O merendeiro de Pasantes, a ponte da Áspera e o miradoiro de Pedrafita son tres dos dez puntos do Camiño Francés ao seu paso por Galicia con máis risco de picadura de carracha. Esta é unha das principais conclusións dun estudo elaborado pola investigadora Susana Remesar Alonso da Universidade de Santiago (USC). O obxectivo do traballo é determinar cales son as zonas de risco para evitar que os peregrinos sufran as picaduras destes artrópodos, transmisores de numerosas enfermidades como Lyme e a febre hemorráxica de Crimea-Congo.
Carrachas positivas en varias bacterias
A única especie de carracha atopada en todas as etapas foi Ixodes ricinus. Unha elevada porcentaxe dos individuos analizados deron positivo en Borrelia, patóxeno asociado á enfermidade de Lyme. Segundo presenta Remesar Alonso no seu estudo, a presenza deste xénero de bacterias foi maior nas primeiras etapas nas que se fixo a mostraxe: O Cebreiro, Triacastela e Sarria. É dicir, nelas hai un maior risco de infección. Amais disto, Ixodes ricinus atopouse sobre todo no seu estadio de ninfa —é dicir, cando aínda non son adultas—, polo que son moito máis difíciles de detectar debido ao seu pequeno tamaño.
A investigadora da USC, na memoria técnica, expón que tamén de identificou a especie Dermacentor marginatus que, xunto a outros exemplares de Ixodes frontalis, deron posivito no xénero de bacterias Rickettsia spp. Dúas das tres especies detectadas deste patóxeno, que infectou as carrachas da mostraxe, poden ocasionar unha síndrome coñecida como DEBONEL e que pode ocasionar síntomas como febre, decaemento e cefalea. No 90% dos casos a carracha pica no coiro cabeludo, provocando dor e caída do pelo.
Precaucións ante unha picadura
“Tendo en conta que é necesario que transcurran varias horas dende o inicio da picadura das carrachas para que se produza a transmisión destes patóxenos, é recomendable ter precaución e revisar o corpo e a roupa para detectar a posible presenza de carrachas e para poder retiralas o máis axeitadamente posible”, advirte Remesar Alonso no seu estudo. Así mesmo, lembra que as medidas máis eficaces para evitar as picaduras son o uso de repelentes, camiñar pola zona central dos camiños, usar calzado pechado e empregar roupa clara. De igual modo, é preciso revisar ben o corpo cando se chegue á casa, especialmente as axilas, ínguas, orellas, pelo, detrás dos xeonllos o embigo e a cintura.
No caso de localizarse algunha debe extraerse o antes posible empregando pinzas, colocándoas preto da pel e tirando suavemente; a continuación recoméndase gardar a carracha nun bote con alcol por se fose preciso analizala posteriormente, e lavar con auga e xabrón a ferida. Están contraindicados o uso de aceites ou calor para extraer as carrachas, e tampouco se deben cortar.
O roteiro máis antigo de Europa
O traballo realizado pola investigadora da USC ten a súa orixe nun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC. Segundo indica Remesar Alonso, escolleu a análise do Francés porque “é o roteiro máis antigo de Europa e a maioría do seu percorrido realízase por zonas boscosas con vexetación autóctona con presenza de animais silvestres que forman no seu conxunto un hábitat axeitado para o mantemento das poboacións de carrachas”. As mostraxes realizáronse durante os períodos de maior actividade das mesmas.
Cales son os lugares con máis risco do Camiño Francés?
Risco alto
- Entrada a Galicia por Pedrafita do Cebreiro (Etapa 24. Pedrafita-Triacastela)
- Miradoiro de Pedrafita (Etapa 24. Pedrafita-Triacastela) Detectouse Borrelia
- Merendeiro de Pasantes (Etapa 24. Pedrafita-Triacastela) Detectouse Borrelia
- Merendeiro de Triacastela (Etapa 25. Triacastela-Sarria) Detectouse Borrelia
- Merendeiro de Penapartida (Etapa 25. Triacastela-Sarria) Detectouse Borrelia
- Ponte estrada de Samos (Etapa 25. Triacastela-Sarria) Detectouse Borrelia
- Ponte da Áspera (Etapa 26. Sarria-Portomarín) Detectouse Borrelia
- Castiñeiro centenario (Etapa 26. Sarria-Portomarín) Detectouse Borrelia
- Merendeiro de Portomarín (Etapa 27. Portomarín-Palas de Rei). Detectouse Borrelia
- Merendeiro de Boente (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa) Detectouse Borrelia
Risco medio
- Merendeiro de Pedrafita (Etapa 24. Pedrafita-Triacastela) Detectouse Borrelia
- Fonte do Peregrino (Etapa 26. Sarria-Portomarín) Detectouse Borrelia
- Fonte de Santa Mariña (Etapa 26. Sarria-Portomarín) Detectouse Borrelia
- Merendeiro de Portomarín II (Etapa 27. Portomarín-Palas de Rei)
- Camiño Real (Etapa 27. Portomarín-Palas de Rei)
- Merendeiro de Palas de rei (Etapa 27. Portomarín-Palas de Rei) Detectouse Borrelia
- Área recreativa (Etapa 27. Portomarín-Palas de Rei)
- Merendeiro de Barreiro (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa)
- Ruta ao Pedrouzo (Etapa 29. Arzúa- O Pedrouzo)
- Escultura a Ramón Pazos (Etapa 29. Arzúa- O Pedrouzo)
- Fito de entrada a Santiago (Etapa 30. O Pedrouzo-Santiago)
- Carballeira de San Antón (Etapa 30. O Pedrouzo-Santiago)
Risco baixo
- Fonfría (Etapa 24. Pedrafita-Triacastela)
- Fonte de Liñares (Etapa 24. Pedrafita-Triacastela)
- Saída á LU-P-5602 (Etapa 25. Triacastela-Sarria)
- Merendeiro de Sarria (Etapa 25. Triacastela-Sarria)
- Merendeiro de Teiguín (Etapa 25. Triacastela-Sarria)
- Merendeiro de Samos (Etapa 25. Triacastela-Sarria)
- Xardíns dos parabéns (Etapa 26. Sarria-Portomarín)
- Cruceiro (Etapa 26. Sarria-Portomarín)
- Merendeiro de Monterroso (Etapa 27. Portomarín-Palas de Rei)
- Bosque dos peregrinos (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa)
- POnte da Magdalena (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa)
- Fonte de San Xiao (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa)
- Ponte medieval (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa)
- Merendeiro de Arzúa (Etapa 28. Palas de Rei-Arzúa)
- Área recreativa de Lengüelle (Etapa 29. Arzúa- O Pedrouzo)
- Merendeiro do Pino (Etapa 29. Arzúa- O Pedrouzo)
- Fonte de Santa Irene (Etapa 29. Arzúa- O Pedrouzo)
- Monumento (Etapa 29. Arzúa- O Pedrouzo)
- Monte do Gozo (Etapa 30. O Pedrouzo-Santiago)
- O Casal das árbores (Etapa 30. O Pedrouzo-Santiago)
- Cruceiro de Lavacolla (Etapa 30. O Pedrouzo-Santiago)
- Carballeira de Cimadevila (Etapa 30. O Pedrouzo-Santiago)
Podes consultar os mapas e o estudo nesta ligazón.