Xoves 28 Marzo 2024

Un equipo galego lanza un satélite para impulsar a dixitalización do sector naval

As empresas Alén Space e Egatel validarán en órbita unha tecnoloxía que permitirá mellorar e actualizar as comunicacións mariñas

A dixitalización das comunicacións marítimas está cada vez máis preto. O proxecto SATMAR, impulsado polas empresas galegas Alén Space e Egatel, prepara a validación en órbita do novo estándar VDES (VHF Data Exchange System). Esta iniciativa inclúe o deseño, fabricación, lanzamento e operación dun nanosatélite para avaliar a capacidade desta nova tecnoloxía para ofrecer novos servizos á industria naval e impulsar así a súa transformación dixital.

O obxectivo de SATMAR é probar nun escenario real a viabilidade dunha solución completa de comunicacións e servizos satelitais co estándar VDES. Este innovador proxecto, chamado a revolucionar as comunicacións marítimas en todo o mundo, é unha das iniciativas seleccionadas polo fondo de capital Ports 4.0, impulsado por Portos do Estado e polas Autoridades Portuarias Españolas.

Publicidade

Ademais da posta en órbita dun nanosatélite 6U, prevista para comezos do ano 2024, o proxecto tamén contempla o desenvolvemento de terminais embarcados e de estacións costeiras, un paso fundamental para avanzar cara ao despregamento real da tecnoloxía VDES.

A nova tecnoloxía estima de maneira máis precisa os tempos de chegada das embarcacións

SATMAR pretende demostrar a eficacia do novo estándar, que integrará o actual sistema AIS de comunicacións marítimas. Esta evolución permitirá ofrecer novos servizos para mellorar a seguridade das embarcacións.

Entre as vantaxes da tecnoloxía VDES destacan a capacidade de proporcionar comunicación bidireccional, o mantemento da conectividade mesmo a grandes distancias da costa, a prevención de problemas de saturación de redes, a estimación máis precisa dos tempos de chegada das embarcacións, a mellor xestión das alertas marítimas e a encriptación da información transmitida.

Un proxecto pioneiro

Actualmente non existen operadores de satélite que estean a explotar comercialmente o estándar VDES, polo que SATMAR pode situarse como unha solución de vangarda para as comunicacións do sector naval. “Queremos capturar esta oportunidade que temos diante de nós para formar parte deste cambio e apostar pola tecnoloxía VDES”, explica Antonio Vázquez, responsable de desenvolvemento de negocio e cofundador de Alén Space. “Con SATMAR podemos situar a España e ás empresas que participamos neste proxecto como pioneiros no campo das comunicacións marítimas”, engade.

A incorporación dos satélites á tecnoloxía VDES supón un salto disruptivo que permitirá abordar a dixitalización das comunicacións no mar, xa que o seu desenvolvemento é clave para a transformación dixital do sector marítimo.

Adicionalmente, “para a execución do proxecto contarase coa participación da Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras e das empresas Oritia & Boreas, S.L. e Hércules Control, S.L., como representantes de pemes do sector marítimo-portuario”, comenta Manuel Pozo, SVP of Sales Engineering e Consulting de Egatel. Deste xeito, ao involucrar a participación directa destes axentes, “posibilítase coñecer de primeira man as potencialidades reais da tecnoloxía polo ámbito loxístico-portuario e do sector marítimo en xeral”, engade Manuel Pozo.

“Con SATMAR podemos situar a España e ás empresas participantes como pioneiros no campo das comunicacións marítimas”

ANTONIO VÁZQUEZ, cofundador de Alén Space

O satélite de SATMAR contará cunha plataforma de radio definida por software (SDR) de alta capacidade que permitirá implementar nun mesmo módulo un transceptor de VDE satelital (VDE-SAT) para unha banda de frecuencia VHF e un enlace de alta velocidade con terra. Esta tecnoloxía cobre todas as necesidades do proxecto sen desenvolvementos adicionais e permitirá minimizar o volume e a masa do satélite, co que se reducirán os custos de desenvolvemento e de lanzamento, o que á súa vez facilitará o despregamento de constelacións de nanosatélites para proporcionar servizos VDES. 

Alén Space e Egatel xa colaboraran previamente no desenvolvemento dunha solución VDES para a dixitalización das comunicacións navais no marco do proxecto SHIPMATE (Satellite Hybrid Information Protocol for MAritime TElecommunications), no que tamén participaba o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). “SATMAR é un proxecto con múltiples desafíos técnicos, que podemos considerar como a continuación natural do proxecto SHIPMATE, xa que imos probar en órbita a tecnoloxía desenvolvida”, explica Antonio Vázquez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo estable e a fase escura da Lúa permitirán ver as Xemínidas nunha ocasión única en Galicia

É un dos fenómenos astronómicos máis esperados do ano. O seu máximo esplendor terá lugar na madrugada do 14 ao 15 de decembro

Primeiras imaxes de Deimos, a lúa máis misteriosa de Marte

Foi capturada pola Hope Mars Mission e a partir das capturas os expertos deduciron que o satélite puido formarse co planeta

Imaxes de satélite para detectar con rapidez mareas vermellas nas rías galegas

Investigadoras do CSIC deseñan unha nova metodoloxía con fotografías de Sentinel-2 para controlar as proliferacións de algas potencialmente nocivas

O primeiro propulsor espacial de nanosatélites español chega a órbita

Este eléctrico maximiza o tempo de vida dos dispositivos e ofrece control de orientación a nanosatélites. Foi lanzado o pasado outubro