Xoves 28 Marzo 2024

A saúde mental, primeira vítima: así afecta a covid á calidade de vida dos galegos

Un estudo do Hospital Univesitario Lucus Augusti sinala as enfermidades mentais como unha das áreas máis afectadas entre os contaxiados na primeira onda

Calidade de vida e saúde son dúas variábeis interconectadas. Logo, e nun contexto de pandemia, a presenza de síntomas da covid-19 pode ter un gran impacto en ambas. Desta premisa parte un estudo do Servizo de Medicina Interna do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), que vén de describir a calidade de vida e a percepción da saúde dos pacientes de covid-19 da primeira onda epidémica.

Así mesmo, e xunto a unha infección aguda provocada polo virus, a investigación logrou identificar factores que inducen a un peor estado de saúde percibido. Neste sentido, e segundo explica Blanca Ayuso García, da Unidade de Enfermidades Infecciosas do HULA, “o estudo amosa a existencia de perfís máis susceptibles a ter unha peor calidade de vida, sobre os que sería posible deseñar intervencións para contrarrestar os factores de risco”.

Publicidade

A calidade de vida na escala EQ-5D

“O EuroQol 5D-5 L é unha ferramenta de tipo cuestionario para a avaliación da calidade de vida relacionada coa saúde. É dicir, a percepción subxectiva de cada persoa acerca da súa calidade de vida en relación ao estado de saúde e os coidados recibidos”, explica Ayuso García. A escala empregada polo estudo consiste nunha enquisa autoadministrada que consta de dúas partes. A primeira avalía cinco dimensións de saúde (mobilidade, coidado persoal, actividades cotiás, dor e ansiedade/depresión) a través de cinco preguntas e con cinco posibles respostas, que van desde “ningún problema” até “problemas graves”. A segunda consta dunha escala visual análoga (un debuxo dunha regra de medir), na que o paciente sinala que percepción ten da súa propia saúde, e onde “0” é o peor estado posíbel e “100” é o mellor.

Dos resultados desta enquisa extrapólanse dous índices. Por unha banda, o EQ-Health Index, que expresa a calidade global da saúde, sendo “0” o equivalente a un falecemento e “1” o asignado ao estado de saúde perfecto. Doutra, o EQ-EVA, consistente na puntuación da escala visual. Os datos deste cuestionario, que están dispoñíbeis para varios países e, dentro deles, para as diferentes rexións, poden consultarse de forma fácil e permiten facer comparacións.

A avaliación, 10 meses despois

Para coñecer as respostas a ese cuestionario, o persoal investigador levou a cabo enquisas telefónicas entre novembro do 2020 e febreiro de 2021 a todos os pacientes que pasaran unha infección aguda pola SARS-CoV-2 durante os meses de marzo a maio do 2020 na área sanitaria de Lugo. “Decidiuse realizar a enquisa 10 meses despois por dous motivos. Primeiro, para deixar un tempo prudencial de convalecencia que pode ser habitual en calquera outra enfermidade, sexa infecciosa ou non. Segundo, pareceunos máis representativo dunha posible afectación en relación ao coñecido como “síndrome post-covid”, xa que se realmente persistía a afectación tras máis de seis meses de enfermidade, era máis probable que se debese a este fenómeno que a outro”, explica Ayuso García.

Cunha taxa de 72,8% de resposta, obtivéronse 443 testemuños de pacientes. Máis dun 60% non reportou ningún problema de saúde ou síntoma aos 10 meses do seguemento. Algo que indicaria que, aínda que a percepción da saúde após a covid-19 estea afectada, pode que non estea directamente relacionada coa pandemia: “En xeral, a taxa de afectación, tanto global como por áreas, foi baixa. Isto indica que, malia que é posible que a calidade de vida se perciba deteriorada, o fenómeno non é frecuente nin sempre limitante”. Así e todo, e nese 35% restante, os problemas máis habituais detectados foron na esfera de ansiedade e/ou depresión (23,9%) e na mobilidade (16,5%).

A saúde mental, a primera vítima

A dor non foi unha área de particular afectación neste estudo, especialmente no que respecta ás demais. Porén, si que o foi a da ansiedade e/ou depresión, cuns valores de mostra superiores tanto aos da media nacional como aos da propia comunidade autónoma. Respecto deste achado, Ayuso sinala que existen varias causas que poderían darlle explicación, “desde as consecuencias que tiveron as medidas de confinamento e distanciamento social (independentemente do grao de enfermidade), ata as consecuencias directas de padecer unha enfermidade potencialmente grave ou grave nalgúns casos, cunhas condicións de atención particulares (imposibilidade de ter visitas e saír do cuarto, unha posible percepción de distancia co persoal sanitario polas medidas de protección dos mesmos…)”.

“Polo momento non existe evidencia sólida de que a covid-19 teña efectos neuropsiquiátricos directos”, explica Ayuso García. Así e todo, non deixa de apuntar que o feito de padecer calquera tipo de enfermidade, sexa infecciosa ou non, deriva nunhas consecuencias negativas para a saúde mental dos pacientes. “Unha saúde mental deteriorada é sinónimo dunha mala saúde“, sentencia. “E esta área propia de especialización require recursos e atención ao mesmo nivel que o resto de enfermidades, xa que provoca sufrimento e incapacidade tanto nos pacientes como nos familiares dos mesmos”.

