As esponxas atlánticas están en perigo polos cambios de temperatura e a pesca de arrastre

Un estudo advirte de que a Geodia hentscheli é unha especie de crecemento moi lento e vulnerable fronte a perturbacións humanas

Un equipo de investigación estudou a conectividade e adaptación dunha esponxa moi común en augas do Atlántico e o Ártico, que pode formar extensas formacións no fondo do mar. Tras a análise xenética de máis de 100 mostras, o equipo comprobou que a situación destas esponxas é “preocupante”. Os investigadores, que publican os seus resultados na revista Molecular Biology and Evolution, destacan que factores relacionados coa actividade humana poñen a estes organismos en risco e poden ter consecuencias sobre os ecosistemas de profundidade.

O equipo, liderado polo Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC), estudou en concreto a esponxa pataca (Geodia hentscheli). É unha especie de crecemento moi lento e moi vulnerable fronte a perturbacións humanas como a pesca de arrastre ou o aumento da temperatura. Tomaron mostras en profundidades que van desde poucos metros ata preto de 3.000 metros de profundidade ao longo da súa distribución coñecida, desde Canadá ata o Ártico.

Publicidade

Os campos de esponxas forman ecosistemas que xogan un papel fundamental nos hábitats do océano profundo onde se atopan. “A súa función nas profundidades mariñas é parecida á dos bosques nos ecosistemas terrestres, xa que proporcionan protección a unha gran variedade de invertebrados mariños, así como a un importante número de especies de peixes de interese comercial”, contextualiza o investigador do MNCN, Sergi Taboada, primeiro autor deste artigo. “Con este traballo quixemos comprobar como as poboacións destas esponxas conéctanse entre si e cal é o seu estado xeral de conservación”, continúa.

“As ferramentas xenéticas de última xeración, como a secuenciación masiva ou a transcriptómica, permitíronnos determinar que as mostras de G. hentscheli están conectadas a pesar de estar separadas por máis de 6.000 quilómetros“, explica a investigadora Ana Risco, tamén do MNCN e coautora do traballo. Esta interconexión prodúcese en parte grazas ás correntes oceanográficas que prevalecen.

Publicidade

Efectos difíciles de prever

A corrente principal que une as poboacións desta esponxa é a AMOC (Atlantic Meridional Overturning Circulation polas súas siglas en inglés), un sistema que transporta auga cálida desde os trópicos cara ao Norte e a devolve fría cara ao sur. Xoga un papel crucial na regulación do clima en Galicia. O enfraquecemento da AMOC, detectado en estudos oceanográficos recentes, ademais de engadir incerteza ao clima, podería ter efectos difíciles de prever para especies como a esponxa pataca. As súas poboacións dependen destas correntes mariñas para conectarse entre si. Esta falta de conectividade podería provocar o illamento dalgunhas das poboacións e pode conlevar á súa extinción local.

“Os nosos resultados tamén confirman un claro illamento xenético entre poboacións que se atopan por baixo e por encima dos 1.300 m de profundidade”, aclara Taboada. Este prodúcese por factores ambientais como a presión e a salinidade, que son diferentes segundo a profundidade. Os datos obtidos indican que as esponxas están perfectamente adaptadas a vivir nestas contornas con condicións ambientais tan diferentes e que o fan, tanto a nivel da propia esponxa, como a nivel dos microbios que viven en simbioses no seu interior.

Esta investigación, pioneira en ecosistemas mariños de profundidade, pode ter implicacións importantes desde o punto de vista da conservación de hábitats fráxiles como os campos de esponxas. “Esperemos que os nosos resultados poidan servir para protexer estes hábitats tan relevantes que son, ao mesmo tempo, tan pouco coñecidos”, conclúe Risco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un carrusel de frontes atlánticas asociado á borrasca Bruna acende a alerta en Galicia por fortes chuvias

Un río atmosférico procedente das rexións subtropicais do Atlántico achegará moita humidade á comunidade dende o Caribe

Buscar e atopar

Unha rara bolboreta nocturna, un tesouro galego baixo a auga e un buque oceanográfico cara á Antártida. Por Andrea Veiga

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas