A primeira gran borrasca do ano pon Galicia en alerta por chuvias e temporal marítimo en Reis

Meteogalicia prevé ventos superiores aos 80 km/h, ondas de ata cinco metros e acumulados de precipitacións de 40 l/m2 en só 12 horas

As datas máis sinaladas do Nadal de 2024 estiveron marcadas pola estabilidade: non houbo precipitacións, malia que as temperaturas foron baixas. Galicia experimenta agora un cambio drástico de tempo coa entrada do novo ano. Desaparece a influencia anticiclónica e entran en acción as baixas presións. De feito, a fin de semana de Reis estará marcada pola chegada dunha profunda borrasca atlántica que porá Galicia en alerta amarela polos refachos e as precipitacións. Está previsto que se rexistren ventos superiores aos 80 km/h no litoral e nas zonas altas, así como acumulados de precipitación —sobre todo na Coruña— que superen os 40 l/m2 en tan só 12 horas. A Costa da Morte e as Rías Baixas estarán en aviso laranxa por vento e ondas que poden acadar os 5 metros.

Fin de semana de gran inestabilidade

A inestabilidade comezou a asomar na madrugada deste venres pola proximidade das borrascas atlánticas a Galicia. Segundo Meteogalicia, está previsto que as precipitacións máis intensas se rexistren durante a xornada na fachada atlántica e na metade norte do territorio. De feito, o oeste e o suroeste da provincia da Coruña están en aviso amarelo por acumulados de precipitacións de ata 40 l/m2 en 12 horas. Tamén se activa a mesma alerta na Mariña lucense por refachos superiores aos 80 km/h. Na Costa da Morte acéndese o aviso por vento no mar con intervalos de forza 7.

Publicidade

Os días de maior inestabilidade da fin de semana serán o sábado e o domingo. Nas Rías Baixas e na Costa da Morte os avisos ascenden o día 4 a nivel laranxa por temporal marítimo e ventos de forza 8, así como ondas que poden acadar os 5 metros. Tamén se agardan fortes refachos de vento de ata 80 km/h no terzo norte, na franxa atlántica e en zonas altas de interior. Meteogalicia prognostica que as chuvias máis intensas se rexistren nas últimas horas do día.

Haberá cabalgatas de Reis?

O domingo 6 a situación será complicada en terra e en mar. O temporal previsto pon en risco as tradicionais cabalgatas de Reis que se celebran o 5 de xaneiro. Unha profunda borrasca situarase moi preto de Galicia e enviará frontes frías moi activas que regarán o territorio durante a mañá, con chuvias xeneralizadas, persistentes e intensas. O servizo meteorolóxico galego agarda que as precipitacións sexan máis intermitentes durante a tarde e que as temperaturas, ao igual que o resto da fin de semana, se manteñan sen cambios significativos.

Publicidade

A previsión de cara ao luns aínda é incerta pero a tendencia semella estar bastante clara: o tempo inestable será o protagonista do día de Reis. Meteogalicia non agarda cambios significativos no padrón do tempo de cara á vindeira semana, que estará dominada polas precipitacións. De feito, a súa previsión é que as probabilidades de chuvia estean nun 90% ata o xoves, baixando lixeiramente ao 85% o venres. As precipitacións máis cuantiosas rexistraranse nas comarcas atlánticas, as máis expostas á entrada das frontes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Austen activa a alerta laranxa en Galicia por ondas que poderán superar os sete metros

Trátase da segunda das tres frontes atlánticas que pasarán por Galicia esta semana, coa terceira prevista para o domingo

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX