Gómez Ulla, o cirurxián galego que dá nome ao hospital do illamento do hantavirus

O doutor exerceu a súa profesión en múltiples frontes bélicas, entre elas dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española

O Hospital Central da Defensa Gómez Ulla, no distrito madrileño de Latina, volve estar no foco público. Coñecido por ser o centro de referencia en enfermidades de alto risco, o hospital acolle agora os 14 españois que viaxaron no MV Hondius, o cruceiro no que se detectou un gromo de hantavirus. O centro hospitalario garda no seu nome a memoria dun home cuxa vida, acompañada polas turbulencias bélicas que marcaron o século pasado, sempre xirou en torno á medicina: o médico compostelán Mariano Gómez Ulla.

Nado en Santiago de Compostela en 1877, Gómez Ulla medrou no seo dunha familia que, malia as dificultades económicas tras a temperá morte do pai, priorizou a formación académica. No emblemático Colexio de Fonseca, Mariano forxou un expediente brillante que o levaría a licenciarse en Medicina en 1897. Eran tempos de cambio, onde a asepsia e a anestesia comezaban a transformar radicalmente os quirófanos.

Publicidade

Un médico na fronte

A súa vocación militar non tardou en facerse notar. En 1899 situouse na praza número un da oposición ao Corpo de Sanidade Militar, iniciando unha carreira que o levaría por destinos como Zaragoza antes de asentarse en Madrid. En 1909 partiu a Marrocos como capitán médico, coa fin de asistir ao exército nos conflitos que estalaron na Compañía Española de Minas, preto de Melilla.

Foi precisamente naquel escenario onde Gómez Ulla demostrou que a medicina de guerra era unha cuestión de loxística: ideou un hospital cirúrxico de campaña que podía transpotarse a lombos de 60 mulas. Este sistema de módulos desmontables permitía levar a asistencia á primeira liña de batalla, unha revolución que reduciu drasticamente a mortalidade entre as tropas españolas e o consagrou como un estratega sanitario.

Publicidade

Investigador e doutor recoñecido

A súa inquedanza intelectual levouno a percorrer Europa en constantes viaxes de estudos a París, Berlín e Roma. Durante a Primeira Guerra Mundial, visitou as frontes francesa e alemá, aprendendo das técnicas dos mellores cirurxiáns do continente, como Duval, Pacuchet e Gosset, da Facultade de Medicina de París. Esta experiencia internacional permitiulle deseñar en 1921 o primeiro cartón de triaxe e evacuación de feridos aplicado en España.

Gómez Ulla era un home de contrastes e recoñecementos transversais. Ao longo da súa vida, foi condecorado polo rei Alfonso XIII, polo ditador Primo de Rivera e polo presidente da República Española. Malia a súa ideoloxía conservadora e monárquica, a súa prioridade sempre foi o paciente, independentemente do uniforme que vestise, o que lle valeu un amplo respecto profesional.

Gómez Ulla durante o franquismo

Co estalido da Guerra Civil en 1936, o cirurxián quedou en Madrid, traballando nun quirófano baixo o lucernario do hotel Palace. Porén, o seu intento de pasar ao bando sublevado foi descuberto e rematou encarcerado. Estivo a piques de ser fusilado, pero unha mobilización diplomática encabezada pola Cruz Vermella e figuras como o doutor Gregorio Marañón e o futuro Nobel Bernardo Houssay logrou a súa liberación.

Tras ser liberado e rematada a contenda, o franquismo púxoo baixo sospeita. Abríuselle un expediente de depuración acusado de “faccioso” por ter operado a feridos republicanos en Madrid. Finalmente exonerado, o réxime acabou recorrendo á súa pericia para organizar a asistencia sanitaria da División Azul na fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial, sumando así un novo conflito ao seu currículo.

Melloras de aplicación civil

Gómez Ulla foi un dos impulsores da raquianestesia en España e un firme defensor da especialización médica, algo que entón non estaba arraigado na sociedade civil. A súa presidencia no Consello Xeral de Colexios Médicos e a súa entrada na Real Academia Nacional de Medicina confirmaron o seu recoñecemento como eminencia científica.

O médico faleceu en Madrid o 24 de novembro de 1945. Tan só un ano despois, o Hospital Militar de Carabanchel, aquel que el axudara a modernizar e onde pasara gran parte da súa vida profesional, foi bautizado co seu nome. Era o recoñecemento póstumo a un home que entendeu a medicina como unha misión sen fronteiras ideolóxicas.

Hoxe, o nome de Gómez Ulla resoa nos medios cada vez que o país enfronta unha crise sanitaria, como sucedeu coa repatriación de enfermos de ébola, durante a xestión da pandemia ou, máis recentemente, durante o gromo de hantavirus.

1 comentario

  1. Noelia, bien por esta notiña de prensa, pero cita as fontes por favor.
    Grazas
    F. Ponte
    Académico Numerario de historia de la Medicina de la Real Academia de Medicina de Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

Por que o hantavirus esperta os medos da pandemia: “A covid deixounos unha memoria emocional”

Os psicólogos galegos Fernando Vázquez, Paula Marcos e Rosa Cerqueiro analizan como o cerebro atribúe riscos a escenarios actuais baseándose en experiencias pasadas

Dos antigos lazaretos galegos ás modernas unidades de illamento: así evolucionaron as corentenas

San Simón, Tambo e o castelo de Oza funcionaron como centros sanitarios que illaban os pasaxeiros e a tripulación dos barcos para evitar a expansión de enfermidades infecciosas