Un novo estudo, elaborado por persoal investigador do Servicio Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA), NEIKER-Instituto Vasco de investigacións agrarias, o Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) e o Centro de Investigación Biomédica en Rede Enfermidades Infecciosas CIBERINFEC, analiza a presenza da carracha transmisora da enfermidade de Lyme no norte da península e as conclusións son claras: Galicia é unha das zonas do noroeste peninsular con maior densidade de Ixodes ricinus.
O estudo (Spatiotemporal dynamics of Ixodes ricinus abundance in northern Spain) relaciona os factores que inflúen na abundancia de carrachas e das súas ninfas para identificar de forma precisa as épocas do ano nas que hai maior abundancia, así como as áreas nas que esta presenza é maior, nas que estaría gran parte de Galicia. A investigación céntrase na zona noroeste da península ibérica por dous motivos: é a rexión máis ao sur da súa principal área de actividade en Europa e, ademais, é onde máis hospitalizacións por Lyme se producen. Para o seu desenvolvemento, analizáronse mostras de hábitats en distintas localizacións ao longo de tres anos, cada mes ou 15 días, de xeito que se puideron comprobar as variacións na densidade de poboación da carracha.
Humidade, temperatura e presenza de hóspedes, factores clave
Estes cambios relacionáronse cunha serie de parámetros. Por unha banda, analizáronse factores abióticos, como son o índice de vexetación de diferencia normalizada (o que sería a humidade do solo) e a temperatura da terra na superficie. Pola outra, tivéronse en conta elementos relacionados cos hóspedes que parasita a carracha: o hábitat e o tipo de animais presentes. Francisco Ruiz-Fons, investigador do Grupo de Investigación en Sanidade e Biotecnoloxía (SaBio) do IREC e coautor do estudo, abunda nisto: “Xeralmente, aquelas zonas nas que hai hóspedes en abundancia e que ademais presenta condicións óptimas para o desenvolvemento das distintas fases (temperatura) e para a súa pervivencia (humidade), son zonas con altas densidades”. Para exemplificalo, explica que as zonas de alta montaña adoitan ser máis frías, polo que aínda que sexan húmidas ou haxa gran densidade de hóspedes, non vai haber alta densidade de Ixodes.
A incerteza como norma
É lóxico pensar que, co actual contexto de cambio climático e subida da temperatura media, se pode agardar un cambio na abundancia das carrachas. Ruiz-Fons pon en relación isto cos factores analizados. “A temperatura é un factor esencial no desenvolvemento desta especie”, sinala, “pero a relación non é lineal”. Si, poden sobrevivir mellor ao inverno ou en zonas onde as temperaturas eran máis baixas, pero se vai mais calor en verán, “o estrés hídrico aumenta moito, e é unha carracha moi sensible á falta de humidade”. O investigador recoñece que se a temperatura aumenta e continúa a estación de chuvias “poderemos ver un aumento das carrachas, que probablemente sexa o que pasou nos últimos 20 anos no norte de España.
Pero esta carracha depende dos seus hóspedes e non sabemos como o aumento das temperaturas pode afectar positiva ou negativamente á súa presenza e abundancia”. Adaptado a Galicia, isto podería levar a unha diminución dos ácaros. “En Galicia as condicións levan décadas sendo favorables, pero é posible que se alcancen temperaturas que comprometan a supervivencia e en 20 anos teñamos menos Ixodes ricinus que agora”. De feito, o informe recoñece na comunidade zonas de “alta incerteza”.
O cando e o onde da abundancia de carrachas
No relativo ás épocas de maior presenza, carrachas e ninfas teñen a súa maior actividade nos meses primaverais e de comezos de verán, mentres que é nesta última estación cando máis larvas se atopan. Este maior solapamento temporal podería ter implicacións na transmisión de patóxenos, pero a investigación non afonda neste feito. Sobre a proxección espacial do modelo, as zonas de maior densidade de ninfas en Galicia son as provincias de Coruña e Pontevedra na súa práctica totalidade, así como zonas de Lugo e, en menor medida, Ourense. As carrachas adultas teñen menor presenza en toda a rexión, aínda que mantense o patrón de maior densidade nas provincias atlánticas. O estudo advirte de que a precisión do seu modelo espacial é limitada, debido á diversidade de ambientes e condicións que se dan na zona analizada.
En xeral, todo o terzo norte peninsular, especialmente as zonas de influencia climática atlántica e onde as temperaturas son suaves tanto no verán como no inverno, presentan moi alta abundancia da especie, como reflicte o estudo e confirma Ruiz-Fons. Porén, aclara: “Incluso no norte hai moitas zonas que os hóspedes desta carracha non utilizan con frecuencia, por exemplo as masas de repoboación de eucaliptos, polo que estas zonas serían desfavorables para albergar altas densidades”.
A transmisión da enfermidade de Lyme
O estudo destaca como as zonas con maior densidade de carrachas e ninfas teñen tamén as taxas máis altas de hospitalizacións por Lyme en España, que son ademais as que experimentaron un repunte importante nos últimos anos da enfermidade. Ruiz-Fons matiza isto. “O risco de transmisión de patóxenos depende de se onde I. ricinus é abundante tamén se dan as condicións para que os patóxenos estean presentes e circulen na poboación local de carrachas”.
Ruiz-Fons apunta que as comunidades de hóspedes na zona norte do país adoitan ser ricas, coexistindo aves, pequenos mamíferos e ungulados (os que adoitan ter pezuños), pero non ten por que ser uniforme. Por exemplo, unha zona con cervos ou corzos pode ter abundancia de Ixodes; porén, as bacterias causantes de Lyme adoitan reproducirse en aves ou pequenos mamíferos, polo que se non hai estes animais é menos probable que se vexa unha alta taxa de infección.
Para o investigador, hai que ter en conta outros factores complementarios que poidan xustificar o maior número de infeccións, non só aludir ás mellores condicións para a pervivencia da carracha. Sinala, por exemplo, certos cambios nos patróns das persoas, como pode ser un aumento de actividades na natureza, como sendeirismo ou montañismo. “É necesario complementar os estudos de abundancia de carrachas con estudos nos que identifiquemos cales son os factores que provocan que máis ou menos carrachas estean infectadas por un patóxeno”, matiza.
“Os nosos resultados son útiles como advertencia de onde e cando só hai que estar atento ás picaduras”. Ruiz-Fons amosa as posibilidades do estudo que, con mellores datos podería afinar a capacidade de identificar con maior precisión as áreas de densidade do ácaro e, a partir de aí, desenvolver novas potencialidades. “Se sabemos onde e cando é máis probable que nos pique unha carracha cando saímos á natureza, máis fácil será para nós tomar medidas preventivas para evitar a picadura e a transmisión de infeccións. Isto non evitará todos os casos, pero podería reducir a incidencia de novos casos de enfermidades transmitidas por I. ricinus”.
Referencia: Spatiotemporal dynamics of Ixodes ricinus abundance in northern Spain (Publicado en Ticks and Tick-borne Diseases)














