A Xunta elimina as medidas de restrición da covid-19 implementadas en Nadal

O conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, anuncia a fin do toque de queda e a recuperación dos horarios de peche habituais en hostalaría e ocio nocturno

Cun total de 65.841 casos positivos en Galicia, a Xunta de Galicia anuncia un alivio das restricións implementadas para conter o contaxio da covid-19. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou nunha rolda de prensa dos novos acordos adoptados tras a reunión do comité clínico. As novas medidas tomáronse tendo en conta que a incidencia acumulada segue á baixa, pese a que nas últimas 24 horas se rexistraron 7.003 persoas con tests positivos.

Pese a que neste momento hai 581 persoas ingresadas con covid-19 e 40 en UCI, o conselleiro asegura que “a situación nos hospitais está contida”. Ademais, Comesaña sinala que nun estudo que se está realizando observouse que o 44% das hospitalizacións -datos a 23 de xaneiro- non teñen como causa do ingreso a covid-19, senón que son persoas que acoden por outros motivos e ao facerlles a proba dan positivo. Polo tanto, no rexistro oficial estase contabilizando como pacientes en planta tanto ás persoas ingresadas por covid como aquelas que, aínda téndoo, non requiren tratamento sanitario por este motivo.

Publicidade

Eliminación das restricións do Nadal

Julio Comesaña anunciou a eliminación das restricións implementadas de cara a Nadal e que se mantiveron ata o de agora para intentar conter os contaxios na sexta onda. O único que se vai manter é a obrigatoriedade do certificado covid, xa que é unha ferramenta que animou a máis de 5.000 persoas a poñer a primeira dose da vacina en xaneiro. Tras o anuncio, a situación quedaría así:

  • Elimínase o `toque de non queda´, polo que xa non hai limitacións de mobilidade na madrugada para as persoas non convivintes
  • A hostalaría e restaurantes recuperan o seu horario normal, podendo pechar á 1 da madrugada entre semanas e ás 1.30 horas na fin de semana
  • Os locais de ocio nocturno poderán pechar ás 4 da madrugada entre semana e ás 5 na fin de semana
  • Volve o consumo en barra e as mesas poderán ser de 8 persoas en interior e de 15 en exterior
  • Volven a estar permitidos os espectáculos e os concertos de pé, coas medidas sanitarias pertinentes
  • Para entroido: obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder a eventos, ao público asistente prohibiráselle fumar dentro deses espazos -aínda sendo abertos-, mantemento da distancia de seguridade ou prohibición de estar de pé nas actividades levadas a cabo en teatros, auditorios ou similares.

Fase de meseta

Na rolda de prensa, a directora xeral de saúde pública, Carmen Durán Parrondo, sinalou que Galicia está a atravesar unha fase de estabilización, tamén coñecida como fase de meseta, na que a incidencia acumulada comeza a descender lixeiramente. Segundo Parrondo, o 14 de xaneiro alcanzouse o pico de contaxios e a incidencia acumulada a sete días foi o 13 dese mesmo mes.

Publicidade

Unha das propostas da Xunta de Galicia é reducir o tempo de confinamento dos casos positivos a 5 días

O pediatra Luciano Garnelo Suárez secunda estes datos coa situación vivida no seu centro centro de saúde. “Dende que comezou a sexta onda, o mes de decembro e a primeira quincena de xaneiro foron horribles en atención primaria”, sinala. Non obstante, engade que “xa se chegou ao cumio e agora empeza a ser visible o descenso”.

En canto ao método de diagnóstico para contabilizar positivos, Galicia seguirá recoñecenzo a validez dos autotest, aínda que neste momento se está verificando que os resultados sexan fiables mediante a realización de PCR a algunhas persoas que dan positivo en antíxenos. Na actualidade, a taxa de probas positivas na Comunidade Autónoma é de 21,8%, -incluíndose nesta porcentaxe os autotest-. Con estes datos, unha das propostas da Xunta de Galicia, aínda pendente de aprobación, é reducir o tempo de confinamento dos casos positivos a 5 días.

A predominancia de ómicron

Das variantes que circulan por Galicia, ómicron é a gran protagonista, alcanzando unha presenza do 97% no territorio galego. Ao ser máis contaxiosa que delta, na área de pediatría de Vigo pasaron de 10 ou 15 casos positivos en crianzas en ondas anteriores a máis de 40 casos na sexta onda, informa Suárez. Non obstante, ao afectar ás vías respiratorias supeiores, os cadros soen ser máis leves.

“A pandemia que está habendo de trastornos mentais é tamén preocupante”

Entre a porcentaxe da poboación que está vacinada e a xente que pasou a infección, a inmunidade colectiva é moito maior que noutras ondas. Por ese motivo, e tendo en conta a sintomatoloxía máis liviá, Suárez está de acordo coa relaxación das medidas, xa que considera que “hai que empezar a normalizar a vida, porque a pandemia que está habendo de trastornos mentais é tamén preocupante”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia introduce unha vacina de reforzo contra a meninxite B aos 12 anos

O Sergas aplicará unha dose única aos nenos con pauta completa e dúas aos que non a teñan, aínda sen definir a data de inicio da medida

O Sergas empregará IA para apoiar a análise de imaxes clínicas

O obxectivo é examinar anualmente 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 de cribados citolóxicos, 100.000 probas oftalmolóxicas e 40.000 para a detección de cancro de mama e próstata

SHARE, o Netflix dos profesionais galegos da saúde, esténdese agora aos cidadáns

A plataforma permitirá aos pacientes afondar no coñecemento da súa enfermidade e promover o autocoidado

Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de radioterapia de precisión no prazo dun ano

O Centro de Protonterapia de Santiago poderá atender anualmente ata 250 pacientes con cancros de especial complexidade