Publicidade

A USC incorpora ao investigador Miguel Martins, único bolseiro de La Caixa en Galicia

Desenvolverá a súa tese no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centrando o seu estudo no campo dos raios cósmicos

Miguel Alexandre Martins incorpórase ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago e da Xunta de Galicia, grazas a unha bolsa de doutoramento da Fundación La Caixa. Estas bolsas beneficiaron a 110 persoas cos seus programas de doutoramento INPhINIT e posdoutoramento JuniorLeader para realizar proxectos en universidades e centros de investigación de referencia en España e Portugal, aínda que nesta ocasión só unha recalou en Galicia.

Miguel Alexandre naceu en Beja en 1998 e está graduado en Ciencias da Enxeñería – Enxeñería Física e Máster en Enxeñería Física polo Instituto Superior Técnico de Lisboa. No IGFAE continuará a liña de investigación iniciada durante o máster co seu supervisor Lorenzo Cazón, na actualidade investigador Ramón y Cajal no IGFAE, e con quen desenvolverá a súa tese no campo dos raios cósmicos. As bolsas teñen unha duración de tres anos, unha dotación económica total de 122.592 euros para o período e un programa de formación complementaria integral en soft skills, benestar do investigador e preparación para o futuro.

Publicidade

Caracterización de raios cósmicos de ultra alta enerxía

A terra é bombardeada constantemente por raios cósmicos, partículas ultra enerxéticas de orixe astrofísico que ao interaccionar coa atmosfera terrestre producen unhas chuvias de partículas (extensive air showers) cuxa enerxía, dirección e composición da masa pódese reconstruír con detectores como os do Observatorio Pierre Auger. Porén, debido ás súas enerxías tan extremas, as interaccións hadrónicas destas primeiras chuvias non son moi precisas e, ademais, observouse un déficit significativo do número medio de muóns nas devanditas chuvias.

Un dos principais obxectivos da tese deste novo investigador do IGFAE será abordar a relación entre os observables da choiva de muóns e a física das interaccións de máis alta enerxía, o que permitirá determinar con maior precisión a composición de masas dos raios cósmicos, proporcionando en última instancia pistas sobre a súa orixe. Martins decantouse polo IGFAE, segundo conta, porque entre os investigadores do instituto atópanse líderes neste eido e un coordinador científico, Enrique Zas, da Colaboración Pierre Auger, que dirixe o Observatorio Pierre Auger, actualmente o maior observatorio de raios cósmicos.

Publicidade

Martins destaca que “o IGFAE desenvolveu e segue actualizando a reconstrución das chuvias inclinadas, cunha compoñente muónica dominante que permite medir con maior precisión a súa escala e as fluctuacións entre elas”. Isto é clave para afinar mellor os modelos de interacción hadrónica, constrinxir os fenómenos de física exótica e comprender mellor a orixe do crebacabezas dos muóns. Ao mesmo tempo, pode restrinxir aínda máis a composición da masa dos raios cósmicos, o que acouta as súas posibles fontes e mecanismos de propagación. Ademais, “as chuvias inclinadas ofrecen un marco para estudar o fluxo de neutrinos, que, aliado coa medición doutros tipos de sinais e partículas, constitúe unha forma de física multimensaxeiro, outro dos campos máis fortes do IGFAE”, apunta este investigador.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A simetría do universo, a proba: hai equilibrio no sentido de xiro dos buracos negros?

O investigador do IGFAE Juan Calderón Bustillo publica un estudo nunha das revistas de física máis prestixiosas xunto a científicos de Madrid e Valencia

Os buracos negros teñen árbore xenealóxica: un método con selo galego tenta reconstruíla

Un investigador do IGFAE xunto a científicos chineses publican un estudo para afondar na orixe e formación dos fenómenos cósmicos

Neutron Insights, revolucionar a radiografía industrial despois de dúas décadas de estudo

A spin-off da USC obtivo o galardón á mellor Idea Emerxente nos VIII Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Un estudo sobre doenzas cardíacas no que participa María José Alonso obtén un millón de euros

A iniciativa premiada pola Fundación "la Caixa" busca trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades do corazón