Un tren de borrascas pon toda Galicia en alerta nas próximas 36 horas

Os refachos de vento superarán os 100 km/h durante a madrugada do mércores, que tamén rexistrará grandes acumulados de precipitacións

A primeira gran borrasca do ano regou Galicia durante a noite e o día de Reis. A segunda semana de 2025 tamén estará marcada, como os días anteriores, por unha gran inestabilidade. Dous novos sistemas de baixas presións, que configuran xunto ao primeiro un tren de borrascas, poñen toda Galicia en alerta por chuvias intensas e fortes refachos de vento durante as próximas 36 horas. Así o prognostica Meteogalicia, que tamén dá o aviso laranxa por temporal marítimo. A noite do martes ao mércores será o momento de maior inestabilidade, e agárdase que se recupere a influencia anticiclónica de cara á fin de semana.

O primeiro prato forte do tren de borrascas viviuse durante a noite de Reis. O segundo entrará este martes co achegamento dun novo sistema de baixas presións situado entre os Azores e o noroeste peninsular. Debido á súa proximidade, Meteogalicia activa a alerta laranxa por temporal marítimo na Costa da Morte e no noroeste e norte da Coruña. Haberá alerta amarela por mar de vento na Mariña lucense e nas Rías Baixas, así como por refachos superiores aos 80 km/h no noroeste e no oeste da Coruña, na Mariña e nas montañas de Lugo e Ourense. As condicións empeorarán de cara á noite, con ventos que poderán superar os 100 km/h.

Publicidade

Empeoramento da situación durante o mércores

A terceira gran borrasca entrará o mércores. É un sistema de baixas presións situado ao oeste de Francia que inclúe Galicia no seu radio de acción, enviando unha fronte fría durante a madrugada. As condicións máis adversas da xornada daranse, precisamente, a partir da medianoite e ata as primeiras horas do día. Haberá alerta laranxa en todo o litoral galego, agás na Mariña, por temporal marítimo. Toda Galicia estará en aviso amarelo por acumulados de chuvia de ata 15 l/m2 en tan só unha hora, sobre todo no oeste, e por ventos de ata 80 km/h. Na Mariña lucense o aviso amarelo estará no mar e o laranxa en terra, por refachos de ata 100 km/h. Meteogalicia prevé que as fortes precipitacións previstas para o mércores veñan acompañadas na fachada atlántica de sarabia e aparello eléctrico.

Progresiva mellora de cara á fin de semana

O xoves e o venres continuará predominando en Galicia a inestabilidade. As borrascas atlánticas continuarán exercendo a súa influencia sobre o país, provocando ceos nubrados e chuvias, que serán máis probables durante a mañá no oeste e que se irán desprazando cara ao leste ao longo da xornada do venres. En canto ao vento, os refachos máis fortes daranse no litoral e nas zonas de montaña. No que respecta ás temperaturas, seguirán a mesma tendencia que o resto da semana, con valores moi suaves pero sen apenas oscilación térmica entre o día e a noite, con máximas entre os 14 e os 17 graos e mínimas de entre 8 e 12 graos nas principais cidades galegas.

Publicidade

No que respecta á fin de semana, e coa incerteza propia dos prognósticos meteorolóxicos, agárdase que conforme avancen os días se vaia recuperando progresivamente a influencia anticiclónica. O sábado aínda será un día marcado pola inestabilidade e con alta probabilidade de chuvia, que Meteogalicia cifra nun 85%. Porén, a situación comezará a cambiar o domingo, cando o tempo empece a ser máis seco e frío. Só haberá unha probabilidade de precipitación do 10%, que irá diminuíndo nos primeiros días da vindeira semana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla