O ChatGPT español falará galego: Pedro Sánchez comprométese co Proxecto Alia

O director científico do CiTIUS, Senén Barro, presentou xunto ao Centro Nacional de Supercomputación o plan de desenvolvemento dos modelos de linguaxe

O proxecto Alia, o denominado ‘Chat GPT español’, sairá á luz despois do verán. Atópase na súa fase preliminar e é o primeiro modelo de linguaxe natural en español e nas linguas cooficiais da península, sen necesidade de tradución. Este luns tivo lugar unha xuntanza dos equipos desenvolvedores co Goberno de España. Senén Barro, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), postulou trala xuntanza que Alia fornecerá unha “industria nacional” en Intelixencia Artificial (IA) xenerativa e en tecnoloxías da linguaxe. Ademais, engadiu que “para o galego suporá un avance nos recursos tecnolóxicos” que “son a base para poder desenvolver produtos, servizos e aplicacións baseados nun uso das linguas humanas”.

No encontro presentouse o plan de desenvolvemento dos modelos Alia de linguaxe e participaron o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; o ministro para a Transformación Dixital e a Función Pública, José Luis Escrivá; e o director asociado do Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS), Josep María Martorell.

Publicidade

A iniciativa atópase na súa segunda etapa de creación baixo a supervisión do Centro Nacional de Supercomputación. O ministro José Luis Escrivá cre que se converterá nunha “referencia internacional” e no “mellor modelo” de IA xenerativa en colaboración con empresas privadas IBM ou Microsoft. O obxectivo deste proxecto é desenvolver un modelo nas linguas oficiais e cooficiais para garantir a competencia dos modelos fundacionais e dos que se deriven para distintas aplicacións e dominios.

O director científico do CiTIUS explica que o equipo leva un tempo traballando nos preliminares da construción do primeiro modelo que estará dispoñible en tan só uns meses. Estas actuacións céntranse na dispoñibilidade de corpus de texto nas distintas linguas, co tamaño e calidade axeitados. O modelo estase adestrando a partir da capacidade de cómputo de Mare Nostrum V, o supercomputador do Centro Nacional de Supercomputación. Barro considerou a xuntanza “moi positiva”. “A visión estratéxica do Goberno de España é clara e situará a España na vangarda das apostas públicas neste ámbito no mundo”, postula Senén Barro.

Publicidade

O proxecto ALIA, segundo informa o Ministerio de Transición Dixital, constituirase como infraestrutura “aberta, pública e transparente”. Aínda que se compare con ChatGPT, este modelo posuirá varias diferenzas. Nun artigo publicado en elDiario.es, o director de Enxeñaría de Clientes de IBM de España, Portugal, Grecia e Israel, Eric Delgado, explica que “a calidade das respostas será moito mellor”, xa que Alia se especializará exclusivamente en español, galego, euskera, catalán e valenciano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que todos os carteis feitos con IA son iguais?

A intelixencia artificial acelera a estandarización visual ao empregarse os mesmos 'prompts' e ferramentas. Por Iria María Santos López

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións

O centro galego Gradiant deseña un sistema de IA para verificar contidos audiovisuais e prever fraudes

A plataforma, destinada a empresas e medios de comunicación, recibe un premio internacional no eido da ciberseguridade

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%