As mulleres presentan máis síntomas a longo prazo que os homes tras pasar a Covid-19

Así o revela un estudo realizado a 1.969 pacientes que estiveron ingresados en cinco hospitais públicos de Madrid durante a primeira onda da pandemia

Fatiga, perda de cabelo, dificultade para respirar, depresión, problemas oculares, peor calidade do sono e dor. Estes son os síntomas que, oito meses despois de recibir a alta, experimentaron algúns enfermos de Covid-19 que estiveran ingresados durante a primeira onda da pandemia. Agora, un estudo levado a cabo en cinco hospitais públicos de Madrid demostra que as mulleres presentaron máis síntomas a longo prazo que os homes. Así o recolle unha investigación publicada en Journal of Clinical Medicine e liderada pola Universidad Rey Juan Carlos (URJC) coa colaboración da Universitat de València (UV).

O estudo, que se baseou no seguimento de 1.969 pacientes hospitalizados, demostrou que determinados síntomas —como a fatiga e os problemas oculares xa mencionados— son máis habituais, a longo prazo, en mulleres que en homes que xa pasaran a enfermidade. Polo tanto, o sexo feminino sería un factor de risco. Non obstante, isto non parece acontecer de igual maneira nas etapas iniciais da doenza, cando os síntomas entre homes e mulleres son moi semellantes. Agás a dor de cabeza, tamén máis habitual entre elas. Polo tanto, estes resultados suxiren que a afectación inicial por Covid-19 é similar entre ambos sexos. Algo que non acontece ao longo prazo.

Publicidade

Desigualdade de xénero

“A pandemia de Covid-19 relacionouse cun aumento da desigualdade de xénero. Recoñecer que a Covid-19 afecta de maneira diferente a homes e mulleres é un paso crucial cara a unha comprensión da fisiopatoloxía e a natureza das secuelas e síntomas post-Covid e a promoción de solucións de atención médica individualizadas”, explica a profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva da UV e participante no estudo, Esperanza Navarro-Pardo, en declaracións á Agencia DiCYT.

“De feito, é moi interesante ver como as mulleres sobreviven en maior proporción que os homes á infección aguda por Covid-19 pero desenvolven máis síntomas despois”, engade o primeiro asinante do artigo e profesor do Departamento de Fisioterapia, Terapia Ocupacional, Rehabilitación e Medicina Física da URJC, César Fernández de las Peñas. É máis, xa se publicaran estudos que apuntaban ao sexo como factor específico, pero esta investigación afonda, coa maior cohorte ata a data, nesta diferenza e ten en conta as diverxencias nos síntomas de inicio asociados á Covid-19.

Publicidade

A enfermidade grave

Por outro lado, o estudo non atopou evidencias de que as enfermidades como a hipetensión, a diabetes ou os trastornos cardiovasculares teñan efectos na sintomatoloxía posterior á Covid-19. Malia que si se asocian cun maior risco de enfermidade grave ou mortalidade na fase aguda da infección. Por tanto, isto podería relacionarse co feito de que esta doenza é máis prevalente nos homes, que mostran maior severidade da infección e maior taxa de mortalidade.

Por último, os investigadores apuntan algunhas das posibles causas polas que a Covid-19 afectaría máis ás mulleres ao longo prazo. Entre elas, as diferenzas biolóxicas na expresión do encima convertedor de angiotensina-2 (ACE2) e dos receptores transmembrana entre homes e mulleres, ademais de diferenzas inmunolóxicas, por exemplo, unha menor produción de interleucina-6 proinflamatoria despois da infección viral en mulleres. Con todo, advirten que os mecanismos subxacentes deben ser investigados.


Referencia: Female Sex Is a Risk Factor Associated with Long-Term Post-COVID Related-Symptoms but Not with COVID-19 Symptoms: The LONG-COVID-EXP-CM Multicenter Study(Publicado en Journal of Clinical Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Cinco motivos para estar alerta ante a transmisión de gripe aviaria en humanos

México e a OMS anunciaron o 5 de xuño a morte dun home, de 59 anos de idade, infectado polo virus da influenza subtipo AH5N2

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres