Un test xenómico axudará a predicir o prognóstico dun tipo de cancro de mama

A nova ferramenta posibilitará adiantarse á resposta farmacolóxica e pautar un tratamento máis personalizado e preciso

Un equipo internacional de investigación desenvolveu e validou un test xenómico chamado HER2 DX que pode predicir o prognóstico de pacientes con cancro de mama HER2+ en estadios precoces e a probabilidade de responder a tratamentos farmacolóxicos administrados antes da cirurxía do tumor. Trátase dunha ferramenta que integra datos clínicos con xenómicos.

O cancro de mama HER2+ representa o 20% dos tumores de mama diagnosticados. Calcúlase que en Europa contabilízanse cada ano máis de 100.000 casos, o que significa que, cada seis minutos, unha muller é diagnosticada con cancro de mama HER2+. Este novo test podería axudar a tomar decisións terapéuticas máis precisas e acertadas.

Publicidade

Primeiro test xenómico

Os autores do estudo, expertos do Clínic-IDIBAPS-UB, Vall d’Hebron Institut d’Oncología (VHIO), a Universidade de Padua (Italia) e Reveal Genomics crearon o primeiro test xenómico para esta enfermidade no mundo. Agora, un novo estudo, publicado na revista The Lancet EBioMedicine, valida a súa fiabilidade.

Para conseguir sacar adiante este test foi necesario integrar datos clínicos e xenómicos e validalos en máis de 1.000 pacientes, sinala o xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínic, Aleix Prat. HER2 DX é unha ferramenta innovadora que “predí mellor o comportamento do tumor de cada paciente comparado coa información dispoñible sen realizar o test”.

Publicidade

A importancia da precisión

Ata a data, non existían outras fórmulas para predicir o risco de recaída e a supervivencia máis aló do tamaño do tumor e a presenza de enfermidade nos ganglios axilares. “A pesar dos grandes avances terapéuticos na última década no cancro de mama HER2+, a gran maioría de pacientes non reciben un tratamento óptimo; ou ben máis dos que necesitan ou non os suficientes para curar”, engade Pierfranco Conte, da Universidade de Padua.

A gran maioría de pacientes non reciben un tratamento óptimo

Decisións terapéuticas tan importantes como a necesidade (e o tipo) de quimioterapia, ou a cantidade (ou duración) do tratamento anti-HER2, non teñen en conta a heteroxeneidade biolóxica desta enfermidade, continúa o doutor. O test HER2 DX mide os niveis do ARN de 27 xenes e utiliza un software analítico intelixente para xerar un algoritmo que divide ás pacientes en grupos de baixo ou alto risco a través de puntuacións (de 0 a 100).

A información dos xenes

Para conseguir este obxectivo, HER2 DX captura os catro procesos biolóxicos máis importantes do cancro de mama HER2+: a activación do sistema inmunolóxico dentro do tumor, o estado diferenciado das células tumorais, a proliferación do tumor e a expresión do propio xen HER2 e varios xenes veciños no cromosoma 17.

A información proporcionada polos 27 xenes, xunto ao tamaño do tumor e a afectación dos ganglios axilares, utilízase para proporcionar dous tipos de información clínica: o prognóstico da paciente e a sensibilidade do tumor á quimioterapia e os tratamentos anti- HER2 administrados antes da cirurxía do tumor.

O test serve para que o tratamento ás pacientes sexa o máis personalizado e preciso posible

“Por primeira vez, no contexto do cancro de mama HER2+, púidose desenvolver unha ferramenta que leva toda esta información á práctica clínica, para conseguir que o seu tratamento sexa o máis personalizado e preciso posible” explica Ana Vivancos, xefa do grupo de Xenómica do Cancro do VHIO á Agencia SINC. E engade que este tipo de test son os que van axudar máis ao oncólogo nun futuro, xa que lle permitirán profundar e entender cada caso en concreto


Referencia: Development and validation of the new HER2DX assay for predicting pathological response and survival outcome in early-stage HER2-positive breast cancer. (Publicado en The Lancet EBioMedicine). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

O Ministerio de Sanidade amplía o cribado do cancro de mama entre os 45 e 74 anos

As autoridades europeas, os datos achegados polas comunidades e a evidencia científica avalan a extensión das probas a novas franxas de idade

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade