Un equipo galego logra a curación de pacientes con vertixe persistente

Un ensaio clínico realizado nos hospitais de Santiago, Lugo e Pontevedra mostra resultados prometedores contra o trastorno

Un ensaio clínico realizado nos hospitais de Pontevedra, Lugo e Santiago ofrece resultados prometedores: a meirande parte dos pacientes con vertixe persistente participantes no estudo logran curar este trastorno tan incapacitante. “Calquera movemento da cabeza pode producirlle mareos. Non poden conducir, traballar nin estar sós porque poden caer”, indica un dos coordinadores do proxecto, Alberto Pérez Muñuzuri, físico da Universidade de Santiago. O seguinte paso desta iniciativa, impulsada dende o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) é buscar a colaboración doutros centros hospitalarios de España e do norte de Portugal.

Segundo explican os investigadores, a orixe da vertixe está no oído interno, que contén tres canles semicirculares responsables da orientación nas tres direccións do espaco. É dicir, contribúen ao equilibrio. As persoas con vertixe teñen unha estimulación incorrecta destas canles ao cambiar a posición da cabeza, o que provoca unha falsa sensación de movemento ou de rotación. a vertixe persistente adoita desenvolverse cando algunhas das partículas de calcio de desprenden do seu lugar habitual no utrículo —unha pequena bolsa situada no oído interno— e se introducen nas canles semicirculares.

Publicidade

Estas partículas alteran o movemento do líquido endolinfático presente no interior das canles cando a cabeza cambia de posición. Como consecuencia, o cerebro recibe unha información contraditoria, o que provoca que as persoas con vertixe persistente experimenten a sensación de estar caendo ou de que todo se move ao seu redor.

Unha xeometría especial nas canles do oído

A solución é sacar as boliñas do labirinto pero é preciso saber en que canle están. “O problema xorde coas persoas que teñen unha xeometría particular nas canles do oído, de xeito que as manobras habituais que se empregan para pacientes con vertixe non funcionan para elas”, salienta Muñuzuri.

Publicidade

“Para resolver este problema, a través dunha proba médica non invasiva como é unha resonancia magnética, xunto a avanzadas técnicas de procesado de imaxes, obtemos unha imaxe en 3D da xeometría das canles interiores do oído. De aí extraemos a información necesaria que nos permite desenvolver algoritmos baseados en intelixencia artificial e machine learning, coa fin de poder modelar e simular a dinámica do líquido endolinfático e a súa interacción coas partículas de calcio desprendidas, responsables da vertixe”, explica o investigador da USC e do CITMAga.

Simulacións para resolver o trastorno

En primeiro lugar, o equipo desenvolveu unha ferramenta que permite reconstruír a canle membranosa por onde se move o fluído. O seguinte paso foi incluír as ecuacións matemáticas do movemento do fluído e das partículas, de cara a simular e resolver o problema da vertixe persistente, co propósito de poder aplicar tratamentos personalizados a estes pacientes. Os investigadores realizan as simulacións no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

O equipo dispón dun sillón especial, doado de xirar, de xeito que os médicos poden poñer o paciente na dirección desexada. “Isto permítenos seguir as indicacións proporcionadas polas simulacións con gran precisión. Ademais, grazas a unhas lentes especiais, podemos ver se o tratamento se está aplicando correctamente”, indican os investigadores.

“O noso grupo de investigación é experto en dinámica de fluídos, así como no procesamento de imaxes no eido médico. Neste sentido, a partir de imaxes médicas podemos reconstruír xeometrías 3D de interese sanitario e, dado que conteñen fluídos, simular a dinámica dos mesmos para construír un xemelgo dixital do sistema e contribuír así ao coñecemento e á mellora de doenzas diversas”, destaca Muñuzuri.

O proxecto sobre este trastorno está coordinado por Alberto Pérez Muñuzuri xunto a Ismael Arán Tapia, da facultade de Física da Universidade de Santiago. Os ensaios clínicos estanse a realizar en colaboración cos xefes de servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Andrés Soto; do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA), Marcos Rossi Izquierdo; e do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Ismael Arán González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se distribúen os apelidos en Galicia: cinco grandes rexións que coinciden coas variantes léxicas e as dioceses

Un equipo da USC revela a notable homoxeneidade no reparto dos nomes familiares en territorio galego tras a análise de 6.150 palabras

Un equipo galego deseña un modelo matemático que predí a expansión da velutina

A nova ferramenta axuda a analizar distintas estratexias de control que permitan frear a expansión da especie

Nace a Declaración de Compostela, o compromiso cunha ciencia útil e responsable

A iniciativa xorde dos tres centros galegos interuniversitarios e aspira a chegar a todo o ecosistema investigador

Maréaste após unha resonancia magnética? Un estudo galego explica por que

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago evidencia que o campo magnético da máquina despraza o fluído que existe no oído interno