A incidencia das enfermidades mentais no país disparouse nos últimos anos. A covid-19 colocou a saúde mental no centro do debate da comunidade médica, dos gobernos e da cidadanía pola crecente demanda psicolóxica e psiquiátrica. O excesivo consumo de antidepresivos é unha das consecuencias dun modelo sanitario con listas de espera desbordadas que non é capaz de tratar as enfermidades mentais cunha atención continua e de calidade. As consecuencias para o organismo do abuso das menciñas de fácil acceso no tratamento da saúde mental son múltiples: as persoas vólvense dependentes, as doenzas tórnanse crónicas, e, a nivel microbiolóxico, vén de descubrirse que os antidepresivos poden anular o efecto dos antibióticos.
É o que se coñece no ámbito sanitario como “pandemia silenciosa” e é un dos retos do Executivo central e dos gobernos do mundo. A resistencia antimicrobiana causa xa 4.000 mortes ao ano no Estado español, segundo os últimos datos proporcionados polo Ministerio de Sanidade. Aínda que é sabido que o mal uso dos antibióticos provoca que os mesmos deixen de curar ás persoas, son os medicamentos restantes os que ocupan o 95% do mercado, e aquí encádranse os antidepresivos.
Un novo estudo elaborado pola Universidade de Queensland (Australia) e publicado pola revista PNAS presta atención á contribución dos antidepresivos a esta ameaza en expansión. Os investigadores concluíron unha relación directa entre o consumo de antidepresivos e o aumento da resistencia aos antibióticos. Tomaron como mostra cinco tipo de antidepresivos -entre eles o coñecido Prozac– fronte a trece antibióticos, e aínda que os resultados varían, son definitorios. De feito, afirman que mesmo con curtos períodos de exposición os fármacos contra a depresión facilitan a supervivencia de patóxenos.
A médica e investigadora do Hospital da Coruña María del Mar Tomás explica que existen unha serie de mecanismos moleculares que posúen as bacterias para adaptarse a condicións de estrés, como poden ser os períodos de toma de antidepresivos ou os antibióticos. “O consumo de antidepresivos pode provocar unha activación da resposta SOS, un mecanismo de persistencia, de tal forma que deixan de ter eficacia os antibióticos”, conta. Ademais, sostén que tamén crean directamente “mutantes”, xa que “as bombas de expulsión que botan aos antibióticos das bacterias son dianas para os antidepresivos”.
“Unha de cada tres consultas en atención primaria ten que ver con saúde mental e moi poucos casos derívanse ao especialista”
ANA GONZÁLEZ, presidenta de Salma
Evitar prescricións excesivas
Ana González, presidenta de Salma (Fundación para o coidado da Saúde Mental en Galicia), explica a esaxerada diferenza en termos de saúde mental de Galicia co Estado español. González teno claro e o principal motivo que sinala é “a falta de recursos”. O orzamento para esta área sanitaria en comparación co resto, considera, é moito menor, e isto ocasiona que a primeira vía para abordar as enfermidades mentais sexa recorrer á atención primaria. Aquí, “unha de cada tres consultas ten que ver con saúde mental e moi poucos casos derívanse ao especialista. Na súa maior parte son mulleres e son tratadas polo médico de familia con antidepresivos, ansiolíticos ou somníferos. Isto crea unha cronicididade no paciente”, afirma.
A Organización Mundial para a Saúde (OMS) sinalou a depresión como a primeira causa de discapacidade para o 2030. González teme que será antes pola sobrecarga asistencial nos hospitais galegos que incita a un abuso da medicación. De feito, xa en 2017 o consumo de antidepresivos e estimulantes en Galicia era un 71% superior á media estatal. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (2020), Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior índice de suicidios (11,3 por cada 100.000 habitantes) e é un problema, incide González, do que hai que falar para visiblizalo.
A investigadora do hospital de Coruña María Tomás insiste en que hai que establecer campañas de coidado e de prevención para a saúde mental “para evitar unha prescrición excesiva”. One Health ou “única saúde” é a estratexia que recomendan os expertos para abordar a resistencia de pátoxenos e evitar as infeccións provocadas por bacterias resistentes: un esforzo común entre os ámbitos médico, investigador, social, veterinario ou ambiental, para poder combater de maneira transversal este mal silandeiro e crecente.
“Hai que seguir controlando a inxesta de fármacos e investir en investigación e innovación para crear terapias para resensibilizar ás bacterias”
MARÍA DEL MAR TOMÁS, médica investigadora do Hospital da Coruña
Pendentes da investigación in vivo
Actualmente existen solucións á resistencia bacteriana e as alternativas xa se están poñendo en práctica. Son terapias adxuvantes que permitirían atopar mecanismos moleculares para desenvolver tratamentos que erradiquen as poboacións persistentes de bacterias. Tomás menciona tamén os antioxidantes ou os fagos, que son virus que “lisan” (matan) ás bacterias. “Pódense recuperar os antibióticos cando se combinan con estas terapias”, afirma. En Europa comezou a regularse a toma de fagos para o uso en determinados pacientes que non atopan cura para as súas enfermidades.
“Hai que seguir controlando a inxesta de fármacos e investir en investigación e innovación para crear terapias para resensibilizar ás bacterias”, continúa a médica. Ademais, sinala que este estudo está realizado in vitro e en cultivos celulares, de maneira que se require unha investigación in vivo para determinar epidemiolóxicamente o impacto que teñen os antidepresivos nas bacterias.