O xurado dos Galicia Spin-Off reúne a persoas destacadas da ciencia, a empresa e a comunicación

O prazo de candidaturas dos galardóns convocados por GCiencia permanecerá aberto ata o 31 de xullo

Un grupo de personalidades dos campos da investigación, a empresa e a comunicación serán os encargados de decidir os gañadores da VIII edición dos Premios Galicia Spin-Off, convocados e organizados por GCiencia. Como cada ano, o xurado elexirá as mellores empresas e proxectos xurdidos desde as universidades galegas nos apartados Idea Emerxente e Selo de Calidade, así como o grupo de investigación máis destacado do ano. Os galardóns contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Unversidades, Unirisco e Gadis, entregaránse antes de final de ano.

As spin-off, empresas xurdidas desde os laboratorios das universidades, convertéronse en motor de emprego e alicerce da transferencia tecnolóxica. A través de patentes, ideas de negocio, proxección internacional e saída empresarial aos mercados, non só dinamizan a economía, senón que contribúen a xerar unha marca de país. Para poñer en valor ese esforzo investigador e innovador, GCiencia creou en 2015 os Premios Galicia Spin-off, destinados a recoñecer as mellores iniciativas empresariais e universitarias no campo da innovación e a transferencia de tecnoloxía da universidade á empresa.

Publicidade

Nesta nova edición, os premios contarán cun xurado formado pola subdirectora xeral de Promoción Científica da Xunta, Irene Bonome, a investigadora galega Alicia Bruzos, o responsable do departamento de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE-Galicia), Luciano Covelo, e o director de GCiencia, Pablo López.

Irene Bonome Gradaílle é licenciada en Matemáticas pola USC e funcionaria do Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta. En abril de 2023 foi nomeada Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu distintas actividades de carácter científico, técnico e de xestión. Entre outras responsabilidades foi xefa do departeamento de Sociedade e Talento Dixital de Amtega.

Publicidade

Papel da muller na ciencia

Alicia L. Bruzos é unha bióloga, bioinformática e exploradora galega especializada na xenómica do cancro e na oncoloxía mariña. É doutora pola USC e traballou en laboratorios de investigación en Estados Unidos, Irlanda, España, Corea do Sur, Inglaterra e Francia. Actualmente, goza dun contrato europeo Marie Skłodowska-Curie en Normandía. Alicia deu máis de 30 charlas e gañou 15 premios. É unha defensora do papel da muller en ciencia, e participa activamente en organizacións que promoven a igualdade de xénero.

Pola súa banda, Pablo Mosquera Martínez é director de investimentos de Unirisco, unha sociedade de capital risco especializada en investimento semente en startups deep tech. Mosquera ten un máster en xestión financeira e unha licenciatura en Empresas. Durante a súa traxectoria desempeñou diferentes cargos relacionados coa xestión da innovación, a transferencia de tecnoloxía e o emprendemento. Antes de Unirisco, traballou como xestor de transferencia de tecnoloxía nun instituto de investigación sanitaria, axudando a crear varias startups e concedendo licenzas de tecnoloxías sanitarias a empresas.

Representante da empresa

Luciano Fariña é presidente da Asociación de Jovenes Empresarios de Galicia. É licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade San Pablo CEU e máster en Auditoría de Cuentas pola Universidade de Deusto. Na súa experiencia laboral traballou como administrador concursal, consultor e asesor fiscal e posúe empresas en diversos sectores.

Por último, Pablo López é cofundador e director do portal GCiencia, medio de referencia da información científica en Galicia e un dos dixitais máis destacados da comunidade autónoma. É licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e traballou en xornais como Faro de Vigo e El País.

Como vén ocorrendo nos últimos anos, nesta nova edición os premios recoñecerán o labor desenvolvido polas empresas e os grupos de investigación galegos nas tres categorías dos galardóns. Entre os obxectivos deste certame figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade pública e a empresa e alentar o emprendemento dos grupos de investigación

Alicia Bruzos.

As empresas e grupos de investigación interesados en participar nas categorías Idea Emerxente e Grupos de Investigación poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com. O prazo de presentación de candidaturas termina o próximo 31 de xullo.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou a empresa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Fotos | Así foi a entrega dos Premios GCiencia Galicia Spin-off 2025

Na cerimonia recoñeceuse a labor de iniciativas innovadoras xurdidas a partir do ámbito das tres universidades públicas galegas

BioFarma, Alén Space e Neutron Insights reciben os Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Representantes institucionais, académicos e empresariais asistiron ao acto de entrega dos galardóns, que se celebrou en Santiago

Alén Space, BioFarma e Neutron Insights, gañadores dos Premios GCiencia 2024

Os galardóns ás mellores spin-offs e grupo de investigación de Galicia, que este ano fan a súa oitava edición, entregaranse o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos