Un estudo da UDC simula o comportamento de estruturas flotantes amarradas en alta mar

As armazóns mariñas serven para construír parques eólicos e granxas acuícolas, e ata o de agora era moi difícil predicir a súa interacción coas ondas

No contexto actual do desenvolvemento mariño, as estruturas flotantes son fundamentais para avanzar nos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Co aumento da demanda de enerxía e a exploración de recursos mariños, estas estruturas están a converterse nunha opción relevante para diversas aplicacións, desde parques eólicos mariños ata plataformas de enerxía undimotriz ou granxas acuícolas. Co obxectivo de predicir o comportamento destas estruturas en alta mar, o investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) Tanausú Almeida vén de publicar un artigo na revista Ocean Engineering en colaboración cos investigadores Haifen Chen, da Universidade de Novo México, e José Luis Cercos Pita, da empresa Coremarine.

Nesta investigación, os autores ofrecen unha nova perspectiva sobre como simular a resposta dinámica de estruturas flotantes amarradas —fixadas ao leito mariño con cables ou cadeas— con software especializado en dinámica de fluídos computacional (CFD). A investigación, que emprega OpenFOAM e MoorDyn, librarías de código aberto en C++, logra estimar con precisión e rapidez como se comportan plataformas flotantes con sistema de fondeo ante a acción das ondas.

Publicidade

Ata o de agora, a capacidade de simular a interacción entre estruturas flotantes amarradas e interconectadas foi limitada. A tese de Tanausú, dirixida por Anne Gosset e Vicente Díaz —investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría do CITENI expertos en mecánica de fluídos e enxeñaría naval, respectivamente—, busca dar resposta a esta necesidade. Isto representa un paso adiante para ampliar as capacidades de traballo do programa OpenFOAM neste ámbito específico.

Un código libre ao dispor da comunidade científica

O modelo CFD desenvolvido nesta investigación foi validado comparando as medicións experimentais de dous espigóns flotantes con amarre e os resultados do estudo dun obxecto mergullado remolcado por un buque. A investigación demostrou a precisión e fiabilidade do enfoque proposto, o que abre novas posibilidades para o deseño e a optimización de proxectos mariños complexos.

Publicidade

Un dos logros destacados deste estudo é a ampliación do repositorio de librarías foamMooring para o cálculo das restricións de amarre. Desenvolvidas en código aberto, están ao dispor da comunidade científica e poden utilizarse para simular sistemas multicorpo de tecnoloxías emerxentes de enerxía eólica e undimotriz en alta mar, amais de granxas acuícolas en mar aberto.

Coa publicación deste artigo, o equipo de investigación non só avanzou na comprensión das interaccións complexas de estruturas flotantes en contornas mariñas, senón que tamén creou unha ferramenta valiosa que facilita o seu deseño e optimización. Este avance representa un paso adiante no desenvolvemento de proxectos mariños complexos e abre novas posibilidades para a enxeñaría naval e o aproveitamento responsable dos recursos oceánicos.


Referencia: CFD simulation of multiple moored floating structures using OpenFOAM: An open-access mooring restraints library (Publicado en Ocean Engineering)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual

A segunda vida da roupa: a colaboración galega que transforma residuos téxtiles en decoración

Un equipo da UDC e unha 'start up' de Bergondo desenvolven novos materiais con descartes procedentes da industria

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

A Coruña reunirá a elite da cosmoloxía mundial na semana da eclipse total de Sol de 2026

O congreso ‘New Frontiers in Cosmology’ atraerá 250 especialistas procedentes de centros de referencia como Harvard, Brekeley ou Princeton