Cada ano, ducias de tartarugas mariñas (caretta caretta) varan nas costas galegas logo de ser expulsadas ata as beiras polas correntes. Fano en moi malas condicións, porque entran nunha sorte de hibernación ao entrar en contacto cas augas frías do Atlántico despois de perder a senda cálida da corrente do Golfo.
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños vén de lanzar o aviso da posible chegada destas tartaruguiñas ás nosas costas. Fíxoo despois de que un exemplar deste réptil fose atopado na praia de Razo, no concello coruñés de Carballo. Atopábase nun estado de saúde moi débil e morreu ás poucas horas de ser rescatado.
Este fenómeno de chegada ás praias galegas de tartarugas comúns ou mariñas dáse entre o final do inverno e a primavera, segundo explica un dos portavoces do CEMMA Alfredo López. Estes sapocochos nacen nos areais do Caribe e despois diríxense á zona central do océano Atlántico, onde, logo dun par de anos de vida, entran na corrente do Golfo. Alí habitan durante un largo período de tempo, entre 15 e 20 anos, antes de regresar ao lugar onde naceron para reproducirse.
En ocasións, a propia corrente deriva ás tartarugas cara terra. Un desprazamento fóra do seu hábitat natural que compromete a súa supervivencia. Ao entrar en contacto con augas máis frías entran nunha especie de hibernación: deixan de comer e de nadar. Así é como chegan ás costas de Galicia, moi debilitadas despois de un largo período de tempo sen alimentarse.
Que facer se nos atopamos con elas
O primeiro que debemos facer se nos atopamos cun sapoconcho é chamar ao teléfono 112. A central de emerxencias derivará o aviso á CEMMA, que conta cun protocolo de actuación para rescatar o animal e trasladado a un centro de recuperación. En ningún caso debe ser devolto ao mar porque se atopan nunha situación crítica de saúde e terían moi baixas probabilidades de sobrevivir.
A ONG galega encárgase de coidar ás tartarugas para preparalas ante o seu regreso ao mar. Faino durante meses, mesmo anos, ata que acadan condicións óptimas para encarar o reto de volver ao seu medio. A solta dáse fóra da ría, en mar aberto, en puntos con máis de 100 metros de profundidade. Alí comeza o seu camiño de volta ao medio do océano Atlántico ao que pertencen as caretta caretta.














