Alerta en Europa por un gromo de botulismo en pacientes que se trataron nunha clínica turca

A maioría dos 14 doentes sometéronse a unha operación de perda de peso a finais de febreiro nun centro sanitario de Estambul

O número de casos do último gromo de botulismo en Europa ascende a 14.
O número de casos do último gromo de botulismo en Europa ascende a 14.

Europa está en alerta por un gromo de botulismo, que xa ascende a 14 casos. Todos os afectados viaxaron a Estambul a finais de febreiro para someterse a un tratamento de perda de peso. A operación consiste en inxectar toxina botulínica que, se non se administra nas doses axeitadas, pode derivar nunha enfermidade grave. De feito, algúns doentes tiveron que ser hospitalizados e incluso tratados na UCI. Así o recolle o último boletín do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), que pon en alerta ás autoridades sanitarias dos países membros. Segundo unha información publicada esta mañá por El País, en España aínda non se detectou ningún caso.

O país que rexistra un maior número de doentes é Alemaña, con 12, todos eles adultos de mediana idade. Os outros dous casos notificáronse en Austria e Suíza. Aínda que esta última non pertence á Unión Europea, deu aviso a través de Francia. Tal e como expón o ECDC, dos oito casos dos que se ten información, todos recibiron tratamento na mesma clínica turca. Ademais, non se tratou dunha viaxe organizada, senón de particulares que contactaron co centro sanitario de Estambul a través de whatsapp. Tamén se detalla que todos os afectados dos que se obtivo información sometéronse a este tratamento entre o 22 e o 25 de febreiro.

As autoridades sanitarias europeas temen que o número de casos continúe aumentando: ben porque hai doentes que aínda non presentaron síntomas; ou ben porque xa están sendo tratados en hospitais pero aínda non se detectou a enfermidade. Ante esta situación, o ECDE insta que as persoas que presenten síntomas semellantes, ou que respondan a unhas circunstancias semellantes aos afectados, busquen asistencia médica de “forma urxente”. Europa advirte de que o botulismo “pode ser moi grave e requerir coidados intensivos”, así como a administración dunha antitoxina. E incluso cando isto se pode aplicar, a recuperación pode levar semanas e incluso meses.

Segundo explica o ECDC, o botulismo iatroxénico —derivado da inxección da toxina botulínica en cantidades excesivas— é un dos “efectos secundarios máis graves” que se derivan deste tipo de intervencións estéticas. Os síntomas van dende a debilidade muscular á parálise, e tamén se poden comprometer funcións vitais como a respiración. Así mesmo, pode darse visión borrosa, pálpebras caídas, dificultade para tragar e boca seca. Todo isto derivado de operacións estéticas, como a redución de peso ou a corrección de engurras. De todas formas, as autoridades europeas recoñecen que o botulismo iatroxénico —a forma máis recente de botulismo provocada polo home con fins terapéuticos ou cosméticos— é “pouco frecuente”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.