*Un artigo de

As lesmas e os caracois son moluscos gasterópodos terrestres amplamente distribuídos polo planeta. Cun elevado número de especies (máis de 35.000), representan un dos grupos de maior éxito e diversidade nos ecosistemas terrestres.

Estes pequenos animais teñen hábitos nocturnos, baixo condicións adecuadas de humidade e temperatura. A súa actividade dura unhas seis horas e é cando se desprazan, aliméntanse e copulan.

Desempeñan un papel moi importante nos nosos ecosistemas, aínda que non sempre beneficien ao humano. Por unha banda, levan a cabo importantes funcións ecolóxicas. Por outro, causan pragas en moitos cultivos ou actúan como hospedadores intermediarios de axentes patóxenos na gandería e nas plantacións.

Abono para o solo

Estes gasterópodos contribúen á reciclaxe da materia orgánica —aínda que o seu consumo non é moi elevado—, favorecendo o traballo dos microorganismos edáficos. Ademais, a follaxe fragmentada proporciona unha fonte de alimento para outros animais que poden estimular aínda máis a actividade microbiana.

As súas feces son un medio ideal para a actividade dos microorganismos do solo. Tanto estas como a baba que segregan durante os seus desprazamentos e na cópula contribúen á estruturación das partículas do solo, así como á adición de nutrientes ao medio edáfico debido á achega de mucoproteínas. Ao mesturar fracción orgánica e inorgánica alteran a textura e estrutura edáfica, a porosidade, retención de auga, intercambio gaseoso e as propiedades químicas e nutricionais do chan, contribuíndo a regular a mineralización e humificación da materia orgánica.

Outro aspecto beneficioso importante para os ecosistemas é que serven de alimento a numerosas especies animais, tanto de invertebrados —coleópteros, dípteros, cempés e mesmo outros caracois e lesmas— como de vertebrados —sapos, ras, píntegas, merlos, estorniños, ourizos, toupas, teixugos….—.

Bioindicadores de contaminación

Seguindo cos aspectos positivos, hai que comentar o feito de que poden actuar como bioindicadores de contaminación por metais pesados ou poden ser utilizados como animais de laboratorio para estudos de neurofisioloxía ou xenética de poboacións.

É moi frecuente que os solos conteñan trazas de metais pesados como o cobre, o chumbo, o zinc, o níquel, o cadmio e o mercurio, que poden alcanzar niveis tóxicos para as plantas e os animais. Hai especies de caracois e lesmas que almacenan estes metais na súa glándula dixestiva ou nos distintos tecidos do seu corpo. Analizando os seus órganos podemos ter unha idea dos niveis de metais en diferentes zonas. Está demostrado que poden acumular maiores concentracións que outros invertebrados.

Sopa de caracol

Existen varios informes sobre o uso medicinal das lesmas e caracois e a súa baba. Utilizábanse como cura para a tuberculose e outras enfermidades pulmonares. Empregábanse como ungüentos, fregábanse sobre as verrugas e consumíanse en forma de caldo ou vivos —en Xapón como remedio para o lumbago—.

E non podemos esquecer do consumo por parte dos humanos destes gasterópodos, case en exclusividade caracois. Este consumo está documentado desde a antigüidade, pola aparición de grandes cúmulos de cunchas nas covas habitadas polos nosos devanceiros.

Actualmente, a cría de caracol (helicicultura) é unha actividade estendida por numerosas partes do planeta, debido á gran demanda que existe destes animais, sobre todo en Europa e en América do Norte. O seu cultivo desempeña un papel moi importante, pois converten a materia vexetal en biomasa potencialmente utilizable.

Danos nos cultivos

Os caracois e as lesmas actúan como consumidores primarios e exercen unha forte presión selectiva sobre as plantas das que se alimentan, o que afecta á composición e diversidade das comunidades vexetais.

Ademais, causan danos nos cultivos por herbivoría ou transmitindo patóxenos ou parasitos. Moitas especies causan importantes perdas económicas nas explotacións agropecuarias, levándoos a alcanzar o rango de pragas. Moitos especialistas resaltan o feito de que os danos ocasionados por estes animais incrementáronse nas últimas décadas, sobre todo debido aos cambios nas técnicas de cultivo e á diminución das poboacións dos seus depredadores polo uso e abuso de praguicidas.

Estes efectos daniños veñen favorecidos polas actividades agrarias que proporcionan diversidade de hábitats coas condicións óptimas para os moluscos: humidade elevada, materia orgánica e temperaturas moderadas.

Moitas especies causan importantes perdas económicas nas explotacións agropecuarias, acadando o rango de pragas

Poden causar prexuízos agrícolas ao estragar a aparencia externa do produto, destruír a semente ou provocar danos nas follas das plantas adultas. Afectan tanto a cultivos hortícolas como florais, silvicultura, fruticultura, pasteiros, plantas aromáticas ou medicinais. Son un dos problemas de máis difícil solución en agricultura sostible debido á falta de medios de control de pragas de gasterópodos autorizados na agricultura biolóxica.

En xeral, atrasan o crecemento das plantas e poden provocarlles a morte. Non teñen un patrón concreto de dano e a súa magnitude varía segundo múltiples factores: as zonas do planeta, dun ano a outro ou entre as distintas estacións do ano; segundo a actividade dos individuos, da súa idade e tamaño; da densidade de poboación, etc.

Os gasterópodos terrestres estiveron sempre estreitamente relacionados co ser humano. Aínda que traian de cabeza aos agricultores, debemos agradecerlles os numerosos servizos que nos prestan.


*Teresa Rodríguez López é profesora de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Cláusula de divulgación: Teresa Rodríguez López non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.