de vista, é “unha sociedade igualitaria na que se fuxe da estratificación social que tiña a sociedade galaica anterior”.
Unha sociedade igualitaria
Durante a realización da súa tese, Xenealoxía do poder local galaico na Antigüidade, Fernández Calo estudou numerosas institucións premunicipais: “O municipio era un tipo de réxime organizativo introducido polos romanos e que funcionaba como unha sorte de república local, unha cidade-Estado. Con todo, hai outra serie de institucións que non encaixaban nese réxime, que eu interpretei como premunicipais. A maioría destas son tamén de carácter republicano, estando documentados corpos de cidadáns, maxistraturas electivas en lugar de vitalicias e demais. A única institución premunicipal que non encaixa dentro disto é a dos príncipes“.
Así, o investigador sinala que grazas á documentación recollida na época romana pode coñecerse que estes príncipes eran “xefes tribais, soberanos que había dentro das tribos da época galaica“. Con todo, a existencia destes non significa a existencia dunha estratificación social, entendida como a presenza clases sociais e xerarquías, senón que se trata simplemente de persoas que podían ter un rol social determinado e diferenciado”.
“Entre os séculos X a.C. e II a.C., a etapa da cultura castrexa, non hai signos de estratificación social”
“A sociedade castrexa aparece ao final da Idade do Bronce, unha etapa na que sabemos que había estratificacion porque hai tesouros feitos de ouro e armas identificables cunha aristocracia. Durante a etapa castrexa, que en Galicia e no norte de Portugal comeza a partir do século X a.C., non hai estas evidencias. A partir do século II a.C. en adiante, cando comeza o fin da cultura castrexa, é cando volven aparecer eses signos de estratificación, especialmente a través da ourivería con exemplos como os torques”, apunta Fernández Calo.
As elites intermediarias e o comezo das diferencias sociais
Se ben o investigador é consciente dos diferentes puntos de vista que hai con respecto a isto na bibliografía científica e a discusión existente sobre ata que punto pode ser igualitaria unha sociedade da Idade do Ferro, mantén que “tendo en conta o rexistro arqueolóxico que temos, penso que si era unha sociedade bastante igualitaria. No período tardío, unha vez que comeza a penetrar de forma máis profunda o comercio colonial cos primeiros fenicios e os romanos, comezan a aparecer elites intermediarias que vanse lucrar con ese comercio. Aparecen a capitalización da aristocracia e as diferenzas sociais“.
Os exemplos máis claros desta posterior estratificación que atopa o investigador son os castros urbanos: “Santa Trega, San Cibrao de Las, Santa Luzia… Son castros que informan de que están aparecendo sociedades urbanas que obviamente xa están estratificadas. No norte galego é onde aparecen a maior parte dos torques, outro signo desa estratificación. É un proceso histórico que incide en todo o territorio, mais non ao mesmo ritmo. Por exemplo, as zonas do leste da Gallaecia estiveron moito máis atrasadas e seguramente mantiveron estas características igualitarias máis tempo”.
Os príncipes
Unha das principais problemáticas á hora de estudar unha institución como é dos príncipes é entender o significado da palabra: “O termo princeps é unha palabra latina relacionada con primus, primeiro, que é extremadamente polisémica. Dentro da época republicana de Roma podía referirse ás elites locais, ás persoas que participaban na política. Co tempo, cando Roma se transformou nun imperio, princeps pasou a referirse a unha persoa especial, como o emperador. Na época de Augusto, o primeiro emperador, aínda intentaban facer como que seguía funcionado a república, polo que os emperadores tendían a autodenominarse princeps, co significado de primeiro cidadán. A acepción que nos interesa no caso das inscricións galaicas fai referencia tamén aos primeiros, mais de sociedades completamente distintas”, expón Fernández Calo.
Así, o investigador baséase nos conceptos establecidos polo romanista polaco, Tadéusz Kotula: o principatus gentis e o principatus ciuitatis. “O primeiro estaría referido aos xefes tribais, mentres que o segundo relaciónase coa cidade-Estado ou co municipio e polo tanto fai referencia ás elites políticas dos municipios romanos. Nas inscricións galaicas, o termo estaría referido ao principatus gentis, que co tempo acabaría por converterse no principatus ciuitatis“, sinala.
“O principatus non é unha realeza aristocrática con dominio despótico sobre o pobo”
O xefe da tribo
Algunhas das evidencias da existencia destas figuras atópanse na escultura. As máis evidentes, desde o punto de vista de Fernández Calo, son as estatuas sedentes castrexas, que representan homes sentados en cadeiras e aluden a “alguén importante e soberano, ben dunha familia ou ben dunha tribo. Este é un tipo de arte que aparece habitualmente nos castros urbanos, mais que, no caso destas estatuas, se ten atopado fóra destas áreas”.
Por outra banda, o investigador tamén pon o exemplo da zona da ponte romana Ponte Puñide: “Na inscrición do coñecido como sepulcro dos príncipes de Lugo, que data do século I d.C., aparece o termo princeps. Non obstante, tamén hai documentada unha inscrición dun modius -un recipiente romano de bronce coñecido como o moio de Ponte Puñide- que data do século IV cunha inscrición civil que fala dos principales, en referencia aos líderes dunha curia, que sería o senado dos municipios romanos. Desta maneira, documentamos que houbo príncipes no século I e que, na mesma comunidade, no século IV había xa unha curia, é dicir, o paso do principatus gentis ao principatus ciuitatis“.
Sen aristocracia
Tendo todo isto en conta, na súa investigación, Fernández Calo defende que se ben a sociedade castrexa estaba dirixida por xefes, estes príncipes, non hai “rastro de aristocracia guerreira ningunha. A guerra foi responsabilidade colectiva durante todo o lapso histórico da cultura castreza, que non xerou diferenzas substanciais no seu exercicio. O principatus emerxe precisamente nesta guerra comunitaria como factor cohesionador, dirixente militar circunstancial da súa disgregada comunidade etno-política. Pero sobre todo emerxe tamén, en tempo de paz, como ministro relixioso. Mais o principatus dista de se corresponder a unha realeza aristocrática, exercida a través do dominio despótico sobre o pobo e da dirección de poderosas clientelas ecuestres, ao abeiro das súas prebendas sobre rendas e terras e campesiños dependentes”.
Totalmente de acordo con Carme. Aparte das consideracións sobre o título, a tese que defende non parece basarse en premisas concluintes. É como si tes unha idea e buscas a argumentación para afirmala. Bueno…
Vaia título o do artigo: “Galicia castrexa”… Nin Galicia existía naquelas alturas (eran “tribos” celtas de galaicos) nin o termo “castrexo” significa nada arqueoloxicamente falando. Sumémoslle o descomunal sesgo anticeltista do autor do estudo (que chegou a ser expulsado, e con razón, de grupos de facebook pola súa belixerancia, prepotencia e malos modos…) e temos un libro perfectamente prescindíbel. Recomendo mellor “Celtas, castrexos e romanos” de Francisco González García, da Universidade de Santiago de Compostela (publicado pola ed. Xerais) para ter unha visión global obxectiva e rigurosa.