As infeccións en galiñas poñedeiras e en leitóns criados en réxime de pastoreo poden previrse mediante a pulverización duns fungos capaces de destruír os parasitos presentes no solo. Esa é unha das principais conclusións do proxecto FUNTRAPA no que participan o produtor Pazo de Vilane, a Asociación PRODEME, o grupo COPAR da Universidade de Santiago e a Fundación FEUGA. Ao abeiro deste proxecto, que chega á súa fin, celebrarase un evento de peche no que se presentarán os resultados do mesmo. Celebrarase no Pazo de Vilane, en Antas de Ulla (Lugo), o xoves 17 de outubro de 10 a 12 horas.
O grupo FUNTRAPA xurdiu en 2022 buscando mellorar a sustentabilidade da produción animal en explotacións que traballan baixo o esquema de benestar animal e utilizan sistemas de alimentación baseados no pastoreo. Estes animais son sometidos a tratamentos químicos frecuentes para previr as enfermidades ás que están expostos no réxime pastoril, contribuíndo á alteración de ecosistemas e á desaparición de organismos beneficiosos para o solo.
Diminución do risco por debaixo do 40%
O proxecto FUNTRAPA propón a distribución dunha mestura de fungos filamentosos saprófitos (Mucor circinelloides e Duddingtonia flagrans). Atópanse habitualmente na natureza e son inocuos para os microorganismos de vida libre, especies animais, persoas e plantas. A distribución realizouse mediante a pulverización directa en cortellos ou zonas en pastoreo ou mediante sementeira de terreos con sementes forraxeiras previamente mergulladas en cultivo líquido con fungos. Con ela conseguiuse diminuír o risco de infección por endoparásitos por baixo do 40% en galiñas poñedeiras e leitóns en cebo, así como as lesións causadas por estes patóxenos ao 10%. Todo iso cun único tratamento antiparasitario por ano, xusto antes da introdución dos animais nos pastos.
Co grupo operativo FUNTRAPA conseguiuse, por tanto, unha ferramenta para o control antiparasitario que proporciona unha solución eficaz, en compromiso coa sustentabilidade gandeira, nos réximes de pastoreo.
Financiamento
O proxecto FUNTRAPA está financiado polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5% e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2.5%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.