Ser muller, factor de risco

Malia ser máis novas, ter menos comorbilidade e ter pasado, aparentemente, unha infección aguda menos complicada (ingreso hospitalario e en UCI), as mulleres participantes no estudo presentaron maiores taxas de dor e ansiedade e depresión. Así, un 17,9% das enquisadas reportaron sufrir molestias e, o 27,8%, unha autopercepción da saúde mental deteriorada, fronte aos respectivos 5,9% e o 17,6% no caso dos varóns.

As mulleres adoitan presentar peores puntuacións no que respecta aos homes xa en informes previos, que teñen sinalado o xénero feminino como un factor de risco para maior afectación tras a covid-19, así como para unha peor percepción de saúde após calquera tipo de enfermidade. Algo que podería indicar a presenza doutros axentes, máis aló de patoloxías como o síndrome post-agudo: "Tras este feito haxa probablemente outros factores sociais e persoais que contribúan a iso, e que fan necesario reavaliar o enfoque actual dos problemas de saúde e a calidade de vida relacionada coa saúde das mulleres".

A galega, unha taxa maior

Respecto da taxa nacional, os pacientes que formaron parte do estudo do Hospital Universitario Lucus Augusti padecían máis de problemas nas esferas de afectación. Así, onde a mostra obtiña unha taxa dun 16,48% no que respecta á mobilidade, os valores do Estado situábanse no 14,28%. No relativo ás enfermidades mentais, a diferenza ampliase significativamente, con case un 24% no caso das respostas no HULA, fronte ao 15% estatal. Segundo Ayuso García, "unha posible explicación é o feito de ter unha poboación máis envellecida que o resto de comunidades, o que supón unha maior taxa de enfermidades crónicas e dependencia, co consecuente empeoramento da autopercepción de saúde".

Con todo, foron semellantes aos valores observados na comunidade galega nos meses previos á pandemia. Isto parece apuntar cara a unha problemática que xa viña de antes: "Efectivamente, ao comparar os nosos resultados cos da nosa comunidade antes da pandemia, estes non variaban significativamente, o que indica que probablemente xa existira unha peor autopercepción de saúde antes da mesma". Na mesma liña, a profesional tamén admite que, malia dispor deses datos autonómicos previos, estes non se atopaban disgregados por provincia, o que non permite asegurar a variabilidade dos niveis de ansiedade e/ou depresión recollidos no estudo respecto dos anteriores á pandemia.

Limitacións e fortalezas do estudo

Así mesmo, o estudo levado a cabo polo Servizo de Medicina Interna do hospital lucense conta con outras dúas limitacións. Por unha banda, o feito de que as respostas fosen obtidas mediante enquisas fai que os datos recadados sexan subxectivos, ao non tratarse de variábeis que se poidan medir dun xeito exacto. Doutra, o deseño transversal do estudo dificulta o establecemento de relacións causais sólidas, permitindo só expor hipóteses acerca das mesmas.

Con todo, e no que respecta ás fortalezas, Ayuso García destaca a "gran cantidade de pacientes avaliados e a forma de levar a cabo esa avaliación (todos da mesma forma e coa mesma escala). Tamén o feito de incluír tanto pacientes ambulatorios como hospitalizados, así como as súas características en canto a sexo, idade, comorbilidades e curso de infección aguda, que permite analizar outras variables que puideron influír no resultado". Doutra banda, o estudo dá pistas de que pacientes corren máis risco de ter unha peor calidade de vida relacionada con saúde, sendo estes os que máis se beneficien dun apoio ou avaliación en profundidade por parte do sistema sanitario.

En prol dunha mellor calidade de vida

Desde a sanidade, as posíbeis medidas para aplicar son as mesmas que en calquera outra situación de convalencencia prolongada ou de mala percepción de saúde após o pacedemento dalgún tipo de enfermidade. Así, o procedemento inclúe a "procura de patoloxía subxacente (no caso de datos que esperten sinais de alarma); o apoio psicolóxico ou rehabilitador, no caso de afectación psicolóxica ou funcional severa por este motivo; e seguimento por especialistas correspondentes en caso de detectarse algunha patoloxía".

No relativo a unha mellora na calidade de vida da poboación máis xeral, Ayuso sinala a necesidade de levar a cabo accións individuais, como "mellorar os hábitos da dieta, realizar exercicio con frecuencia e o cese de hábitos tóxicos, como fumar ou consumir alcohol de xeito prexudicial". Porén, a acción institucional é tan complementaria como necesaria: "Desde as institucións pódense favorecer os espazos verdes, que axuden tanto a reducir a contaminación como que permitan realizar actividades deportivas; impulsar actividades formativas, no que respecta á mellora dos hábitos de vida; e, por suposto, reforzar o sistema sanitario, para poder dar a mellor asistencia posible á poboación", sentencia.


Referencia: Calidad de vida relacionada con la salud en pacientes recuperados de covid-19 (Publicada en Journal of Healthcare Quality Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais