‘Come san, come sostible’: o xogo da USC para aprender a coidar a saúde e o medio ambiente

Un equipo de Santiago deseña un novo recurso didáctico para alumnado de Primaria baseándose na alimentación e na pegada de carbono

O coñecemento dos principais grupos nutricionais que compoñen unha dieta equilibrada e a pegada de carbono e a pegada hídrica dos 62 alimentos máis consumidos en España no ano 2023 son algúns dos conceptos sobre os que se sustenta unha nova ferramenta didáctica feita dende a Universidade de Santiago de Compostela (USC). O xogo Come san, come sostible procura que o alumnado de Educación Primaria sexa consciente da importancia que teñen as súas accións para o coidado da súa saúde e, ao mesmo tempo, da protección do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable. A ferramenta é froito dunha colaboración interdisciplinar entre o grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e o grupo de Investigación Esculca, da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

A idea de crear este recurso educativo xorde a partir dun traballo publicado no 2020 en Education for Chemical Engineers que asinan investigadores do CRETUS, cuxo obxectivo foi fomentar entre o alumnado de Enxeñaría Química a concienciación ambiental cara ao consumo responsable de alimentos así como a redución do desperdicio alimentario. A partir desa base e, en colaboración co grupo Esculca, fíxose unha adaptación para a aplicación entre o alumnado de Primaria, que agora toma forma neste novo recurso didáctico, o cal podería no futuro estar a disposición da comunidade educativa que o solicite.

Publicidade

Compromiso coa sustentabilidade

A educación para o desenvolvemento sostible en actividades ou seminarios é parte da formación para estudantes de Enxeñaría Química para reforzar o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) incluídos na Axenda 2030, pois segundo lembra o equipo promotor, o desperdicio alimentario non é só unha cuestión ética e económica: esgota recursos naturais limitados e “neste sentido, frear a tendencia crecente de adquisición excesiva de bens que non consumiremos pode ter un efecto importante na redución do impacto ambiental asociado á produción de alimentos”.

O equipo do BioGroup foi o encargado da conceptualización do xogo, do deseño tanto da caixa como das fichas e das follas para o cálculo das pegadas hídricas e de carbono, mentres que Esculca elaborou a guía didáctica. A través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) fixéronse os trámites para rexistrar a propiedade intelectual coa finalidade de lanzalo ao mercado e encargarase das xestións para a súa distribución, polo que os equipos docentes ou grupos interesados xa poden solicitar unidades deste xogo a través de avte@usc.gal.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade

Físicos advirten dun erro no estudo que vinculaba o cambio de hora con graves riscos para a saúde

Os físicos Jorge Mira e José María Martín Olalla detectan unha localización incorrecta dos condados analizados, o que altera os resultados sobre o desfase circadiano

Detrás do desabastecemento de fármacos para a menopausa: “Normalizouse ter síntomas terribles”

As xinecólogas galegas Cristina González Cea e Marta Silva analizan a situación, a causa da escaseza e as consecuencias para as pacientes

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX