Os restos do furacán Franklin achéganse a Galicia: así nos afectarán nos próximos días

O fenómeno, convertido nunha potente borrasca, absorberá a DANA que está afectando o centro peninsular

Galicia viviu unha fin de semana de inestabilidade pero logrou escapar dos efectos dunha potente DANA que deixou inundacións históricas en Madrid e Toledo, así como varios mortos e desaparecidos. Nos dous últimos días o foco meteoróloxico estivo posto no centro peninsular pero agora os expertos xa miran cara ao Atlántico. O furacán Franklin, convertido agora nunha potente borrasca, estase achegando ao oeste da península ibérica. Segundo apuntan varios servizos meteorolóxicos, vai interaccionar e absorber a DANA que causou grandes estragos en Madrid e Toledo. E non só iso, senón que este mesmo fenómeno é o responsable de que os restos de Franklin afecten a Galicia nos próximos días.

Segundo explica o investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) Juan Jesús González Alemán na súa canle de Twitter, “a DANA actuará como atractor dos restos de Franklin, que chegan dende o oeste”. Debido a este efecto, o ex furacán avanzará polo Atlántico xa convertido en borrasca. Espérase que os efectos deste fenómeno cheguen a Galicia a partir da segunda metade de semana. Polo momento, o prognóstico mantense en gran inestabilidade en todo país, con temperaturas que rozarán os 30 graos e maiores probabilidades de chuvias conforme se achegue a fin de semana.

Publicidade

O efecto Fujiwhara

Tal e como explica o meteorólogo Francisco Martín León dende o portal Meteored, o proceso polo que o ex furacán vai absorber a DANA observouse poucas veces en España. A esta interacción entre dous sistemas de baixas presións denomínase efecto Fujiwhara, que provoca que os dous fenómenos “orbiten” un arredor do outro, sendo o máis potente de ambos o que “sobreviva”. “Se a súa intensidade fose equivalente, os dous ciclóns empezarían a orbitar en torno a un punto entre eles. No caso contrario, se houbese diferenzas de intensidade, o vórtice maior será o sistema dominante sobre o vórtice menor, obrigando a este último a que orbite arredor del”, explica Martín León nun artigo publicado este luns en Meterored. O experto tamén lembra que o efecto Fujiwhara foi bautizado así en honor a Sakuhei Fujiwhara, o meteorólogo xaponés que describiu este comportamento en 1921.

A interacción entre os dous fenómenos producirase ao longo desta semana. Segundo o prognóstico de Meteogalicia, tanto o mércores como o xoves agardanse días de estabilidade atmosférica con temperaturas que roldarán os 28 graos. Porén, o escenario comeza a cambiar a partir do venres. “Galicia quedará nunha situación de moita inestabilidade atmosférica, con aire cálido en superficie e aire frío nas capas altas da atmosfera. Así, a probabilidade de precipitación será alta en xeral, con chuvascos localmente tormentosos”, explican dende o portal meteorolóxico galego. Malia a incerteza dun prognóstico a tantos días vista, todo apunta a que a inestabilidade dará unha tregua a mediados de semana e volverá a fin de semana como resultado dos restos do furacán Franklin.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

As cartas de Alejandra Murguía revelan novos aspectos da vida de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

A USC publica o epistolario que a primoxénita no matrimonio mantivo con Ángela Santamarina entre 1916 e 1925

Que facer cos residuos orgánicos? Así funciona o contedor marrón de Vigo

O Concello, en colaboración con FCC Medio Ambiente, impulsa a separación do lixo para transformalo nun fertilizante natural

Par ou impar: unha soa molécula dunha cadea cuántica determina a interacción cun supercondutor

A investigación publicouse na prestixiosa revista 'Nature' e xorde dunha colaboración entre o CiQUS da USC e CIC nanoGUNE