Menstruación, cada unha coa súa regra

Do poder purificador na Antigüidade ata o estigma nas sociedades patriarcais, as crenzas do período chegan aínda hoxe ás consultas de xinecoloxía

Non fagas deporte, non te bañes en auga fría, non toques as plantas que secan e coidado cos tampóns que podes perder a virxindade. Estas son só algunhas das crenzas indisociables da menstruación, o proceso xinecolóxico que se produce na muller cada mes de forma cíclica entre a primeira regra, a menarquia, aos 10 ou 11 anos, ata a menopausa entre os 45 e os 55. Crenzas que existen desde a Antigüidade aínda que non fosen sempre as mesmas, asegura Cristina González Cea, profesora asociada de Xinecoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

“Nas sociedades matriarcais, por exemplo, que estaban moi unidas á natureza, a menstruación outorgaba á muller un certo poder sagrado e de purificación. No Antigo Exipto, por exemplo, existen papiros xinecolóxicos que falan de purificación igual a menstruación. Os Maias tamén a utilizaban nos seus cultivos para mellorar a fertilidade. Pero nas sociedades patriarcais da Idade Media, a muller menstruando acababa sendo estigmatizada e relacionada incluso co demoníaco. Durante o período, as mulleres non podían achegarse ás zonas de cultivo, nin tocar o viño ou muxir as vacas para non estragar o leite e a manteiga. As mulleres tampouco podían manter relacións sexuais coas súas parellas por medo a que eles enfermasen e chegasen incluso a morrer. É dicir, a Igrexa nese momento e a tradición xudeu cristiá estigmatizaban a muller polo feito de estar menstruando”, explícanos a xinecóloga.

Un cambio fisiolóxico cheo de ideas inxustificadas

Pero ata á consulta de González Cea seguen chegando aínda hoxe moitas das vellas crenzas e unha das máis frecuentes, asegura, é a de bañarse ou asearse. “É certo que bañarse con auga fría pode producir unha vasoconstrición que, só nalgúns casos, provoca un cese temporal do sangrado pero, en ningún caso, se trata dun cese completo. Isto tamén pode ser resultado de bañarse sen tampón e a auga que entra na vaxina fai presión no sangue e o fluxo diminúe durante unhas horas ata volver a iniciarse sen problema”, afirma Cea quen tamén advirte da necesidade dunha hixiene máis intensa xustamente neses días pola importante proliferación de bacterias que hai no sangue menstrual.

A hixiene máis intensa é necesaria durante os días de regra pola proliferación de bacterias no sangue menstrual

“O mito máis raro do que me falaron na miña consulta, tanto mulleres mozas como máis maiores, é o de que a maionesa se corta se a muller está menstruando ou que non pode tocar as plantas por se secan. Sorpréndeme que son sempre crenzas relacionadas cos costumes e a vida cotiá das mulleres“, asegura a xinecóloga do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

O período e a nosa sexualidade

Poder manter relacións sexuais ou non durante a menstruación é outra das grandes preguntas ás que González Cea responde ás súas pacientes na consulta. Unha crenza sen xustificación científica que pode supoñer todo o contrario, explica: “Moitas mulleres experimentan moitísimo máis pracer durante a regra polo cambio hormonal que viven neses días”.

Pero González Cea advirte sobre os perigos doutro mito: o de manter relacións sexuais durante a menstruación como método anticonceptivo. “Iso non ten ningunha xustificación científica. A muller pode quedar embarazada durante os días da regra porque aínda que se trate de expulsar o tecido menstrual cando non hai xestación, hai mulleres que poden ovular incluso menstruando. Esa capacidade que teñen os ovarios de facer ás veces cousas raras ou extraordinarias non pode ser un motivo para non ter precaucións como cando se quere evitar un embarazo”, afirma.

Os síntomas non poden limitar a vida cotiá das mulleres

A dor forma parte do abano de posibles síntomas da menstruación. O aumento de prostaglandinas, as substancias que favorecen as contraccións uterinas para expulsar o sangue cara ao exterior, provoca un sufrimento que pode chegar, nalgúns casos,  a incapacitar ás mulleres e limitar a súa vida diaria.

As contraccións uterinas poden provocar un sufrimento incapacitante para as mulleres

“Unha dor moderada que se controla con analxésicos podemos considerala como algo tolerable e normal pero cando esa dor persiste a pesar dos tratamentos, entón hai que acudir a un especialista para valorar a situación cunha exploración adecuada, como unha ecografía vaxinal. Sobre todo porque non podemos confundir esa dor coa provocada por patoloxías relacionadas coa menstruación que incrementan de maneira moi importante o sufrimento. Falo, por exemplo, da endometriose que é a implantación do tecido menstrual fóra da cavidade uterina e que aínda sendo unha enfermidade benigna, pode chegar a producir complicacións graves sobre todo a nivel reprodutivo para a muller”, advirte González Cea.

As náuseas, os vómitos, as cefaleas ou os cambios emocionais importantes poden ser outras das alteracións provocadas polo período e sinaladas pola xinecóloga á hora de avaliar se se debe visitar a un médico. “Calquera síntoma ou alteración que comprometa a calidade de vida dunha muller debe ser sempre valorada”, afirma.

Un ciclo natural propio de cada muller

Para rematar, Cristina González Cea lémbranos que unha menstruación de entre cinco e sete días cunha perda de sangue de entre 50 e 70 mililitros é o normal pero que cada muller é distinta polas súas características como os partos que xa tivo, por exemplo, ou patoloxías no útero como os miomas ou os pólipos que aumentan o fluxo menstrual.

“A menstruación non é máis que un feito fisiolóxico e biolóxico como o viven outros moitos mamíferos e, salvo ese poder sagrado que se lle outorgaba á muller e co que me gustaría quedarme, forma parte do ciclo reprodutivo vital. Como o ciclo da lúa de 29 días, a muller tamén menstrúa cada mes e por iso creo que, posiblemente, a regra está moito máis relacionada coa natureza que con tradicións relixiosas e patriarcais”, conclúe a xinecóloga.

1 comentario

  1. Grazas por tan interesante artigo, ao que cheguei a través da vosa páxina de Facebook. O libro ‘Period Power’ de Maisie Hill supuxo para mín unha descoberta enorme no tocante a temas de saúde feminina e do ciclo hormonal. Aínda non atopei traducción ao español ou galego, pero agardo que se faga dispoñible pronto para poder recomendalo a todas as miñas amizades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.