Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación

Galicia vive estes días o paso dunha potente borrasca que, no seu momento, acadou a categoría 4 como furacán. Os restos de Kirk atópanse agora na comunidade e o seu impacto é evidente, tendo en conta as alertas climatolóxicas activadas nas catro provincias: o balance do seu paso deixa refachos de ata 181,1 km/h na estación de Lardeira (a 1.620 metros de altura) en Carballeda de Valdeorras e, en varias localidades de Pontevedra e da Coruña, acumulacións de máis de 100 litros por metro cadrado en tan só 12 horas.

Mentras les estas liñas, outros dous furacáns cruzan o océano Atlántico dende os trópicos: Milton, cunha categoría 5, e o máis recente, Leslie. Segundo o investigador en Física atmosférica da USC Gonzalo Míguez Macho outubro é un mes no cal a formación deste fenómeno natural tan impresionante é a norma e non a excepción. Ás veces, aínda que é raro, ata son capaces de cruzar o Atlántico e chegar ás nosas costas, malia que debilitándose ata converterse nunha borrasca: serva como exemplo o caso de Danielle, que no 2022 activou a alerta amarela en toda Galicia.

Publicidade

Polo de agora, podemos respirar con tranquilidade: a xeración dun furacán só é posible nas augas oceánicas tropicais. Con todo, o cambio climático e o fenómeno do quecemento global achegan incertezas á hora de prognosticar a magnitude e frecuencia dos furacáns. Serán máis comúns ou máis extremos no futuro? Como se xeran estes ciclóns tropicais e que diferencia ás borrascas como a que se atopa estes días en Galicia de fenómenos como Milton ou Leslie?

No ollo do furacán

Fereza e simetría á vez: é o que caracteriza a este tipo de ciclóns de baixas presións orixinados nos trópicos. Os furacáns teñen unha estrutura vertical semellante a unha cheminea, aínda que o máis característico, se cadra, é o seu ollo, unha zona de calma e dende a cal é posible ver o Sol. Iso si, arredor do ollo, de todo menos a quietude: “Na parede do ollo é onde se concentra a maior forza do furacán, cuns ventos incribles e moita humidade”, engade Míguez.

Publicidade

O furacán Patricia foi o fenómeno climatolóxico deste tipo máis violento rexistrado ata o momento. En outubro de 2015 notificáronse refachos de vento de ata 400 km/h nas costas de México. Foto: Wikipedia.

Ao igual que as borrascas, son sistemas de baixas presións. Porén, os furacáns adoitan ser relativamente pequenos, e non teñen frontes, nin frías nin cálidas. Tamén son moito máis localizados, explica o físico: “Mentres que unha borrasca pode chegar a cubrir unha rexión de centos e centros de quilómetros, o vento forte do furacán afecta a unha zona máis pequena, que é a do camiño que percorre”. A súa simetría perfecta engaiola, pero coidado: nun ciclón tropical o vento pode chegar a ser de 200 km/h dun xeito constante, con refachos moito máis fortes. “Son ventos capaces de facer voar obxectos ou mesmo árbores como se fosen mísiles“, comenta Míguez. Causan moitísimo dano, e de feito, ata poden matar. “Un furacán, en resumidas contas, e algo que nós nin podemos imaxinar”, reflexiona.

Tocar terra e derrubarse

O que sostén aos furacáns do trópico é acalor que se libera na condensación do vapor da auga e na temperatura mesma do mar. Por iso, cando saen do mar onde se orixinan e entran en terra, véñense abaixo. Non desaparece o seu efecto, como a humidade, xa que seguen a causar moitísima chuvia, pero son incapaces de manter a súa forma. Tamén perden a súa estrutura característica de cheminea cando se moven cara o norte saíndo da zona tropical. As augas máis frías, as masas de aire menos húmidas e máis frías e os ventos cambiantes coa altura que atopan acaban convertindo estes sistemas en borrascas como as que afectan Galicia durante
todo o ano.

O que estamos vivindo, e en primeira persoa segundo explica o investigador da USC, é o impacto dun furacán transformado nunha borrasca que aínda mantén a súa enerxía.

Agora, atopámonos fronte unha borrasca potente, “máis forte do normal, pero que perdeu a estrutura que a facía ser un evento extraordinariamente forte”. Porén, aclara, aínda é capaz de facer moito dano.

Época de furacáns

Non é insólito que os restos dun furacán cheguen a Galicia nesta época do ano. De feito, segundo Míguez, en outubro prodúcese o pico da estación de furacáns: “É máis doado que algún deles dea a volta e remate afectándonos a nós neste mes”. Conforme se vaia aproximando a chegada do inverno diminuirán as posibilidades de vivir outro episodio semellante ao de Kirk ata ser completamente nulas, “basicamente porque este fenómeno xa non se podería dar”. O que si é probable, advirte o físico, é a chegada das cicloxéneses explosivas, as cales xorden froito das inestabilidades dentro da circulación atmosférica e non por un furacán.

Se o prognóstico sobre a actividade dos furacáns en cada tempada é complexo, o cambio climático engade un extra de incerteza: “Hai modelos que din que se darán con menos frecuencia pero dun xeito máis potente, mentres que outros din que haberá máis“. Porén, a día de hoxe aínda non se observou ninguha tendencia que sinale algunha das dúas opcións como a máis probable.

A incerteza do futuro

A lóxica dinos que, cun auga máis quente, os furacáns deberían ser máis extremos. Porén, a temperatura da auga non é a única variable importante: “Téñense que dar unhas condicións particulares para que se produza o fenómeno do furacán, unha especie de semente que poña o mecanismo a andar”. Segundo explica o físico, é necesario que o vento non vaia a diferentes velocidades dependendo da altura á cal se atopen, unha condición que basicamente só se cumpre nos trópicos. A temperatura da auga terá que atoparse por enriba dos 26 graos. Ademais, “ten que haber algo que inicie a convección, esa tempestade”. Normalmente ese algo vén dado por perturbacións nos ventos Alisios que veñen de África, mais tamén poden ser outro tipo de alteracións noutras zonas, mesmo no Golfo de México, tal e como ocorre no caso do furacán Milton.

Segundo meteorólogos como o doutor JJ González Alemán, outro dos efectos do cambio climático sobre os furacáns tería que ver coa súa rápida intensificación: é o caso de Milton, que pasou de ser unha tormenta tropical a un furacán de categoría cinco en tan só 24 horas.

O exfuracán Kirk vai abandonando progresivamente Galicia. Pouco a pouco, recuperamos a nosa normalidade, caracterizada pola chuvia abundante e un tempo en calma, como o ollo do furacán.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe