“A vertixe é horrible. Tiña moitos mareos, vómitos e caín varias veces. Non lla desexo nin ao meu peor inimigo”. Un simple cambio de posición da cabeza e o teu arredor semella comezar a moverse sen control. Pero non é real. Trátase dun problema no oído interno que crea esta falsa sensación. En crises severas os vómitos e as caídas son algunhas das consecuencias que padecen os doentes, como Fina Barcia. Esta veciña de Santa Comba sufriu durante moitos anos este trastorno. Agora, un novo ensaio clínico realizado en Galicia abre unha nova liña terapéutica ao lograr curar á meirande parte dos participantes.
Os expertos estiman que máis do 50% da poboación galega sofre algún episodio puntual deste trastorno ao longo da súa vida, pero ao redor de 2.000 persoas ao ano padecen de xeito persistente a vertixe posicional paroxística benigna (VPPB). Trátase dunha doenza que afecta a área responsable do equilibrio do oído interno.
“Existen unhas partículas de calcio que, por determinadas circunstancias, se desprenden do seu lugar habitual e quedan flotando na endolinfa, líquido interno do oído. Cando o paciente fai un movemento coa cabeza —deitarse, erguerse, virarse na cama ou mirar cara a arriba— estas partículas móvense e dan a sensación de vertixe”, explica o xefe do servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o doutor Andrés Soto.
Mareos, vómitos e caídas
Esta doenza sufriuna Fina Barcia durante moitos anos. “Comezoume a dar cando tiña uns 40 anos”, lembra a paciente, que agora ten 69. Cunhas crises que podían repetirse ata tres veces ao mes, esta antiga cociñeira dun restaurante da Coruña conta como eran eses duros momentos. “Malia que tiña moito coidado, ao facer un movemento algo brusco coa cabeza xa me podía comezar a vertixe. Moitas veces eran mareos, pero tamén me daban moitos vómitos e mesmo cheguei a caer varias veces mentres traballaba”, apunta.
Durante moitos anos acudindo aos médicos na cidade herculina, o seu tratamento foi a base de fármacos para a vertixe. “Non me facían anda, seguía tendo moitas crises. Pero cando me mudei a Santa Comba, o meu médico de cabeceira derivoume ao doutor Soto, que me conseguiu curar. Dende hai arredor de 15 anos ¡non volvín sufrir unha crise de vertixe”, asegura Barcia.
Tratamento
O habitual na maioría dos doentes con VPPB é “que poidan curar dun xeito relativamente sinxelo a través dunha manobra”, explica o doutor Soto. Realizando unha serie de movementos da cabeza devólvense as partículas de calcio desprendidas ao seu sitio. “Isto é eficaz na maioría das veces, pero para un 12% dos casos este tratamento non é efectivo e a vertixe persiste”, comenta.
Un caso de éxito foi o da veciña de Santa Comba. O procedemento, segundo narra Barcia, desenvolvíase con ela sentada nunha padiola e o doutor observándo os iris dos ollos cuns lentes. “Eran sesións ás veces moi intensas porque me daban crises de vertixe e mesmo case cheguei a caer da desorientación provocada”, explica. Malia isto, “en sete ou oito reunións xa estaba curada”, asegura a veciña de Santa Comba aliviada.
Ensaio clínico para un tratamento personalizado

Pero non moitos poden narrar a mesma historia. “Cada oído é un mundo e os procedementos estándares non teñen en conta as particularidades de todas as xeometrías do oído”, indica Soto. É coa idea de atopar un tratamento personalizado para os doentes de VPPB estase a realizar un novidoso ensaio clínico.
O estudo coordina os equipos clínicos do CHUS, Hospital Lucus Augusti de Lugo, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e a facultade de Física da Universidade de Santiago. Xuntos están a realizar un ensaio con pacientes destes hospitais e cunha cadeira de brazos especial. “Só existen dous en toda España: unha en Getafe e outra en Santiago”, asegura o doutor e investigador principal.
Imaxe 3D do oído interno
O protocolo comeza reconstruíndo en imaxes 3D a xeometría das canles interiores do oído do doente. De aí, o equipo da USC e do CITMAga extrae a “información precisa para desenvolver algoritmos baseados en intelixencia artificial e machine learning, coa fin de poder modelar e simular a dinámica do líquido endolinfático e a súa interacción coas partículas de calcio desprendidas”, explica un dos coordinadores do proxecto, Alberto Pérez Muñuzuri, físico da USC.
Tras realizar unha simulación do seu comportamento os expertos poden así resolver o problema da vertixe persistente, devolvendo as partículas ao seu lugar estudando cada caso concreto. A través dunha cadeira de brazos e a unhas lentes especiais os médicos poden realizar os movementos prácticamente exactos. “Esta cadeira mecanizada permítenos precisar grao a grao a amplitude dos movementos que facemos e somos quen de personalizar de xeito preciso a manobra ás características anatómicas da persoa”, explica Soto.
Este procedemento, que xa tivo éxito en seis dos oito pacientes tratados actualmente, ten previsto realizarse en 54 doentes dos tres hospitais citados ao longo destes ano e o próximo. “A idea é publicar os resultados a finais de 2026 e, se son positivos, tratar de implantar este método en todos os centros do país”, sinala Soto.
Vertixe persistente por enfermidade de Ménière

Vencellada a unha anomalía no oído interno e que tamén causa vertixe, entre outros síntomas como a perda auditiva, existe a doenza de Ménière. “Desenvólvese cando se dá un aumento de presión na endolinfa, semellante ao glaucoma dos ollos”, explica o doutor Soto. As crises que sofren as persoas con esta enfermidade son “moito máis intensas e longas, podendo durar horas, pero máis separadas no tempo”, matiza. Así o viviu Lois Moruiño.
Este veciño de Santiago de 65 años padece enfermidade de Ménière. Con tan só 30 anos foille diagnosticada esta doenza cando comezaron a darlle as crises de vertixe severa e empezou a perder audición polo seu oído dereito. “Foron 10 anos de moitas vertixes que me incapacitaban para poder realizar o meu traballo de xeito normal. Durante moito tempo fun artesá de gaitas e contaba cun pequeno taller en Compostela”, explica.
O exgaiteiro describe como as súas crises podían chegar a durar mesmo días. “De súpeto todo comezaba a dar voltas e tiña que ir como podía para a casa a deitarme. Malia ter a cabeza quieta, estar deitado ou cos ollos pechados, se os movía un chisco, a sensación de mareo aumentaba, incluso provocaba que tivese moitos vómitos”.
Ao longo deste tempo as vertixes foron diminuíndo, así como a capacidade de poder oír polo lado dereito. “Aínda me quedaba o esquerdo, pero unha medicación ototóxica derivou en que tamén desenvolvese estes síntomas neste oído, polo que xa non escoito e, por iso, dende hai pouco mías de dous anos, levo un implante coclear”, comenta Mouriño.