A palabra ‘lubre’ entra no dicionario da RAG en pleno debate sobre ausencias como a de ‘voltar’

A palabra que fai referencia ao bosque onde celebraban os seus rituais os celtas incorpórase ao léxico oficial do galego

“Bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos”. Esa será a definición que acompañará á palabra lubre no dicionario da Real Academia Galega. Pero non a busques aínda, porque non ingresará no léxico oficial do galego até a próxima actualización, se ben a súa incorporación xa ten o viste e prace do Seminario de Lexicografía da Academia.

A proposta parte do grupo folk que popularizou o termo: Luar na Lubre. E máis en concreto dun dos seus fundadores, Bieito Romero. O músico atopouse ca palabra no dicionario de Xosé Luís Franco Grande publicado pola editorial Galaxia en 1968. 18 anos máis tarde, tiraría da voz para bautizar a unha das bandas máis emblemáticas da música galega das últimas décadas.

Publicidade

Romero comezou en febreiro deste ano unha campaña para que lubre fose incluída na norma do galego. Unha iniciativa que xurdiu nun concerto na cidade de Vigo e que pronto sumou o apoio do alcalde da cidade olívica, Abel Caballero. Tres meses despois, o pasado 21 de maio o Seminario de Lexicografía da Academia deu luz verde á incorporación de lubre ao dicionario na súa próxima actualización.

Voltar

A noticia chega namentres se debate o emprego da palabra voltar, que non está recoñecida no dicionario oficial da lingua galega, no que só se contempla como termo correcto a voz volver. O uso do Real Club Celta de Vigo do termo na súa campaña con motivo do regreso do conxunto celeste a competición europea puxo no centro a ausencia dunha palabra que, para moitos, está no día a día do seu vocabulario en galego.

Publicidade

Un debate que vén de vello. Porque, en ocasións, fixeron falta anos para que palabras moi estendidas no uso do galego se sumasen á norma oficial. Un dos casos máis comentados foi a de percebeiro ou percebeira, que non entrou no dicionario até comezos do ano 2023, logo de que a Academia atendese a reclamación dun colectivo de Muxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Elefantes, escaravellos e osos polares: estas son as mellores fotografías da natureza do ano

O Museo de Historia Natural de Londres escolle as imaxes máis destacadas do concurso Fotógrafo de Vida Silvestre, que premia composición, innovación e interpretación

Que é e que prognóstico ten o adenocarcinoma, o tumor detectado no pulmón do Papa León XIV

Trátase dun dos cancros máis comúns, orixínase nas células glandulares e presenta unha maior supervivencia ca outras neoplasias pulmonares

Dun anticiclón a ondulacións do chorro polar: unha dina pechará a semana en Galicia

O sábado caen as temperaturas, tanto as máximas, que non superarán os 20 graos na maior parte do territorio galego, como as mínimas, que acadarán os 9 no interior