Publicidade

Detectados en Moaña os primeiros exemplares de mosquito tigre da tempada

A aplicación Mosquito Alert sitúa nas parroquias de Tirán a Meira un 'Aedes albopictus' e outros dous posibles individuos da especie invasora

O mosquito tigre (Aedes albopictus) detectouse por primeira vez en Galicia no verán de 2023. Os primeiros exemplares apareceron en agosto no concello de Moaña, e nos meses posteriores chegaron a Cangas, Vigo, Redondela e Vilaboa. Durante o inverno, este mosquito hiberna en fase de ovo, polo que non se atopou durante meses. É agora, en maio, cando eclosionan e comeza a súa tempada, que se estende ata novembro. De feito, a aplicación de ciencia cidadá Mosquito Alert, coa que colabora a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), identificou un exemplar e outros dous posibles mosquitos tigre nas parroquias de Tirán e Meira, ambas en Moaña. As fotos dos tres insectos, a través das que os entomólogos de Mosquito Alert identifican a especie, subíronse á aplicación o 8 de maio. De momento, non hai máis rexistros de Aedes albopictus en Galicia.

A irrupción do mosquito tigre en territorio galego era algo esperable. Este insecto orixinario do sudeste asiático chegou por primeira vez a Europa en 1995 e está presente en España —sobre todo no Levante— dende hai dúas décadas. Dende ReGaViVec recoñecen que unha vez que se detecta, a erradicación do mosquito tigre é moi difícil e as medidas van máis encamiñadas a frear a súa expansión cara a outros territorios. No caso de Galicia, o obxectivo prioritario é que non chegue a concellos como Bueu, limítrofe con Moaña, onde se detectou a maior concentración desta especie invasora. En canto ás actuacións que se están a levar a cabo, pasan fundamentalmente pola colocación de trampas —para detectar novos exemplares o máis rápido posible—, a coordinación cos concellos afectados e a aplicación de medidas a título individual, como evitar o estancamento de auga.

Publicidade

Ademais, o Aedes albopictus é unha especie fácil de recoñecer. Denomínase mosquito tigre, precisamente, polo seu corpo negro con raias brancas nas patas e no abdome. De feito, unha das características máis recoñecibles deste insecto é unha liña de cor branca que vai dende a cabeza ata o tórax. Precisamente esta é a singularidade que non se aprecia en dous dos exemplares detectados en maio en Moaña, malia que nas imaxes subidas a Mosquito Alert se ve claramente como as patas teñen raias brancas. Amais disto, son insectos diúrnos, é dicir, pican durante o día, a diferenza do que acontece co moquito común (Culex pipiens), que ten hábitos nocturnos. E outra das particularidades desta especie é que vive, sobre todo, en contornas urbanas, aínda que isto non significa que non poida aparecer en zonas rurais.

A presenza do mosquito tigre é un sinal de alarma dende o momento en que se trata dunha especie invasora que, ademais, é vector de enfermidades como o dengue, o chikungunya e o zika. Dende ReGaViVec lanzan unha mensaxe de calma, dado que non existe evidencia científica de que estes virus circulen en Galicia. A este respecto, tamén hai que ter moito coidado co mosquito común, que tamén pode contaxiar doenzas como a febre do Nilo Occidental. De momento, hai un risco baixo de que estas enfermidades cheguen a Galicia, e o maior perigo é a picadura do Aedes albopictus, que é especialmente molesta. De feito, dende a Consellería de Sanidade indican que pode ocasionar reaccións alérxicas, que a picada adoita ser dolorosa e que xera prurito e ronchas arredor da zona afectada. O mellor remedio contra as picaduras é evitar rascar, lavalas con auga e xabón e aplicarlles xeo para reducir a inflamación.

Como evitar a súa expansión…

Dende ReGaViVec estanse a tomar medidas para evitar a súa propagación a outros territorios, pero tamén se pode actuar a título individual e contribuír a frear a súa expansión. “O mosquito tigre cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana, como pratos baixo as macetas, a auga dos floreiros e os bebedeiros das mascotas”, indican na páxina web da Consellería de Sanidade. Polo tanto, a medida máis doada —e tamén unha das máis efectivas— é evitar o estancamento de augas, baleirando cada tres ou catro días os obxectos que a acumulen ou cubrindo aqueles que estean ao aire libre. Esta é a mellor maneira de evitar que o Aedes albopictus se reproduza, dado que as femias nunca despositarán os voso en augas en movemento, como os ríos, nin tampouco en grandes volumes de auga, como os estanques.

O número 2 sobre o topónimo de Tirán e o marcador negro ao lado de Meiran sinalan os lugares onde se notificaron mosquitos tigre neste 2024. Foto: captura de pantalla da aplicación Mosquito Alert

Outras medidas, en estreita relación co baleirado de auga acumulada, está a cuberta de balsas e piscinas que non se usen, empregando sempre lonas que non formen pozas. Así mesmo, botar auga de vez en cando nas canles, nos desaugadoiros e nas zonas de drenaxe, e vixiar os sistemas de rega onde pode haber charcos e, polo tanto, criar os mosquitos sen que ninguén se dea conta. Finalmente, estar vixiante cos ocos das árbores onde se poida acumular auga, e tratando de botarlles terra por enriba para evitar que o insecto deposite alí os seus ovos. E, en xeral, evitar calquera acumulación co obxectivo de impedir a posta e o crecemento das larvas.

E a súa picada?

O mosquito tigre é capaz de traspasar o calcetín —non así os pantalóns e os tecidos máis grosos— e picar, polo que sempre é unha boa idea tomar medidas para evitar que saia unha roncha. Dende a Consellería de Sanidade recomendan o uso de insecticidas e repelentes autorizados contra o Aedes albopictus, e a instalación de mosquiteiras nas ventás e noutras zonas, como os depósitos e os recipientes, co obxectivo de que non se coen e poñan ovos. Así mesmo, é conveniente utilizar roupa que cubra toda a pel, sobre todo en exterior, e ter unha boa hixiene corporal, dado que os olores fortes, como o suor, atraen os mosquitos. Ademais, o tigre voa baixo, polo que é máis probable que pique nas extremidades inferiores que na cara, onde é habitual que mordan os mosquitos comúns.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O virus Sindbis que transmiten os mosquitos xa está en Andalucía: chegará a Galicia?

Un estudo detecta por primeira vez a circulación do patóxeno en España sen que se notificasen casos en humanos

Cinco mortes en Sevilla pola febre do Nilo que transmite o mosquito común: cal é o risco en Galicia?

Un recente gromo en Andalucía e Estremadura pon o foco das autoridades no Culex pipiens, asentado en todo o territorio peninsular, e a súa capacidade como vector transmisor de enfermidades

Morcegos contra mosquitos tigre: a estratexia (complementaria) que se vai probar en Moaña

O concello do Morrazo está a preparar a instalación de 30 caixas-refuxios de quirópteros como alternativa natural contra o 'Aedes albopictus'

Moi activo, urbano e doméstico: radiografía do mosquito tigre que se asenta en Galicia

A subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, subliña a importancia da cidadanía á hora de controlar a expansión do insecto