O dobrete sísmico que sacudiu Venezuela o pasado 24 de xuño constitúe un fenómeno xeolóxico cuxos danos reais aínda non están determinados, con cifras de defuncións e persoas feridas que aumentan a medida que progresan as labores dos servizos de rescate. A diferenza do patrón habitual dun gran terremoto seguido de réplicas menores, a rexión sufriu dous sismos principais —de magnitudes 7,2 e 7,5— con tan só 39 segundos de diferenza. Os usuarios de Android recibiron entón unha alerta no seu teléfono móbil. Para os que se atopaban no epicentro do sismo, a mensaxe chegou despois do primeiro tremor da terra, pero para quen estaba a certa distancia este aviso deulle uns segundos de vantaxe para protexerse do fenómeno inminente.
Alertas ante terremotos: un sistema de Google
O sistema de alertas de terremotos de Android é un servizo gratuíto deseñado por Google para enviar avisos temperáns aos usuarios ante a actividade sísmica. Atópase activo dende abril de 2021 e xa detectou miles de sismos, dos cales máis de 2.000 requiriron lanzar unha mensaxe de advertencia pola súa intensidade. Un exemplo do seu funcionamento foi o terremoto de magnitude 6,2 que golpeou Turquía en abril de 2025. Nese caso, a alerta emitiuse oito segundos tralo comezo do tremor, o que, para parte da poboación, supuxo un tempo de aviso que foi dende un par de segundos a case 20. Google sinala que ese evento motivou o envío de 11 millóns de alertas.
O seu obxectivo principal é proporcionar uns segundos de marxe antes de que comece o tremor máis forte, para que as persoas que reciban a alerta se poñan a salvo. Dependendo da intensidade estimada, o programa emite dous tipos de avisos: as alertas BeAware para tremores leves e as TakeAction, que ocupan toda a pantalla e reproducen un son forte ante sacudidas graves.
É importante aclarar que na actualidade non é posible predicir un terremoto, aínda que si poden elaborarse prognósticos estatísticos, polo que este servizo carece da capacidade de advertir antes de que comecen os movementos tectónicos. O sistema funciona detectando un sismo que xa comezou a través da física das ondas terrestres. Como apunta o medio de verificación Newtral, os tremores xeran primeiro ondas P (máis rápidas e suaves) e despois ondas S (máis lentas e destrutivas). Os acelerómetros dos teléfonos intelixentes, que funcionan como unha rede global de pequenos sismómetros, detectan as ondas primarias e envían un sinal rápido aos servidores de Google para calcular a magnitude e avisar á poboación antes de que cheguen as secundarias.
Como activar as alertas
Para que o teléfono poida emitir estas alertas automáticas, os usuarios deben cumprir con determinados requisitos técnicos e de conectividade. O dispositivo ten que estar conectado á rede wifi ou a unha conexión de datos móbiles, xa que a transmisión de información entre o dispositivo e os servidores de detección require acceso a internet. Ademais, é imprescindible ter activada tanto a configuración de localización do teléfono como a función específica de Alertas de Terremotos de Android.
En dispositivos que conten con Android 12 e versións anteriores, a aplicación oficial —chamada “Emerxencias“, e que cubre situacións graves ou extremas máis alá dos terremotos— pode instalarse iniciando sesión coa conta de Google na Play Store. Se xa forma parte da lista de aplicacións do dispositivo, pode atoparse no menú de axustes do teléfono móbil buscando o nome do programa. Logo, tan só haberá que dirixirse ao apartado correspondente ás alertas de sismos e asegurarse de que estean activadas. Neste mesmo espazo tamén é posible gardar información médica relevante e configurar chamadas automáticas aos servizos de urxencia en caso de necesidade.














