Ao longo dos últimos dous anos, once nenos, nenas e adolescentes sometidos a un tratamento oncolóxico participaron nun programa de exercicio terapéutico baseado no uso de videoxogos a través dunhas lentes de realidade virtual. Baséase no uso de ‘exergames‘, xogos que implican unha compoñente física e que amosaron “melloras relevantes na capacidade funcional e física” destes nenos e nenas, segundo salienta o equipo detrás do estudo. Este programa de rehabilitación, que ten unha duración de oito semanas, está promovido por persoal investigador da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Galicia Sur (ISSGS), xunto co Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). O proxecto realízase nos domicilios dos pacientes, antes, durante ou despois de someterse a un tratamento oncolóxico.
Os resultados presentáronse na tarde deste xoves na xornada ‘Superheroes virtuais‘, que se celebrou no edificio Redeiras da UVigo e na que, ademais, se efectuou un recoñecemento ás e aos menores que participaron no programa. Os responsables de difundir as conclusións foron o investigador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo e a pediatra María Tallón, integrante do Grupo de Investigación Pediátrica e Enfermidades Raras do IISGS.
Inaugurada pola directora científica do IISGS, Eva Poveda, e a xefa do Servizo de Pediatría do HAC e responsable do Grupo de Investigación Pediátrica e Enfermidades Raras, Ana Concheiro, esta xornada busca recoñecer tanto aos e ás menores e as súas familias, como ás entidades que contribuíron a facer posible esta iniciativa, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), a Fundación García Chillón, a asociación Bicos de Papel, a empresa BorgWarner e o banco Mediolanum.
Intervención domiciliaria
Como explica Campo, esta iniciativa “nace dun estudo de caso no ano 2023”, no que constatan que sería “factible articular un programa de fisioterapia baseado en exercicio terapéutico” que, valéndose dunhas lentes de realidade virtual, os pacientes pediátricos oncolóxicos puidesen levar a cabo no propio domicilio. Esta experiencia levou ao deseño dunha intervención de oito semanas, na que as e os menores, de entre 6 e 14 anos, realizaban entre tres e seis sesións semanais de exercicio físico cuns videoxogos previamente seleccionados, seguindo “unhas pautas moi específicas”, nos tempos de xogo previamente determinados.
“Articulamos un programa moi progresivo”, sinala Campo, de tal xeito que nas primeiras semanas, que “coinciden moitas veces co período no que teñen unha maior afectación do tratamento quimioterápico”, os nenos e nenas debían realizar cinco minutos ao día de exercicios “dunha maneira suave”. Posteriormente, ían aumentando a intensidade da actividade, de tal xeito que nas últimas semanas “traballan xa a capacidade aeróbica, a potencia e a forza a un ritmo bastante alto”.
En todos os casos, tratábase de sesións cunha “pauta pechada”, de entre cinco e oito minutos, que debían realizar unha única vez ao día, un mínimo de tres un máximo de seis veces á semana. Isto leva ao equipo investigador a pór de relevo a implicación de nais e pais, “que son moi importantes para poder ir vendo cales son as sensacións dos nenos e nenas e, sobre todo, ir marcando a progresión”, sinala Campo. Ao mesmo tempo, o feito de facilitarlles equipos portátiles permitía que as e os menores puidesen realizar as sesións diarias de exercicio no momento do día no que se atopasen menos afectados “polo malestar e a fatiga que xeran este tipo de tratamentos” ou mesmo en períodos de ingreso hospitalario.
Melloras significativas
Unha serie de probas, realizadas antes e despois da intervención, permitiron constatar “melloras relevantes na capacidade funcional e física” destes nenos e nenas, tanto en materia de mobilidade funcional e forza muscular nos membros inferiores ou aumento da resistencia física, como na “recuperación e mantemento da capacidade cognitivo-motora”.
Nese senso, estas avaliacións amosaron que os participantes “experimentaron unha redución significativa nos tempos de execución” de probas como o test Timed Up and Go. Constataron unha “recuperación da autonomía funcional”, ao mesmo tempo que este programa tivo un impacto positivo nos parámetros relativos á forza nos brazos e resistencia aeróbica, o que mellorou a súa capacidade cardiorrespiratoria.
No seu conxunto, sinala Campo, estes resultados “apuntan unha recuperación global da condición física, frecuentemente afectada tras os procesos oncolóxicos”, de tal xeito que esta iniciativa amósase como unha intervención que contribúe á recuperación física das e dos pacientes pediátricos e á mellora da súa autonomía, tendo en conta que os tratamentos oncolóxicos poden provocar atrofia muscular, alteracións da marcha ou perda de forza e equilibrio.
Os resultados destas análises, pendentes de publicación nunha revista científica, insírense á súa vez na investigación que a pediatra María Tallón desenvolve para a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, na que incorpora tamén unha avaliación de “aspectos psicoemocionais”. Campo encargouse de incidir nas melloras acadadas nos diferentes test por cada un dos nenos e nenas presentes, nun acto que buscaba pór en valor “a súa implicación e capacidade de afrontamento”.














