O IGFAE incorpórase ao experimento do CERN que observou o bosón de Higgs

O profesor Xabier Cid será o responsable da participación do Instituto nesta colaboración internacional que reúne máis de 6.000 persoas de case 60 países

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acaba de incorporarse oficialmente ao experimento CMS (Compact Muon Solenoid) do CERN, unha das principais colaboracións dentro da Organización Europea para a Investigación Nuclear. O CMS, xunto ao experimento ATLAS, foi o responsable de observar en 2012 o bosón de Higgs, un dos maiores fitos da física de partículas nas últimas décadas.

A portavoz de CMS, Anadi Canepa, comunicou a decisión ao director do IGFAE, Carlos A. Salgado, logo de ser aprobada polo equipo de goberno do experimento nas pasadas semanas. Deste xeito péchase un proceso iniciado na primavera de 2025, que incluíu unha visita de varias responsables de CMS a Santiago de Compostela en novembro, entre elas Anadi Canepa, para coñecer de preto as novas instalacións do IGFAE e súas as capacidades científicas e técnicas.

O equipo do IGFAE en CMS estará liderado polo investigador Xabier Cid Vidal, tamén profesor titular na USC. “A incorporación do IGFAE a CMS supón un fito para Galicia, xa que se trata dunha das maiores colaboracións científicas do mundo”, destaca. “É un experimento de propósito xeral, que ten asegurada a súa toma de datos ata a década de 2040, o cal garante a permanencia do IGFAE no LHC para as futuras xeracións de físicos e físicas”, engade Xabier Cid. A incorporación a CMS permitirá tamén o reforzo do equipo do IGFAE, abrindo novas e prometedoras oportunidades ao persoal egresado do Instituto, mais tamén para a captación de talento externo que estea traballando en CMS desde outras institucións.

Procura de partículas de vida longa

No ámbito científico, o IGFAE contribuirá a CMS na procura das coñecidas como ‘partículas de vida longa’ (LLPs, polas iniciais en inglés) e a detección de partículas de sectores escuros, así como na contribución da física de sabores estraños (strange-flavour physics). Tamén achegará a súa bagaxe teórica en estudos de fenomenoloxía e estratexias de análise. Desde a perspectiva máis técnica, o centro galego achegará os seus coñecementos de computación en tempo real; en trigger (os sistemas que permiten decidir que colisións de partículas deben ser consideradas para análise); a I+D de detectores ou os métodos de aprendizaxe automática (machine learning) para a clasificación, reconstrución e simulación de sinais.

A entrada do Instituto en CMS aséntase na longa experiencia que o IGFAE atesoura nos mencionados ámbitos de traballo, logo de décadas participando no experimento LHCb, outra das principais colaboracións do CERN, onde o Instituto lidera a representación española.

Máis de 6.000 persoas

A colaboración CMS reúne a máis de 6.000 persoas (sumando persoal investigador, técnico, de enxeñaría e de computación) de máis de 50 países, representando a máis de 250 institucións e universidades. Estas cifras convértena nunha das maiores colaboracións científicas da historia da ciencia. Este equipo encárgase de operar e recoller datos do seu detector, o Compact Muon Solenoid, co obxectivo de dar resposta ás incógnitas que aínda permanecen arredor do Modelo Estándar da Física de Partículas ou a posible existencia da materia escura.

Xabier Cid é profesor da USC. Foto: IGFAE
Xabier Cid é profesor da USC. Foto: IGFAE

O detector CMS está instalado arredor do maior imán solenoide xamais construído, cun campo de 4 teslas, unhas 100.000 veces maior que o campo magnético da terra. Este campo está confinado por un ‘xugo’ de aceiro que conforma a meirande parte do peso do detector (en total, 14.000 toneladas). Mide 21 metros de lonxitude, 15 de ancho e 15 de alto. Deste xeito, funciona como unha enorme cámara de altísima velocidade, tomando imaxes en tres dimensións das colisións de partículas, que se producen nunha cantidade de ata 40 millóns de veces cada segundo. Detectar e analizar estas colisións, e as partículas que se producen nelas, axudan a coñecer máis detalles dos elementos fundamentais da materia. No ano 2012, o experimento CMS, xunto a ATLAS, conseguiu o fito de detectar o bosón de Higgs, a única partícula predita teoricamente polo Modelo Estándar que aínda non se observara experimentalmente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás

O CiQUS desenvolve un prototipo de memoria térmica que permite controlar o fluxo de calor con voltaxe

O dispositivo, baseado en películas ultrafinas ferroeléctricas, permite “acender” e “apagar” a condución térmica de forma estable

Unha nova ferramenta pública creada dende a USC analiza a evolución dos dereitos dixitais na rede

A plataforma DigiTrack, desenvolvida polo CiTIUS, permite identificar tendencias, analizar contidos e comprender o impacto social da conversación en liña sobre liberdades fundamentais

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase