Combinar exercicio e realidade virtual mellora os síntomas do párkinson

O proxecto ReViPark da UVigo avalía os efectos do exercicio feito con simulación en pacientes de párkinson

O desenvolvemento de programas de exercicio físico de alta intensidade nos que se combina o uso da realidade virtual inmersiva co traballo cun cicloergómetro intelixente permite acadar melloras en parámetros funcionais da calidade de vida e da sintomatoloxía das persoas con párkinson. Esta é a principal conclusión do proxecto ReViPark, que o grupo HealthyFit, integrado no Instituto de Investigación Galicia Sur (IISGS) e formado por docentes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia da Universidade de Vigo (UVigo), desenvolveu ao abeiro da primeira edición da convocatoria intramural de axudas á investigación biomédica do IISGS.

Exercicio intenso, pero seguro

Como explicaba recentemente o investigador Pablo Campo, na xornada de presentación de resultados do proxecto Efecto do pedaleo a alta intensidade executado nunha contorna de realidade virtual inmersiva na enfermidade do párkinson (ReViPark), este estudo toma como punto de partida investigacións previas sobre os beneficios, físicos e cognitivos, da práctica dunha actividade física “intensa, dunha forma regular” nas persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa.

Publicidade

Nese senso, o proxecto tiña como obxectivo “explorar o posible efecto modificador sobre a progresión” desta enfermidade dun programa de exercicio que combinase o traballo cun cicloergómetro intelixente MotoMed, que asiste ao usuario no pedaleo, permitindo levar a cabo o exercicio a unha intensidade elevada dunha forma segura, co seu desenvolvemento nunha “contorna virtual inmersiva” a través dunhas lentes de realidade virtual. Como lembrou Campo, os diferentes estudos que o grupo HealthyFit, que dirixe o catedrático José María Cancela, levou a cabo nos últimos anos sobre o desenvolvemento de programas de exercicio terapéutico con este tipo de dispositivos constataron “a validez dunha ferramenta como a realidade virtual inmersiva para facer que estas terapias sexan máis motivadoras e xeren unha maior adherencia”.

Colaboración das asociacións de pacientes

Os resultados deste estudo publicáronse recentemente na revista científica Applied Sciences e a investigación levouse a cabo coa participación de 54 usuarios e usuarias das asociacións de párkinson de Vigo e do Baixo Miño. Tratouse dun programa de “pedaleo de alta intensidade” levado a cabo ao longo de tres meses, que permitiu constatar, como explicou Campo, tanto que se trata dunha actividade “segura”, que estes pacientes poden realizar “sen ningún tipo de problemas”, como as melloras que supuña “en parámetros funcionais de calidade de vida e de sintomatoloxía”.

Publicidade

Grazas á colaboración das asociacións de párkinson de Vigo e do Baixo Miño, lembrou, a investigación levouse a cabo con 52 persoas voluntarias, que ao longo de tres meses realizaron dúas sesións semanais de exercicio, de 25 minutos de duración, nas que asistidos polo cicloergómetro pedaleaban a unha cadencia de entre 80 e 90 revolucións por minuto. Un grupo de 22 pacientes, pertencentes á asociación do Baixo Miño, realizou este programa unicamente co MotoMed, conformando o “grupo control”, mentres que outros 30 participantes levárono a cabo cunhas lentes de realidade virtual “un programa de pedaleo forzado en contornas virtuais”, no que tiñan que realizar “de maneira simultánea pequenas tarefas de estimulación cognitiva, mentres pedaleaban por escenarios como París ou Venecia”, apuntou Campo.

Melloras nos dous grupos de traballo

Rematado o programa realizáronse unha serie de avaliacións, co propósito de coñecer a súa incidencia “na progresión de enfermidade”, en aspectos como o equilibrio e a marcha ou na calidade de vida das e dos participantes, así como outra serie de “parámetros específicos” sobre o uso de realidade virtual inmersiva. Os resultados amosan que o programa xerou “melloras nalgúns parámetros físicos, como a simetría dos membros inferiores e na velocidade media cando se traballa de forma activa” en ambos dous grupos.

Do mesmo xeito, o traballo a alta intensidade co cicloergómetro motivou tamén a constatar melloras na “progresión e evolución” desta enfermidade neurodexenerativa, tanto no referido “á progresión dos síntomas motores como non motores”, tamén en ambos grupos. Non obstante, estes resultados “foron mellores” no grupo que desenvolveu o programa coas lentes de realidade virtual, que tamén presentaba “melloras significativas” con respecto ao grupo control en aspectos referidos a “equilibrio, marcha e equilibrio dinámico, que é moi importante nesta poboación e que habitualmente ten un maior risco de caídas”, sinalou Campo.


Podes ler o artigo completo do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Videoxogos de realidade virtual: esta é a terapia que mellora a capacidade física de pacientes oncolóxicos

Un equipo da UVigo e do IISGS apunta melloras relevantes na mobilidade, a forza e a resistencia dos once participantes

A astrofísica Begoña Vila é investida doutora honoris causa pola UVigo

A enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA foi recoñecida pola súa contribución á exploración do Universo

Do mar ao microscopio: a tecnoloxía punteira en Vigo para entender o que pasa no océano

Un equipo de 40 investigadores estuda como poden afectar as plantas de Zostera e o aumento da temperatura do mar nos ecosistemas mariños

Investigadores galegos revelan como o ADN conta a historia da supervivencia das especies

As ferramentas usadas no estudo permiten estimar os tamaños das poboacións de forma máis precisa para determinar o seu nivel de risco