Vigo notifica o seu primeiro exemplar de mosquito tigre de 2024

En maio xa apareceron os primeiros 'Aedes albopictus' da tempada en Moaña, na mesma zona na que se detectaron por primeira vez en 2023

A aplicación de ciencia cidadá Mosquito Alert notificou a aparición do primeiro caso de mosquito tigre (Aedes albopictus) na zona de Vigo deste ano. En concreto, o insecto foi identificado por un usuario no barrio de Teis e a avaliación dun experto confirmou a presenza da especie invasora. Con este novo caso, xa son quince os mosquitos tigre que se identificaron nesta tempada na rexión de Galicia. Aínda que a práctica totalidade deles sitúanse na zona de Tirán, en Moaña, a aparición do Aedes albopictus en Vigo parece apuntar a que a especie volverá aparecer neste 2024 nos mesmos lugares nos que se detectou en 2023.

Unha aparición que non causou sorpresa

O mosquito tigre chegou a Galicia por primeira vez no verán do ano pasado e detectouse grazas aos avisos de Mosquito Alert. Os primeiros exemplares atopáronse no mes de agosto no concello de Moaña, e nos meses seguintes detectáronse máis nas zonas de Cangas, Vigo, Redondela e Vilaboa. A chegada desta especie invasora a Galicia non estrañou á comunidade científica. De feito, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) leva xa tempo colaborando con Mosquito Alert na vixilancia e na preparación de trampas para estes insectos.

Publicidade

En España detectáronse por primeira vez no ano 2004, e ata o de agora identificouse a súa presenza en máis de 40 provincias españolas. “Era esperable que estivera presente“, admite a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato. A experta da Consellería de Sanidade admite que é moi difícil erradicar a presenza deste mosquito unha vez se establece nun territorio. Os esforzos das autoridades sanitarias, da comunidade científica e da propia cidadanía, di, deben centrarse en previr a súa expansión a outros territorios.

Imaxe da presenza do mosquito tigre. Mosquito Alert.

Unha singularidade dos mosquitos tigre é que non adoitan reproducirse en grandes masas de auga corrente: prefiren charcos ou pequenos espazos de augas estancadas, como poden ser os recipientes nos que beben as mascotas. Isto complica a labor de prevención xa que, segundo Mato, “ata o 80% dos focos de cría están en casas particulares“. De feito, a ampla experiencia doutras rexións de España como o Levante, onde a especie se asentou hai anos, demostra que a gran maioría dos mosquitos tigre crían en espazos privados, limitando moito a marxe de actuación das autoridades sanitarias.

Publicidade

A situación do dengue en Galicia

A perigosidade do mosquito tigre é que é un potencial transmisor de enfermidades causadas por virus como o dengue, o chikungunya ou o zika. Polo de agora non hai unha gran densidade desta especie invasora en Galicia, pero unha vez se establece o insecto, existe un maior risco de que aparezan estas enfermidades.

A Consellería de Sanidade rexistrou nos últimos seis meses ata 14 casos de dengue en Galicia, mais a totalidade dos contaxios son importados, xa que as persoas contraeron a enfermidade noutros países onde o dengue é endémico. “Antes da chegada do mosquito tigre a Galicia, o risco de transmisión era cero. Agora temos o vector, como noutras partes de España e de Europa, e pode haber algunha probabilidade pero, por agora, é moi baixa”, explica Mato.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sinais de cambio

Novos achados de especies exóticas invasoras en Galicia. Por Laura Filloy

O ‘exército invisible’ que decide se un mosquito te pica ou che contaxia unha enfermidade

Un estudo revela como a microbiota da pel nos hóspedes e os microbios do intestino dos insectos actúan na transmisión de virus

O mosquito tigre expándese por Galicia: detectado por primeira vez na Coruña

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores sinala que é o único rexistro na zona norte da comunidade e súmase aos doce concellos do sur

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM