Martes 19 Marzo 2024

Tras o terremoto récord de Mondariz: “Galicia está nun terreo de pouco perigo”

Os expertos indican que o territorio galego é unha zona intraplaca na que as fallas de racho provocan sismos de pouca magnitude

O terremoto con epicentro en Mondariz de intensidade 3.4 mbLg, rexistrado na madrugada do 23 de xaneiro, fixo saltar as alarmas da veciñanza da área afectada. Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o tremor sentiuse en 23 localidades, entre elas Vigo, As Neves, Bueu, A Lama, Mondariz, Sanxenxo, Cangas, Salvaterra e A Guarda.

O sismo foi catalogado polo IGN como un terremoto de nivel 2 nunha escala de 10, é dicir, aqueles que poden ser perceptibles para algunhas persoas pero que non producen ningún dano. Este terremoto está acompañado en proximidade por 31 movementos terrestres nas zonas de Covelo, A Cañiza e Arbo, sucedidos nos últimos dez días. Aínda que o rexistrado con epicentro en Mondariz é o de maior magnitude, xa que os outros oscilan en intensidades de 1,7 a 2,2 grados.

Publicidade

As fallas

Defínese a falla xeolóxica como a fractura na cortiza terrestre ao longo da cal se moven os bloques rochosos que son separados por ela. “Galicia está moi fracturada e o terremoto de Mondariz é a consecuencia dos movementos de fallas intraplacas”, sinala o xeógrafo Augusto Pérez Alberti.

Pérez Alberti: “Galicia está moi fracturada e o terremoto de Mondariz é a consecuencia dos movementos intraplacas

A comunidade galega é unha zona intraplaca na que as fallas de racho provocan terremotos de pouca magnitude, polo que as consecuencias son menores. “Os sismos sempre xeran certa intranquilidade na poboación” sinala o xeógrafo, e máis nun momento como o de agora, que hai presentes outros terremotos como o de Xapón de magnitude 6.6.

Por sorte, o territorio galego ten un substrato predominantemente granítico ou metamórfico, polo que as ondas dos terremotos corren máis rápido e iso provoca que o seu impacto sexa menor. Polo tanto, aínda que os terremotos se sucedan, é raro que cheguen a ocasionar danos. “Galicia está nun terreo que sismicamente non ten moito perigo”, declara Pérez Alberti.

Frecuencia dos terremotos

A actividade sísmica tan seguida destes días na provincia de Pontevedra causa expectación. Sobre todo despois de que o sismo rexistrado no municipio de Mondariz se convertera no segundo maior da historia na provincia, e no maior dos últimos trinta anos en canto a magnitude: 3,4 mbLg.

Esta sucesión de sismos non teñen por que significar que a partir de agora estes eventos se vaian suceder con máis frecuencia no territorio galego. O que si é certo é que “despois dun terremoto poden vir outros porque hai unha serie de reaxustes na codia terrestre, aínda que normalmente xa son máis pequenos”, sinala Pérez Alberti.

O maior terremoto de Galicia

O 21 de maio de 1997 tivo lugar en Triacastela, na provincia de Lugo, o maior terremoto rexistrado en Galicia, cunha magnitude de 5.1. O sismo chegou acompañado de 400 réplicas e 81 delas foron superiores á magnitude 2. No 2011, outro terremoto da mesma magnitude con epicentro en Lorca (Murcia) causou nove vítimas mortais. No caso galego, os danos foron sobre todo gretas e desprendementos de cascotes en numerosas vivendas  —aínda que tamén caeu o campanario dunha igrexa en Baralla—.

O sismo  de 1997 influíu na saúde mental de moitas das persoas que o viviron

Non obstante, o sismo  de 1997 influíu na saúde mental de moitas das persoas que o viviron. Así o conrfirman os datos dos centros de saúde durante os meses seguintes, nos que se incrementaron as consultas de pacientes que saíron con receitas de ansiolíticos na man. A partir deste suceso, o IGN anunciou por aquelas datas que colocarían 40 estacións sísmicas en Galicia, especialmente bordeando o epicentro e a revisión do mapa de riscos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podería ser España a próxima en sufrir un terremoto?

Na península podemos esperar sismos de magnitude entre 6,5 e 7 nas fallas asociadas ao mesmo proceso tectónico que o recente de Marrocos

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

As ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria detectáronse na península

Unha animación resume o movemento dos dous potentes sismos, que xa deixan máis de 2.300 mortos nos países afectados

O tsunami de Lisboa: 267 anos do desastre que impulsou o estudo científico da sismoloxía

Un terremoto duns 8,5 graos e o posterior maremoto deixaron arredor de 20.000 vítimas mortais, con efectos que tamén se sentiron en Galicia