Sábado 27 Abril 2024

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Redondela

Un grupo de entomólogos identificou a través da aplicación Mosquito Alert un exemplar de 'Aedes albopictus' no concello pontevedrés

A Xunta, a través da Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (Regavivec) da que tamén forman parte as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, confirmou a detección de mosquito tigre no concello de Redondela. O insecto detectouse a través da aplicación Mosquito Alert e, despois, un grupo de entomólogos de Regavivec identificaron o exemplar como Aedes albopictus, o nome científico do mosquito tigre.

O Concello de Redondela, ao igual que o de Cangas, sumarase aos de Moaña e Vigo como integrante do comité técnico do mosquito tigre na reunión que se desenvolverá por vía telemática este xoves. De maneira preventiva, para reforzar o coñecemento sobre o control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade organizou a pasada semana unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, á que xa asistira o Concello de Redondela.

Publicidade

Desde a Consellería de Sanidade agradécese a participación veciñal seguindo os consellos para evitar a proliferación deste insecto, que é vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika, aínda que os exemplares localizados non eran portadores. Por iso, lémbranse pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

Programa de Xestión Integrada do Vector Aedes albopictus

A Dirección Xeral de Saúde Pública fixo público na páxina web da Consellería de Sanidade o Programa de xestión integrada do vector Aedes albopictus co obxectivo xeral de evitar ou reducir a presenza e a expansión do mosquito tigre (Aedes albopictus) no territorio galego, potenciando e coordinando as actuacións de vixilancia e control realizadas polas distintas administracións e axentes implicados. Trátase dunha actuación prevista no Plan Nacional de Prevención, Vigilancia y Control de las Enfermedades Transmitidas por Vectores, publicado polo Ministerio de Sanidade en abril deste ano 2023.

O programa establece unha serie de obxectivos específicos como é coñecer a presenza ou ausencia do mosquito tigre (Aedes albopictus) nunha área xeográfica, detectando precozmente a súa entrada, así como os factores facilitadores do establecemento do mosquito no seu territorio.

Pretende, así mesmo, establecer os criterios para a xestión integrada de mosquitos adaptados a cada territorio e apoiar a elaboración de programas de xestión integrada de Aedes albopictus a nivel municipal. Por último, este documento pretende impulsar mecanismos de coordinación entre os diferentes axentes e administracións implicados e incrementar a información e comunicación á poboación sobre as medidas preventivas a realizar, facilitando e impulsando a súa participación.

A xestión integrada do vector supón a valoración de risco nun proceso axustado a cada situación con tres etapas fundamentais: diagnóstico de situación no que se determina a natureza e magnitude do problema que xeran os mosquitos, programa de actuación segundo o escenario no que nos atopemos e avaliación do cumprimento do programa e da eficacia das medidas adoptadas.

En función dos resultados obtidos no diagnóstico de situación (DS), establecerase o Programa de actuación municipal contra o mosquito tigre que deberán basearse no escenario de risco definido no diagnóstico e segundo o grao de implantación no municipio (ausente, presente ou limítrofe). Por último, o programa tamén inclúe actuacións de formación e información para sensibilizar á cidadanía sobre a problemática dos mosquitos e, en especial, motivar á participación social para realizar actividades preventivas nos seus propios domicilios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Alerta por dengue en Europa: pode ser endémico en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade, detectouse por primeira vez en Moaña durante o verán e xa se estendeu a outros catro concellos

Confirmada a presenza do mosquito tigre no concello de Vilaboa

Identificouse un exemplar nunha das trampas colocadas no municipio, despois de que a especie aparecese por primeira vez en Galicia este verán

“Vai ser moi complicado erradicar o mosquito tigre de Galicia”

A subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato, analiza os riscos desta especie invasora