Estes vexetais nacen nun laboratorio de Vigo pero co sabor da horta

A empresa Néboda cultiva alfábega, rúcula e mostaza seguindo a modalidade da agricultura vertical de interior

É posible cultivar vexetais no laboratorio que teñan o mesmo sabor e frescura da horta? Un equipo galego afirma rotundamente que si. “A agricultura vertical de interior ten un impacto moi grande a nivel de sostibilidade porque reduce o consumo de auga en máis dun 90%”, explica Iván García, fundador da empresa Néboda, radicada en Vigo. O seu equipo traballa nun laboratorio instalado nun contedor marítimo e alí produce vexetais como a alfábega, a rúcula e a mostaza. O seu obxectivo é crear un produto cun sabor o máis parecido posible ao da horta e que teña máis duración e frescura. Ademais, os seus vexetais están libres de pesticidas, eliminan por completo a estacionalidade que rexe na agricultura tradicional e apostan polo local. Desta maneira, tamén conseguen reducir a pegada de dióxido de carbono derivada do seu transporte.

A primeira semente de Néboda brotou hai máis dunha década, cando Iván García e a súa muller fixeron unha viaxe a Ámsterdam. No Museo da Ciencia da capital había unha área onde divulgaban sobre hidroponía e acuaponía e a García chamoulle tanto a atención que decidiu investigar en profundidade. “Descubrín que era unha maneira moi eficiente de producir e, ao mesmo tempo, de reducir moito o consumo de auga”, di o fundador de Néboda. Porén, a idea quedou suspendida no aire e non se volveu familiarizar con ela ata o 2018, cando nun curso de francés falaron dos cultivos de vexetais nas cubertas de edificios do Canadá. Prendeu de novo a chama e xunto a un compañeiro de traballo decidiron realizar un pequeno investimento nunha empresa finlandesa e viaxaron a Estados Unidos para confirmar as súas hipóteses: que coa agricultura vertical de interior, e nun entorno completamente controlado, se podía crear un produto de calidade.

Publicidade

“Entre outubro e novembro poremos en marcha unha fábrica en miniatura para cultivar de maneira máis óptima máis variedades vexetais”

IVÁN GARCÍA, fundador de Néboda

Despois de corroborar as súas premisas decidiron constituír a empresa e lanzáronse á compra dun laboratorio en 2020, o mesmo ano no que comezaron a súa andaina. “Recibímolo totalmente integrado nun contedor marítimo de 40 pés con todo o que necesitabamos para poñer en práctica a agricultura vertical de interior”, lembra García. Aínda que os comezos foron duros, un ano despois foron capaces de producir de maneira estable “vexetais de calidade superior”. De feito, en 2021 asinaron o seu primeiro acordo cun distribuidor de restauración para vender o seu produto a través do cal, aínda a día de hoxe, venden toda a súa produción. De momento, están centrados fundamentalmente no cultivo da alfábega, pero tamén da rúcula e da mostaza. O seu seguinte obxectivo é a leituga de folla tenra. Xa comezaron a facer probas pero aínda non a están comercializando.

En 2021 tamén comezaron a deseñar o que será o seu próximo laboratorio: un prototipo o dobre de grande que o actual pero cunha capacidade de produción 10 veces maior. “É unha fábrica en miniatura que nos permitirá aumentar a produtividade por metro cadrado e cultivar de maneira máis óptima máis variedade de vexetais“, explica García. De feito, neste prototipo tamén apostarán pola automatización e a posta en marcha dun robot que accederá a cada unha das balsas de cultivo para facer unha análise dos parámetros de crecemento das plantas. A través dunha cámara de visión artificial, o robot sacará imaxes dos cultivos e controlará, en tempo real, o estado dos vexetais. “Estamos traballando no desenvolvemento dunha tecnoloxía propia para crear un prototipo con máis automatización, ferramentas de control máis eficientes, maior análise de datos, redución dos labores de mantemento das instalacións e incluso dos tempos de limpeza”, apunta o fundador de Néboda. Está previsto que esta “fábrica en miniatura” comece a funcionar entre finais de outubro e principios de novembro.

Publicidade

Visión de futuro

No que respecta ao futuro da empresa, García prefire manterse no presente e seguir traballando día a día en dúas liñas moi claras: a contrución do prototipo e o desenvolvemento de tecnoloxía propia. Tamén están moi centrados na análise continua dos cultivos para buscar a mellora do seu proceso de produción. “Intentamos reformular a nosa solución nutritiva. Por exemplo, analizando como afecta o nivel de CO2 ás plantas e as melloras xenéticas. De feito, estamos nun proxecto para ver como inflúen as lonxitudes de onda no impacto organoléptico da planta”, apunta o fundador de Néboda. Desta maneira, buscan que o seu produto sexa o máis atractivo posible en canto a sabor ou ben que produza máis antioxidantes dunha determinada molécula.

“Nun metro de agricultura vertical producimos o mesmo que en 100 de tradicional”

IVÁN GARCÍA, fundador de Néboda

Outro dos seus obxectivos clave, esta vez a curto prazo, é estar presente nos supermercados coas súas variedades de herbas aromáticas e ensaladas “listas para consumir e cunha maior duración e frescura”. Tamén pretenden ampliar a súa carteira de produtos e teñen en mente introducir novos vexetais de cultivo, apostando polos amorodos e os tomates cherry. García cre que a agricultura vertical de interior chegou para quedar, sobre todo polos seus beneficios dende o punto de vista da sostibilidade. Aínda que pensa que esta técnica é perfectamente compatible coa agricultura tradicional, o fundador de Néboda aposta por desenvolver alternativas, e sentencia: “A nosa pegada ecolóxica é moi inferior. Somos capaces de producir nun metro de agricultura vertical o mesmo que en 100 metros de agricultura tradicional.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas