O mosquito tigre volve a Galicia: “Ata o 80% dos focos de cría están en casas particulares”

O 'Aedes albopictus' apareceu durante o verán de 2023 en Moaña e este ano xa se detectaron sete exemplares na mesma zona

O mosquito tigre (Aedes albopictus) chegou a Galicia para quedar. Detectouse por primeira vez en Moaña no verán de 2023 e estendeuse polos veciños concellos de Vigo, Cangas, Vilaboa e Redondela. Os primeiros exemplares de 2024 identificáronse a través da aplicación MosquitoAlert a comezos de maio na parroquia moañesa de Tirán e todo apunta a que a especie volverá aparecer noutras zonas. “Era esperable que estivera presente”, admite a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato. A experta da Consellería de Sanidade recoñece que é moi difícil que a especie desapareza unha vez establecida, e que o único que se pode facer é previr a súa expansión. Con todo, isto non é un traballo exclusivo das autoridades sanitarias, senón tamén da cidadanía: “Ata o 80% dos focos de cría están en casas particulares”.

A singularidade dos mosquitos tigre é que non adoitan reproducirse en grandes masas de auga corrente, como os ríos. Esta especie invasora prefire os charcos e as augas estancadas como, por exemplo, as que quedan nas macetas despois de regar as plantas, ou ben nos recipientes exteriores nos que beben as mascotas. Por iso Mato apela á prevención, que se pode levar a cabo de maneira particular, baleirando aqueles recipientes que conteñan auga acumulada durante varios días e que sexan posibles focos de cría do Aedes albopictus. Segundo explica, a experiencia noutras partes de España, como o Levante, onde a especie está presente dende hai anos, demostra que a inmensa marioría de mosquitos tigre crían en espazos privados, e non en lugares públicos como os parques, polo que a actuación das autoridades é limitada.

Publicidade

Aumentará a súa presenza este verán?

Resulta difícil predicir o que vai acontecer este verán, a época de maior actividade dos Aedes albopictus. De momento tan só se pode corroborar que apareceron os primeiros sete exemplares da tempada a través de MosquitoAlert, que se serve da ciencia cidadá para facer un seguimento da súa distribución e a doutras especies. Con todo, nas trampas postas pola Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) non se detectou ningún exemplar, tan só algunha larva que, segundo Mato, non “é representativa”. De momento, a subdirectora xeral insta á calma: “A zona de distribución está moi limitada e nesa área a xente está moi concienciada”. Fai fincapé neste último aspecto, imprescindible de cara a que nas casas particulares se eliminen todos os posibles focos de cría desta especie, para así evitar a súa expansión.

Un aspecto clave de cara a entender a súa dispersión polo territorio son as condicións climáticas. Os factores que máis propician a reprodución do mosquito tigre son a humidade e as altas temperaturas. Con todo, Mato asegura que o tempo que está a facer en Galicia esta primavera e neste comezo de verán non está a ser propicio, dado que se están a rexistrar temperaturas máis baixas das esperables para esta época do ano. “Temos que ver como evoluciona a situación este ano e saber se hai máis mosquitos que en 2023. En función diso, saberemos se xa se establece ou desaparece. De todos modos, non creo que desapareza e, se o fai, volverá”, asume Mato. O certo é que controlar a súa expansión é unha tarefa tan ardua como complicada, dado que o mosquito non entende de límites e pode viaxar nun coche ou nunha mochila, sendo ben doada a súa dispersión polo territorio.

Publicidade

Chegou o mosquito tigre a Sanxenxo?

Mapa de MosquitoAlert sobre a distribución do mosquito tigre. O azul escuro (parte do Morrazo e Vigo) indica que a especie xa está introducida. O azul claro (Sanxenxo e fronteira con Portugal) sinala que o Aedes albopictus foi notificado a través da aplicación.

A Consellería de Sanidade ten un acordo de colaboración con MosquitoAlert. Cando se rexistra unha imaxe de mosquito na aplicación, un equipo de entomólogos determinan que especie é. Despois, expertos das universidades de Vigo e Santiago desprázanse á zona, fan as súas mostraxes e determinan se realmente está presente o mosquito. Cara ao final da tempada de 2023, unha fotografía na zona de Sanxenxo apuntaba á aparición de Aedes albopictus nesa área. Un entomólogo de ReGaViVec desprazouse ata alí pero non puido confirmar a súa presenza. Con todo, a rede de vixilancia da Consellería de Sanidade contempla aumentar o ámbito de actuación durante esta tempada: “Poñeremos trampas en Sanxenxo e noutros puntos de Galicia”. Con todo, Mato advirte que o mosquito tigre ten un radio de acción moi pequeno, de tan só 500 metros, polo que cabe a posibilidade de que non caian en todas as trampas e por iso é tan importante a ciencia cidadá.

O dengue en Galicia

Segundo os datos facilitados dende a Consellería de Sanidade, Galicia rexistrou nos últimos seis meses 14 casos de dengue, unha enfermidade vírica que transmite o mosquito tigre e que é máis propia de climas tropicais e subtropicais. Con todo, todos os contaxios que se notificaron en Galicia ata o momento eran importados, é dicir, en persoas que viaxaron a países onde o dengue é endémico. “Antes da chegada do mosquito tigre a Galicia, o risco de transmisión era cero. Agora temos o vector, como noutras partes de España e de Europa, e pode haber algunha probabilidade pero, por agora, é moi baixa”, sostén Mato. Malia que as persoas infectadas deben extremar as precaucións, sobre todo na época de máxima actividade do mosquito, de momento non supón un risco xeneralizado para Galicia. Sobre todo, porque non se detectou a circulación do virus.

A subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato.
A subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato.

“Para que exista unha transmisión autóctona do dengue teñen que confluír moitos factores”, apunta Mato. Para comezar, o mosquito ten que picar a unha persoa infectada nunha fase concreta da enfermidade e, de momento, tanto o número de doentes como de Aedes albopictus en Galicia é moi baixo. “Quero transmitir tranquilidade pero a situación actual non significa que, no futuro, a causa do cambio climático, non cheguen enfermidades tropicais a Galicia procedentes doutras latitudes”, advirte a subdirectora xeral. Con todo, ao que máis atención se lle debe prestar, polo menos de momento, é ás picaduras de mosquito tigre, que son máis molestas que as do mosquito común (Culex pipiens).

A situación que está a vivir Galicia non é exclusiva, senón común co resto de España e de Europa. De feito, o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) alertou do aumento significativo de casos de dengue autóctono nos últimos anos. En 2023 notificáronse 130 na Unión Europea, case o dobre dos 71 rexistrados en 2022, e unha cifra notablemente superior ás 73 infeccións adquiridas localmente entre 2010 e 2021. En declaracións recollidas polo Science Media Centre España, a principal experta en enfermidades emerxentes e transmitidas por vectores do ECDC, Céline Gossner, analiza así a situación: “O mosquito tigre está presente e é abundante en gran parte de España. Haberá importación do virus e as condicións ambientais no verán son axeitadas para gromos locais, pero non podemos predicir se haberá cero gromos ou gromos múltiples”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo notifica o seu primeiro exemplar de mosquito tigre de 2024

En maio xa apareceron os primeiros 'Aedes albopictus' da tempada en Moaña, na mesma zona na que se detectaron por primeira vez en 2023

Detectados en Moaña os primeiros exemplares de mosquito tigre da tempada

A aplicación Mosquito Alert sitúa nas parroquias de Tirán a Meira un 'Aedes albopictus' e outros dous posibles individuos da especie invasora

Sanidade detecta en 21 concellos a carracha que transmite o perigoso virus Crimea-Congo

A Xunta reforza a vixilancia pola aparición de casos no Bierzo pero sen constancia de que o patóxeno chegase a Galicia

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023