“Son un atentado violento e perigoso”: os argumentos dos antivacinas no século XIX

Un estudo conclúe que o discurso apenas evolucionou e os movementos contrarios ás vacinas seguen a lanzar as mesmas mensaxes na pandemia actual

Os argumentos empregados polos antivacinas durante a epidemia de varíola son semellantes aos que se utilizan na actualidade.
Os argumentos empregados polos antivacinas durante a epidemia de varíola son semellantes aos que se utilizan na actualidade.

“Un escenario potencialmente desastroso” fronte a “un atentado violento e perigoso”. Saberías dicir cal foi o argumento que empregaron os opositores á vacina da varíola, alá polo século XIX, para disuadir á poboación de inmunizarse contra a enfermidade? Se escolliches a segunda opción, acertaches. Aínda que non é tarefa fácil distinguir as posturas vixentes hai 200 anos daquelas que, aínda hoxe, se opoñen á vacina contra a covid-19. Esa é a conclusión dun estudo publicado en Cadernos de Atención Primaria, onde tres investigadores galegos conclúen o seguinte: “As garantías no desenvolvemento das vacinas melloraron e non son comparables ás do século XIX. Non obstante, as narrativas anti-vacinas apenas evolucionaron”.

Dous séculos despois, a ciencia deu pasos de xigante. A vacina da varíola, a primeira da historia, non pode compararse coas actuais solucións contra o coronavirus. O primeiro asinante do artigo, o médico Roberto Fernández, explica que aquela primeira inxección “non tiña base empírica, nin ensaios clínicos sistematizados”, algo escasamente comparable ás vacinas actuais. “Eran de mala calidade, incluso falsificadas, e chegaban en condicións de conservación e pureza moi mellorables”, sinala o doutor do centro de saúde de Allariz. Os movementos que xurdiron en contra desa primeira vacina tiveron moita forza e conseguiron derogar e deter leis que impulsaban a inmunización da poboación, sobre todo en Reino Unido, Estados Unidos ou incluso Francia. Países onde a día de hoxe seguen tendo taxas de vacinación da covid-19 inferiores a España.

Clases pobres fronte a clases medias

Segundo Fernández, outro dos motivos polo que as ideas anti-vacinas tiñan tanto eco na sociedade do XIX era porque incidían especialmente nas clases pobres e traballadoras. Algo que, pola contra, non acontece hoxe en día, posto que adoitan calar mellor nas clases medias. Amais diso, os movementos anti-vacinas actuais nútrense especialmente das redes sociais, onde a propagación da información é rápida e onde tamén se complica a selección de datos veraces. Pero hai outra diferenza entre a campaña de vacinación da varíola e a da covid-19 que subliña Fernández: “No século XIX non había información porque non se tiña acceso a ela. Agora hai un exceso de mensaxes falsas“.

Na sociedade do século XIX, as mensaxes contra as vacinas calaban nas clases traballadoras

Polo tanto, e malia as diferenzas entre unha época e outra, os argumentos contrarios ás vacinas son moi parecidos e seguen a mesma liña. O motivo polo que o discurso pode permanecer inalterado, polo menos en parte, é porque a ciencia avanzou pero as emocións seguen sendo as mesmas. “O medo ao que poida pasar segue aí e pódese remover igual que se facía no século XIX. Iso tamén aconteceu na pandemia de gripe do 18, cando trataban de buscar culpables”, explica o doutor. Outro dos motivos que axudan á emerxencia deste tipo de discursos son os trazos comúns das persoas que os defenden. “Adoitan dar puntuacións máis altas en tests de pensamento conspiranoico e teñen menor percepción do risco de contaxio“, asevera Fernández.

Alto contido emocional

Afondando máis no estudo, os autores, a través dunha revisión histórica, analizaron os diferentes tipos de narrativas que se empregaron para rexeitar as vacinas, tanto as da varíola como as da covid-19. Para iso, empregaron os argumentos vertidos por persoas que se presentaban como médicos, investigadores ou profesores universitarios. É dicir, que aparentemente tiñan formación biomédica pero que rexeitaban a vacina. No caso da varíola empregaron documentación histórica da Biblioteca Nacional de España e coa covid-19 acudiron ás mensaxes filtradas por redes sociais.

O primeiro asinante do artigo, o médico Roberto Fernández.
O primeiro asinante do artigo, o médico Roberto Fernández.

Algúns dos trazos máis significativos dos discursos, tanto dun movemento como do outro, foi a apelación a emocións primarias como o medo e a ira. Polo tanto, o emprego de palabras cun alto contido emocional. Tamén usaban o argumento da ameaza á liberdade individual e do antivacinismo como actitude heroica e de resistencia. De igual maneira acharon que este tipo de discursos eran capaces de combinar afirmacións veraces de coñecemento xeral con outras de moi difícil comprobación, que inclinan a moitas persoas a ampararse no rexeitamento.

Unha das ameazas que advirte Fernández respecto do movemento antivacinas actual é o uso das redes sociais e a facilidade coa que se propagan as informacións falsas. E no propio estudo sublíñase que os líderes actuais non son moitos, pero si son especialmente activos en redes sociais, polo que “teñen alto potencial para inducir rexeitamento ás vacinas”. A maiores, os investigadores fan fincapé en que ao tratarse de discursos tan semellantes, malia o tempo que pasou e os avances científicos, demostra que “xa erraron nas súas predicións, resultando [un discurso] pouco fiable de cara a tomar decisións sobre a vacina”.

Un espazo de debate

De todas formas, Fernández defende que non hai que escapar do debate, senón integrarse por completo nel. Contrario á censura dos discursos antivacinas, cre que o máis importante é contestar con transparencia e contrarrestalos con mensaxes que usen as mesmas canles de propagación, como son as redes sociais. “Ademais, non podemos dicir que as vacinas funcionen a toda costa. Hai que poñer o debate sobre a mesa, falar da pertinencia dunha terceira dose e non estendela ao resto do planeta ou mesmo a que as vacinas actuais estean centradas nun só antíxeno e as variantes poidan escapar con facilidade”, engade o investigador.

Fronte á censura dos antivacinas, apóstase por contestar con transparencia

“O escepticismo é o que fai que a ciencia avance pero non llo podemos regalar aos anti-vacinas”, di Fernández, en relación á importancia de xerar debate no ámbito científico. En canto ás limitacións do estudo, tamén se subliña a importancia de ampliar a análise das narrativas e o limitado número de documentos históricos que recollesen argumentos contrarios á vacina da varíola. Sería interesante, polo tanto, ir máis alá e afondar nos perfís que asumen ese tipo de discursos, cales son os seus trazos de personalidade ou cal é a súa tendencia a aceptar informacións falsas.

Mentres tanto, seguir avanzando na ciencia. Ter claro que as emocións permanecen e que o medo é universal, en tempo e espazo. E que aí pode estar unha das claves de por que os discursos antivacinas apenas variaron dende que naceu a primeira inxección. A que salvou millóns de vidas. E xa para finalizar, deixámosvos dous argumentos, pero esta vez non teredes axuda. “En serio de arriscas a envelenar o teu ADN para o resto da túa vida?” fronte a “É un envelenamento desagradable do sangue”. Saberiades dicir cal se emitiu durante a época da varíola e cal durante a da covid?


Referencia: Viruela y Covid: narrativas y creencias antivacunas(Publicado en Cadernos de Atención Primaria).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.