Un investigador galego estuda El Niño, o fenómeno que altera o clima do planeta

Rafael Carballeira, investigador do CICA (UDC), colabora nunha investigación clave con Perú para reconstruír a historia deste evento e do seu impacto

O investigador galego Rafael Carballeira Coego, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA) do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun destacado proxecto internacional que busca reconstruír a historia do fenómeno climático El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación desenvolverase na lagoa La Niña, situada na costa norte do Perú, un enclave estratéxico para o estudo do sistema climático do Pacífico.

O proxecto, financiado polo programa Prociencia do Consejo Nacional de Ciencia, Tecnología e Innovación Tecnológica (CONCYTEC) peruano, foi un dos mellor valorados entre máis de 300 propostas, e conta coa participación de institucións como o Instituto Geológico, Minero y Metalúrgico (INGEMMET) de Perú, a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade da Coruña. O seu obxectivo é analizar os sedimentos da lagoa La Niña, un ecosistema que actúa como un auténtico “sensor climático”, xa que se enche durante os eventos de El Niño e seca durante La Niña. A través de técnicas como a datación por carbono-14 e o estudo da composición biolóxica e xeolóxica dos sedimentos, o equipo espera reconstruír a recorrencia destes eventos climáticos durante o Holoceno.

Publicidade

Un fenómeno con impacto global e local

O fenómeno de El Niño, caracterizado polo quecemento anómalo das augas do Pacífico ecuatorial, ten efectos que se estenden moito máis alá de América do Sur. Tal como recolle un recente estudo publicado en Nature, El Niño foi un factor clave no récord de temperaturas acadado no verán de 2023, o máis cálido dos últimos 2000 anos no hemisferio norte. A súa influencia maniféstase en alteracións climáticas a escala planetaria, desde secas ata inundacións, e afecta tamén o clima europeo.

En Galicia, diversos estudos xa teñen identificado conexións entre o fenómeno El Niño-Oscilación del Sur (ENSO) e os patróns de precipitacións e temperatura, con implicacións directas en sectores como a agricultura, os recursos hídricos ou a xestión forestal. A participación galega neste proxecto contribúe a mellorar a comprensión global do fenómeno e a anticipar os seus posibles efectos nun contexto de cambio climático acelerado.

Publicidade

Ciencia galega no escenario internacional

Especialista en paleolimnoloxía e análise de ADN antigo en sedimentos, Rafael achega a súa experiencia na reconstrución de ecosistemas pasados e no estudo da biodiversidade dos lagos, clave para interpretar os rexistros sedimentarios da lagoa peruana.

Este tipo de colaboracións internacionais non só sitúan a Galicia na vangarda da ciencia climática, senón que permiten establecer pontes de coñecemento entre continentes, nun momento no que a cooperación científica é máis necesaria ca nunca para afrontar os desafíos do cambio climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos