Mércores 21 Febreiro 2024

Un cemiterio prehistórico en Lugo? Un equipo da USC escava un xacemento único en Europa

A Roda de Adai é un círculo lítico datado entre o 1.600 a.C. e o século II a.C. que puido ser un lugar para a celebración de ritos funerarios

Baixo capas e capas de terra pero, sobre todo, baixo capas e capas de historia, Galicia agocha un tipo de xacemento único en Europa. O máis coñecido é A Roda de Barreiros, un círculo lítico prehistórico coñecido popularmente como o Stonehenge galego. Coma el, hai outros 50 xacementos repartidos por toda a nosa xeografía pero só o 14% están escavados. Esta porcentaxe aumentará lixeiramente grazas a unha nova campaña capitaneada pola arqueóloga Pilar Prieto, tamén investigadora da Universidade de Santiago. Dende hai preto de dúas semanas, o seu equipo está a realizar as primeiras sondaxes nun círculo lítico prehistótico da parroquia de Adai, en Lugo. Esta primeira escavación non será a única que realizarán neste enclave datado, aproximadamente, entre o 1.600 a.C. e o século II a.C.

Segundo explica Prieto, a medida destes xacementos prehistóricos está bastante estandariza e é similar en todos os que se atoparon en Galicia. O de Adai, por exemplo, ten 53 metros de diámetro —algúns poden acadar os 100 metros—, unha superficie de 2.100 m2, un foxo e un muro de cachotería de granito. Nas sondaxes que se están a realizar estes días tamén apareceron algúns restos, como fragmentos de cerámica prehistórica e un par de durmintes de muíño. “Non atopamos moitos obxectos no interior porque estamos a traballar nunha superficie moi pequena. Nesta primeira fase o que nos interesa é identificar as súas fases de construción, uso e abandono pero o noso obxectivo é facer varias campañas e nun futuro escavar nunha zona máis ampla”, apunta a arqueóloga da USC, tamén membro do grupo de investigación EcoPast e do Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Publicidade

Para que servía?

Malia que este tipo de xacementos únicos en Europa e exclusivos de Galicia foron identificados en 2006, queda moito por investigar. De feito, aínda non se sabe con seguridade para que servían estes enclaves, denominados “rodas”. Segundo a teoría desenvolvida por Prieto, que leva indagando sobre eles dende hai 17 anos, poderían ser espazos cerimoniais, vinculados á función funeraria. “Talvez un cemiterio cunha planta circular no seu interior”, sostén a directora da campaña. De feito, a investigadora cre que xacementos como o de Barreiros ou Adai poderían ser “a versión local” dun tipo de cemiterios circulares. Pola contra, decarta que estean relacionados cos círculos líticos ou Henges das illas británicas, que son un fenómeno máis antigo. “As rodas presentan características autóctonas que as fan únicas”, engade a arqueóloga.

“As rodas presentan características autóctonas que as fan únicas”

PILAR PRIETO, arqueóloga da USC

Prieto cre que se sacarán datos máis concluíntes na seguinte fase da campaña, onde espera atopar foxas de incineración. “Este tipo de cemiterios apareceron por toda Europa case a finais do segundo milenio”, engade. De feito, a arqueóloga cre que poden estar relacionados cun cambio social que derivou na comprensión da morte doutra maneira e, polo tanto, na realización de ritos funerarios distintos aos coñecidos. “Eu creo que xacementos como o de Adai poden estar vinculados a un novo concepto da morte en Europa, dende a Idade do Bronce media-final ata remontar na Idade do Ferro, pero ata que non teñamos análises de mostras para a cronoloxía non o podemos confirmar”, explica a investigadora. De todos modos, Prieto recoñece que hai moitas dúbidas arredor das rodas e que algúns expertos pensan que poderían ter unha función habitacional. Porén, segundo as sete rodas —agora oito, coa de Adai— que hai escavadas, para Prieto todo segue apuntando a un uso funerario.

Unha zona arqueolóxica moi especial

A roda de Adai, ademais das súas particularidades intrínsecas, está nunha zona arqueolóxica moi especial. Así a define a arqueóloga galega, que chega a cualificala como “espectacular”. Segundo salienta, está moi preto de varios petróglifos e, tamén, dunha cabana alongada prehistórica tipo longhouse. Este último xacemento está escavado en granito, o que tamén o converte nun enclave “único en Europa”. De feito, unha das hipóteses que baralla o equipo é que, precisamente, esta longhouse podería estar relacionada coa Roda de Adai. Finalmente, Prieto tamén pon en valor o castro de Penarrubia, que está a tan só uns 500 metros do xacemento no que están a traballar.

Outros xacementos similares

A Roda de Adai engádese á nómina de círculos líticos prehistóricos escavados en Galicia, pero hai outros sete, como a xa mencionada Roda de Barreiros, a de Ventosiños de Coeses e a de Lavandeiras. O de Adai, por exemplo, non se descubriu recentemente, senón que era un xacemento coñecido dende os anos 30. “Ninguén intentou escavalo porque se pensaba que era un castro pequeno. Pola súa forma circular, asociárono á cultura castrexa crendo que tiña unha función habitacional”, expón Prieto. Para reforzar as súas palabras, menciona a Núñez Jato, arqueólogo afeccionado que descubriu moitos xacementos e que xa era coñecedor da existencia da Roda de Adai nos 80. Ou de Vázquez Seijas, que tamén sabía del, e que traballou no Museo de Lugo a principios dos anos 30.

“Xacementos como o de Adai poden estar vinculados a un novo concepto da morte en Europa”

De todos modos, o descubrimento da Roda de Adai é máis a excepción que a norma. Que se coñezan medio cento de xacementos coma este débese ao traballo de Prieto e outro compañeiro, Luis Cordeiro, que comezaron a traballar neste tema hai anos. “Empezamos a detectar que nos mapas LIDAR este tipo de xacementos respondían a un patrón moi parecido. Buscámolos activamente e houbo outros colegas que tamén nos axudaron a atopar algúns”, apunta a arqueóloga. Este proxecto, financiado polos grupos de investigación EcoPast e Sincrisis, e no que colabora a empresa Tempos Arqueólogos, busca esclarecer a cronoloxía, o uso e as vidas deste xacemento cuberto por capas e capas de terra pero, sobre todo, por capas e capas de historia esperando a ser descuberta.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Lugo será refuxio climático para as ‘árbores dinosauro’

O xardín botánico Arboretum participa nun proxecto internacional de conservación do coñecido 'piñeiro wollemi'

O campus de Lugo crea un sementeiro para conservar a diversidade da planta árnica

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC pon en marcha este proxecto que contempla a análise xenética dos exemplares