Venres 6 Decembro 2024

Os salvadores de tartarugas das Rías Baixas: así se recuperan animais vulnerables en Galicia

Biólogos da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños explican como traballan no seu centro de recuperación de Nigrán

Contra o que se poda pensar a priori, en Galicia rexístranse hábitats e avistamentos de varias especies de tartarugas. Unha das máis impactantes é a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea). É a maior de todas as tartarugas, xa que alcanzan unha lonxitude de 2,3 metros, e o cuarto réptil máis pesado, con máis de 600 kilogramos, só superado por tres crocodilos. Vive en tódolos mares tropicais e subtropicais, pero tamén se pode ver en augas europeas e galegas. Porén, aínda que dende a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (Cemma) teñen constancia duns 10 encallamentos ao ano, “adoitan estar xa mortas”, como explica Pablo Covelo, un dos biólogos do centro de recuperación que ten o Cemma en Nigrán.

Coa que si que teñen tarefa abondo é coa Caretta caretta. Chamada comunmente tartaruga boba pola facilidade coa que os mariñeiros no pasado a capturaban, no Cemma prefiren chamala tartaruga mariña común e así desprenderse de certo especismo. Neste momento, os cinco exemplares de tartaruga que teñen no seu centro de Nigrán son Caretta caretta. “Aínda que é un animal que chega a medir 1,2 metros, as que nos chegan a nós son pequerrechas e non miden moito máis de 20 centímetros. Agás excepcións. Pero as que temos agora son dese tamaño”, explica Covelo.

Publicidade

A maioría destes animais, explica, adoitan estar na súa primeira viaxe transoceánica. “Grazas aos estudos xenéticos, sabemos que a maioría veñen do mar Caribe e só unha pequena porcentaxe vén das zonas de cría de Cabo Verde”, engade o biólogo do Cemma. A causante principal é a corrente do Golfo, unha corrente oceánica cálida e rápida do océano Atlántico que se orixina no golfo de México, esténdese até as proximidades do extremo sur da península da Florida e segue as costas orientais de Estados Unidos e Terranova antes de cruzar o océano Atlántico e pasar polas inmediacións de Galicia.

As tartarugas adoitan encallar en praias galegas cando a temperatura da auga baixa dos 10 graos

Eses pequenos animais adoitan ter, aproximadamente, dous anos de idade e avístanse nas praias galegas. Especialmente, cando a temperatura da auga baixa dos 10 graos centígrados. “Temos que recordar que son réptiles. E como os lagartos, cando chega o frío aletárganse. Reducen totalmente o seu metabolismo e deixan de nadar”, afonda Covelo. Entón, as correntes vanas levando ata a costa. Ás veces tamén chegan atrapadas nunha maraña de redes de pesca e cabos, como unha das que están a coidar agora mesmo e que apareceu na praia de Nemiña, en Muxía. As outras catro foron todas recollidas por barcos de pesca atrapadas nos aparellos: “Tiveron sorte porque as subiron ao barco antes de se afogaren”.

Publicidade

Nestes casos, a recomendación que lanzan dende a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños aos pesqueiros é que non as solten de novo ao mar: “Aínda que sigan vivas e teñan boa apariencia, poden ter tragado algo de auga e teñan calquera problema de natación ou de flotación”. De feito, unha das primeiras fases no proceso de recuperación e botar as tartarugas nun tanque de auga e observar a súa flotación e natación. “Cando teñen algún problema nos pulmóns, pódese ver como se afunden dun dos lados”, argumenta o biólogo do Cemma.

Con todo, a recuperación das tartarugas é bastante sinxela. No Cemma preparan tanques de auga de mar xa filtrada da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Vigo) e quécena ata arredor dos 18 graos: “Neses primeiros días tamén se fan placas, ecografías… E tamén lle pasamos o lector de chips por se puideran vir marcadas. Aínda que como son tan pequenas, non adoitan estalo“. Dende aí, van observando pouco a pouco como evolucionan as analíticas e, en canto empezan a comer con normalidade, son trasladadas ao Instituto Galego de Formacion en Acuicultura da Xunta de Galicia na Illa de Arousa. Alí teñen unhas instalacións máis potentes, nomeadamente os tanques de auga. Lugar onde, por certo, as focas rescatadas recuperan musculatura.

As tartarugas “Coviña” (esquerda) e “Geno” (dereita) foron expulsando estes plásticos, de todas as consistencias e tamaños de 2mm a 7cm nos últimos días. | Cemma

Comedoras de plástico

Cando están recuperando a normalidade á hora de se alimentar, tamén botan fóra restos de plástico que inxeriron no océano. “Son bastante carroñeiras”, bromea Covelo, “van comendo todo o que atopan. Medusas, restos de peixe… e tamén plásticos, claro”. Case todas as tartarugas que recuperan acaban vomitando nalgún momento pezas plásticas. “Por sorte, nas que tivemos os últimos anos, non foi necesaria ningunha intervención grande. Non temos os problema que teñen no Mediterráneo cando tragan anzois de artes de palangre que te obrigan a operala”, destacan dende o Cemma.

O momento da liberación

En canto a tartaruga está plenamente recuperada, os biólogos montan nos barcos da Consellería do Mar e navegan unhas poucas millas mar adentro para soltalas. Marcadas, iso si, cos chips que lles ceden dende a Asociación Española de Herpetoloxía. Non hai unha duración fixa para o tempo de recuperación e depende, en gran medida, do momento do ano no que aparecen. “Nós tentamos soltalas cando a auga está máis quente e cando as correntes favorecen que vaian cara ao sur e non cara ao norte”, argumenta Pablo Covelo. Iso lévaos a soltalas, maioritariamente, no mes de xuño. Se unha tartaruga aparece en xaneiro, pode chegar a pasar medio ano en cautiverio: “Temos medo a que se as soltamos antes, con outra predominancia de ventos, acabe aparecendo de novo no norte de Galicia”.

Iso no caso das que veñen sen problemas de saúde. Se veñen con feridas, problemas de parasitos, infeccións ou aletas amputadas, os procesos poden demorarse máis tempo ou nalgúns casos, non se poden salvar. Este ano, porén, non tiveron ningún caso extremo de saúde.


A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia do estraño golfiño que permaneceu agochado 40 anos nun instituto de Vilagarcía

Un grupo de estudantes atoparon os restos na praia de Compostela en 1979 e pensaron que era un arroaz, mais tratábase da especie de augas tropicais 'Steno bredanensis'

Obeliscos: o descoñecido microorganismo que acaban de atopar no corpo humano

A nova entidade biolóxica, que recibe o nome pola súa semellanza cos monumentos exipcios, pode ter un papel clave na regulación da dixestión e no funcionamento do sistema inmune

Corridas de arroaces en Pontevedra: a histórica persecución dos cetáceos en Galicia

A recomendación de cazar a especie Tursiops truncatus remóntase séculos atrás e xa no XVIII o ilustrado Frei Martín Sarmiento defendía esta práctica

As candorcas entran por primeira vez na ría de Pontevedra

O biólogo Alfredo López confirma o avistamento de oito exemplares da especie 'Orcinus orca' na parte interior das illas de Ons